Residuos
Obrigas que lles atinxen aos productores de residuos urbanos ou municipais en canto ao seu depósito e presentación dos mesmos para a súa recollida.
-
DEPÓSITO.- Cada fracción de residuos procedentes dese establecemento, deberá depositarse nos contedores específicos situados na vía pública, con diferenciación concreta dos que son orgánicos e dos que son inorgánicos:
-
Os orgánicos deberanse depositar nos colectores de tapa verde entre as 20:00 e as 24:00 horas (nos meses de verán entre as 22:00 e as 24:00).
-
Os inorgánicos (distintos do papel, cartón e vidro), deberanse depositar nos colectores de tapa amarela ou de tapa laranxa (a calquera hora entre as 08:00 e as 22:00).
-
O papel e cartón, deberanse depositar (a calquera hora do día) nos contedores azuis específicos; sempre no interior dos mesmos, nunca fóra.
-
O vidro, deberase depositar nos contedores tipo iglú (a calquera hora entre as 08:00 e as 22:00).
-
De seren productores doutro tipo de residuos inorgánicos, que non estea prevista a recepción nos colectores existentes na rúa, deberán achegalos ao Punto Limpo que este concello posúe no Polígono de Sabón, na Av. da Prensa, inmediacións da Ponte do Rañal, en horarios de 09:30 a 13:00 ou de 15:30 a 19:00 --de luns a venres-- ou de 09:00 a 14:00 os sábados--).
-
PRESENTACIÓN DOS RESIDUOS.- As distintas fraccións de residuos deberanse presentar para o seu depósito, do seguinte xeito:
-
Os residuos orgánicos depositaranse sempre dentro de bolsas de plástico debidamente pechadas e consistentes, para evitar a dispersión dos mesmos ou os vertidos ao dominio público.
-
Os residuos inorgánicos miúdos (distintos do cartón, papel e vidro), depositaranse tamén dentro de bolsas de plástico pechadas.
-
Os residuos inorgánicos voluminosos (coa fin de non saturar os colectores) deberanse achegar ao Punto Limpo, ou poñerse de acordo co persoal daquel para concertar a data de recollida.
-
O papel e cartón, depositarase sen bolsa, sempre no interior do contedor, operación para a que terán que desfacerse as caixas para poder introducir o cartón pregado.
-
O vidro introducirase no iglú a granel, para o que as botellas e botes irán sen tapóns nin tapas.
(Para o caso hipotético de que os colectores de recollida de residuos sexan insuficientes, porque non poden asumir o volume de residuos urbanos correctamente depositados polos respectivos productores, cómpre que se lle requiran os precisos á entidade Consorcio As Mariñas que ten encomendada a recollida dos residuos sólidos urbanos nos concellos da área metropolitana da Coruña --Teléfono. 981.784704--).