Fraga e muíño de Sisalde

Fraga

Fraga de Sisalde

Non hai moito tempo, Galicia era unha inmensa fraga de carballos, castaños, salgueiros, ameneiros, bidueiros, loureiros, freixos, faias, acivros, buxos e outras árbores. A gran incidencia que o ser humano tivo no medio natural e a busca insistente dunha mellora da calidade de vida desembocou nun mundo totalmente transformado onde o asfalto e o formigón constitúen unha gran parte da nosa paisaxe. Esa mellora da calidade de vida, relacionada case sempre co avance económico e co progreso técnico debe ser compatible co respecto e a conservación da natureza.

Fraga de Sisalde

A Fraga de Sisalde, situada na parroquia de Barrañán, é unha das últimos testemuñas que posúe o Concello de Arteixo da Galicia de antano. Nunha superficie aproximada de 10 hectáreas proliferan os ameneiros (Alnus glutinosa) e os salgueiros (Salix atrocinerea) á beira do río que a percorre -Río Sisalde- e tamén os castaños (Castanea Sativa) e Carballos (Quercus robur). En canto á fauna podemos salientar a lontra (Lutra lutra) e a escrebenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), especie catalogada en "Perigo de extinción".

Para máis información de flora e fauna: Guía ambiental da zona húmida de Sisalde.

Muíños

A beira do Río Sisalde restauráronse recentemente dous muíños dos moitos que predominaban pola zona. Os muíños representan un alto valor cultural e patrimonial e dignifican a simbiose que antano tiñan o ser humano e o medio natural, sendo un rexistro dos pasos que deron os nosos devanceiros para substituíren o esforzo humano e animal como fonte de enerxía por outras alternativas. Esta enerxía da natureza -como primitiva forma de aproveitamento- é renovábel e limpa.

A enerxía é a capacidade dun sistema para realizar un traballo, e dado que un dos principios fundamentais da física é o de que a enerxía non se pode crear nin destruír, só se transforma, resulta que os muíños son uns elementos produtivos intimamente relacionados co aproveitamento da enerxía mecánica da auga para realizar o traballo de moer os cereais.

Muiño de Sisalde

Deste xeito, a enerxía potencial da auga que cae por gravidade transfórmase en enerxía cinética -movemento- batendo no rodicio. O rodicio fai mover a moa, transformando parte da enerxía cinética da auga en enerxía cinética de rotación da moa. Finalmente, esta última enerxía é a que se emprega para realizar un traballo: moer o gran para facer a fariña.