Praias

As praias son xeralmente lugares de esparexemento e de ocio para a cidadanía, pero tamén son espazos naturais de gran riqueza xeomorfolóxica que conforman parte da paisaxe particular do Concello de Arteixo. Desde o departamento de Medio Ambiente queremos promover un turismo ambiental sostible que é aquel que fai un uso racional dos recursos naturais, evitando a súa sobrexplotación, e que permitirá non só a protección e conservación destas paraxes singulares e peculiares, senón que tamén promoverá un desenvolvemento económico do sector turístico arteixán, non só a curto prazo senón que tamén a medio e longo prazo.

Areal Salsa

Os máis de doce quilómetros que conforman as costas do Concello de Arteixo están orientados na súa práctica totalidade mirando cara ao Norte, sen ningún tipo de protección natural, o que fai delas unha zona na que o mar embate fortemente, tanto nas súas zonas rochosas e acantalidas (ata corenta metros na zona de Punta Langosteira), coma nos areais que se localizan nesta franxa costeira, o que fai deste treito de costa un bo preludio da Costa da Morte, localizada a continuación, se nos desprazamos cara ao Oeste.

O Regato de Augacai, na Enseada de Lourido serve de deslinde entre a parroquia de Caión, situada ao Oeste e o Concello de Arteixo. De navegarmos a carón da costa desde este punto e cara o L-NL despois de pasar a Punta das Martiñas atoparémonos co Porto de Sorrizo, porto natural cunha pequena actividade pesqueira, na súa maioría afeccionada, sobre o que se localiza a parroquia do mesmo nome. Desde este punto e despois dun pequeno treito costeiro de zona rochosa chegaremos rapidamente á primeira praia, seguindo en dirección Leste, á praia do Reiro, na parroquia de Chamín. Inmediatamente despois e tras pasar as Pedras do Esteiro atopámonos coa praia de Barrañán e a continuación coa das Combouzas.

A partir deste punto comezan a aparecer distintos saíntes rochosos ou pequenos cabos que van separar unha serie de areais de menor tamaño: a Punto do Compás separa a anteriormente nomeada Area Grande e a Punta do Petón, esta da Area Pequena. Aquí deberemos de navegar máis alonxados da costa por mor da existencia de numerosos baixos e illotes que nos impiden achegarnos moito de non sermos perfectos coñecedores destes accidentes, pero isto non nos impide divisar as praias da Salsa e a de Repibelo, unha a continuación da outra, e despois dun pequeno tramo rochoso de costa chegar á Punta de Alba, para divisar posteriormente o Areal de Alba ou de Sabón, na que pola súa marxe dereita desemboca o Encoro do Rexedoiro.

A costa nesta situación cambia de orientación e adéntrase no mar en dirección Norte, formando a Península de Langosteira, sobre a que se asenta a poboación de Suevos, que presenta dous cabos: o Cabo Cociñadoiro, mirando ao Oeste, e a Punta Langosteira, cara ao Leste. Trala segunda destas puntas accédese ao porto de Suevos a carón do que se atopan dúas pequenas praias, A Area Grande e A Area do porto, e máis cara o Leste a de Augadoce.

Novamente orientada cara ao Norte a costa transcorre até chegar á Punta Regueiro, na que se funden os concellos de Arteixo e da Coruña.

Areal Grande

Unha vez descrita a costa do Concello e os accidentes máis salientábeis cos que nos podemos atopar faremos un seguimento máis polo miúdo das características das praias xa nomeadas, dada a importancia que estas teñen en canto á explotación por parte do home. Faremos en primeiro lugar unha descrición detallada das características das tres grandes praias do Concello: Barrañán, Area Grande e Alba, para pasar posteriormente ás de menor tamaño, pero non por isto de menor importancia.

Análise das augas de baño