Arteixo é un vila que soporta unha grande presión humana e industrial facendo que boa parte do territorio estea artificializado. Mais, aínda podemos atopar lugares que están pouco transf ormados ou modulados pola acción do home -como as praias, os bosques, os tramos altos e medios dos ríos Sisalde, Bolaños e Seixedo, etc- e que é onde podemos atopar unha boa parte da biodiversidade típica de Galicia. Asemade, cómpre salientar que o Encoro de Rexidoiro - no polígono industrial de Sabón -, a pesares de ser un lugar totalmente ántropico, sufriu desde a súa construcción un proceso de "naturalización" co asentamento de numerosas especies silvestres que o converteron, hoxe en día, nun lugar de gran importancia ornitolóxica.
Ameneiro, abeneiro, amieiro (aliso)
Alnus glutinosa (L.) Gaertner
é a árbore típica da beira dos nosos ríos e regatos, formando os chamados bosques galería. Os lugares onde abundan chámanse amenedos. Estas árbores son fundamentais para a conservación dos sistemas fluviais. As súas raíces impiden que a auga marche coa terra das beiras dos cauces axudando a previr as enchentas. Certos fungos fixadores do nitróxeno do aire viven nelas formando uns vultiños chamados nódulos; coa súa actividade enriquecen o solo.
Salgueiro, salgueira (sauce)
Salix atrocinerea Brot.
Arboriña de escasa altura, coas follas caducas de forma ovada. Chaman a atención as flores femininas que se agrupan nunhas formacións parecidas a pequenas colas de coello. Hai pés macho e pés femia. A madeira é pouco apreciada, pero da casca sacábase a salicina, base do ácido acetilsalicílico das aspirinas
Carballo (roble)
Quercus robur L.
é a árbore sagrada dos celtas. Ao igual que os castiñeiros o seu crecemento é moi lento podendo durar até os dous mil anos. As follas son caducas e teñen a beira a xeito de entrantes e saíntes formando lóbulos, e na base presentan unhas aurículas características. O froito é a landra, moi empregada como alimento para os porcos.
Bidueiro, bidueira, bido (abedul)
Betula celtiberica. Rothm et Vasc.
árbore que ten afinidade pola luz e polos solos ricos en auga. Aguanta ben o frío e rexenérase con facilidade despois dos lumes (pirófita). A casca é tipicamente abrancazada e as follas son caducas con forma de corazón.
Loureiro (laurel )
Laurus nobilis L.
árbore mediterránea que aquí presenta forma arbustiva, de follas perennes e coriáceas (coma se fosen de plástico), de verde moi escuro. Hai plantas macho e plantas femia. O froito é coma unha oliva pequena, que ao madurecer pasa de verde a negro. Son símbolo de gloria e victoria. Con eles fanse as coroas dos campións. A palabra bacharelato deriva das latinas "bacca" e "laurea", nome de froitos e follas respectivamente.
Espadana (Espadaña)
Typha latifolia
Planta acuática de gran porte, que ás veces forma densas manchas.
Lontra (Nutria)
Lutra lutra
Resulta interesante e notoria a presenza, posibelmente regular. é difícil de observar polos seus hábitos principalmente nocturnos, mais é doado ver as súas pegadas e restos de alimentación no fango das beiras do encoro.
Raposo (Zorro)
Vulpes vulpes
é un animal marcadamente xeneralista, é dicir, que vive en calquera tipo de medio e aliméntase de calquera recurso dispoñíbel. é doado localizar as súas pegadas nas terras que rodean o encoro ou mesmo na súa beira.
Esquío (Ardilla roja)
Sciurus vulgaris
De distribución ampla, ocupa a práctica maioría de Europa e norte de Asia. Na Península Ibérica presenta unha distribución descontinua.
Escribenta das Canaveiras (Escribano Palustre)
Emberiza schoeniclus
Especie altamente dependente de zonas húmidas con boas formacións de vexetación helofítica. "En Perigo de Extinción". Poboacións en acusado declive. O carrizal acolle 2 parellas reprodutoras.
Picapeixe (Martín Pescador)
Alcedo athis
Pousa en ramas e paos. As cores verdes, azuis e laranxas que loce chaman moito a atención. Mergúllase na auga na procura de peixes. Frecuente no inverno e outono.
Corvo Mariño Grande (Cormorán Grande)
Phalacrocorax carbo
Abundante no interior das rías e encoros de todo o país. En aumento en toda Europa. Aliméntase de peixes, repousa de forma colonial en árbores formando durmideiras de varios centos de aves.
Gaivota Chorona (Gaviota Reidora)
Larus ridibundus
De menor tamaño que a clara, loce un lunar negro detrás do ollo no inverno; no verán ten a cabeza enteira de cor castaño escuro.
Gaivota Patiamarela (Gaviota Patiamarilla)
Larus michaellis
A gaivota máis abundante nas cidades e vilas da costa, onde cría en tellados e edificios. O encoro proporciónalle auga doce para se asear.
Garza Cincenta (Garza Real)
Ardea cinerea
Ave zancuda da familia das garzas, case sempre inmóbil. Frecuente en zonas húmidas e sistemas fluviais. Aliméntase de peixes. Abundante todo o ano.
Galiñola Negra (Focha Común)
Fulica atra
Habitual na zona durante todo o ano. Poboación reprodutora non menor de 30 parellas.
Galiñola (Gallineta Común)
Gallinula chloropus
Típica de espesuras de vexetación palustre en zonas pouco inundadas. Carácter escondedizo e discreto. Efectivos reprodutores (en torno ás 20-30 parellas).
Lavanco (ánade Azulón)
Anas platyrhynchos
Pódese atopar no Encoro de Rexidoiro, Meicende e na lagoa do río Bolaños en Arteixo. O núcleo reprodutor existente na zona foi estimado en anos recentes arredor das 30-40 parellas, polo que o encoro constitúe un interesante refuxio de cría no ámbito provincial.
Rela (Ranita de San Antón)
Hyla arbore
Faciana "bondadosa", onde chaman a atención os grandes ollos, de iris dourado e pupila horizontal. Brillante cor verde, pequeno tamaño (menos de cinco centímetros). O canto é un tanto estridente e forte, un kr,kr,kr,kr,kr ... rápido e repetitivo
Pintafontes verde (Tritón jaspeado)
Triturus marmoratus
Esta especie non se considera como ameazada. Con todo, en virtude das ameazas e declives observados, debe realizarse un seguimento das poboacións para detectar unha posible regresión xeralizada da especie en Galicia.
Cobra de colar (Culebra de collar)
Natrix natrix
Relativamente grande. Totalmente inofensiva. Debe o seu nome a un debuxo, onsistente nunha franxa clara situada na zona dorsal postcefálica.
Lagarto das silvas (Lagarto verdinegro)
Lacerta schreiberi
Machos cunha chamativa gorxa azul que exhiben entre os matos ou silvas nas que viven. As femias son máis discretas e portan no dorso un deseño en parches escuros sobre fondo pardo que lembra os traxes de camuflaxe.