Áreas recreativas e de lecer
Arteixo é unha vila que está a sufrir nos últimos anos un aumento de poboación considerable o que fai medrar a extensión superficial dos seus núcleos urbanos. O novo urbanismo tende á humanización e á naturalización dos núcleos con zonas verdes e espazos libres para acercar a natureza á cidadanía e tamén para minimizar o impacto ambiental que causa o asfalto e o formigón.
As zonas verdes cumpren con dúas funcións: unha social e outra ambiental.
Función social
- Contribúen ao equilibrio psicolóxico das persoas mellorando a autoestima.
- Fomentan a relación social.
- Serven de lugares lúdicos e de esparexemento.
- Facilitan a función educativa.
Función ambiental
- Reducen a polución atmosférica.
- Actúan de filtro acústico.
- Regulan a humidade e a temperatura.
- Protexen a erosión do solo.
- Diminúen a acción do vento .
- Reteñen as partículas en suspensión e reducen os microorganismos patóxenos.
- Serven de depósito para a biodeiversidade e a xeomorfodiversidade.
- Melloran a paisaxe combatendo o "feísmo".
Área recreativa do Seixedo
- Localización
- Nas marxes do río Seixedo, entre o lugar de Ponte (Oseiro) e a rotonda do Seixedo
- Superficie
- 18.800 m2
- Descrición
- Situada a ambas as dúas marxes do río Seixedo, entre a rotonda do mesmo nome e o lugar de Ponte(Oseiro), existe unha gran área recreativo-protexida na que atopamos diferentes zonas: grellas, xogos infantís, campo de fútbol, praia e áreas axardinadas, ademais dun paseo peonil que transcorre ao longo do río. A superficie de área de xogos infantís e a do campo de fútbol está formada por area. Existe rega automática.
Paseo fluvial
- Localización
- Zona urbana de Arteixo e Polígono Industrial de Sabón, entre a Ponte do Va e o Muíño do Rañal
- Superficie
- 36.200 m2
- Descrición
- Inclúe as zonas axardinadas existentes a ambas as dúas marxes do río Bolaños onde predominan os salgueiros e ameneiros e tamén os xardíns existentes no contorno da piscina e do pavillón municipais. Presenta instalación de rega automática en toda a súa extensión, ademais dunha bomba de captación de auga do propio río, que abastece o sistema. Na zona do Centro Cívico existe un parque infantil con areeiro.
Parque forestal do Monticaño
- Localización
- O Monticaño, na parroquia de Pastoriza
- Superficie
- 44.000 m2
- Descrición
- Zona axardinada con paseo peonil que vertebra toda a area. Conta con plantacións recentes de pino marítimo, carballo, bidueiros, acivros e tuias. "Nesta area situase o Museo Ambiental do Parque Forestal Monticaño".
Área dos Barreiros
- Localización
- Na parroquia de Monteagudo, na marxe esquerda do Rego da Ibia e delimitada polas estradas CM-057 e CM-061
- Superficie
- 6.000 m2
- Descrición
- Área recreativa coas instalacións propias destas zonas, considerándose incluído o tramo de ribeira existente entre o rego e a escollera de protección da área. Instalación de rega automática en toda a superficie. Instalacións de xogos infantís con areeiro.
Encoro de Meicende
- Localización
- No encoro do mesmo nome, situado entre a Trav. de Meicende e a AG-55.
- Superficie
- 5.100 m2
- Descrición
- Zona axardinada con paseo peonil que bordea na súa totalidade o mencionado encoro, incluíndo ademais os accesos a este desde a Trav. de Meicende. Instalación de rega automática en toda a superficie. Parque infantil con areeiro.
Paseo marítimo de Barrañán
- Localización
- Na praia de Barrañán, ao longo da CP-541 e a CM-069.
- Superficie
- 4.100 m2
- Descrición
- Correspóndese co tramo comprendido entre a desembocadura do río Boedo na praia de Barrañán e o enlace co acceso á praia das Combouzas, aínda que a zona axardinada concéntrase na traseira da zona dunar. Non existe rega automática, aínda que si varias bocas de rega ao longo do mesmo. Existe unha zona de xogos infantís co areeiro.