Nos últimos tempos, os roteiros veñen suscitando gran interese por parte da poboación por mor de seren unha actividade deportiva apta para a maioría da cidadanía. Mais, sen desprezar os beneficios para a saúde, que por suposto non son menos importantes, un roteiro non é tan só un paseo senón que ademais é unha excelente experiencia lúdica e educativa que achega o coñecemento do patrimonio, da etnografía, da cultura e do ambiente.
Particularizando no aspecto ambiental, as actividades de sendeirismo fomentan o contacto co ambiente natural, espertando condutas de respecto e sensibilidade cara aos elementos físicos que sustentan a nosa vida -auga, solo e atmosfera- e os demais seres vivos que conviven con nós. Asemade, esta actividade é unha oportunidade para promover cambios de procedemento na nosa vida diaria, porque dos roteiros pódense extrapolar os desprazamentos a pé ou en bicicleta, e reproducilos nos traxectos curtos que se fan a cotío, minguando así, a nosa dependencia polo vehículo privado.
A senda, que aquí se presenta, discorre polas parroquias arteixás de Barrañán, Chamín, Armentón, Monteagudo e Larín. O roteiro toma coma centro de referencia o río de Sisalde, circulando pola mesma ribeira en numerosas ocasións. O ambiente que rodea a senda é estritamente rural, existindo zonas naturais ou pouco moduladas por causas antrópicas. Partindo do Areal de Barrañán, e tomando o senso antihorario, a senda pasa polos Boedos de Sisalde, Monte de Cartas, Margarida, A Telleira, Os Batáns, Igrexario de Monteagudo, Os Barreiros, A Ibia e por último A Groba, extremo oposto e punto máis alto do roteiro. Na volta, hai que engadir como lugares de interese o Castro de Armentón, a Fraga de Sisalde e o Igrexario de Barrañán.
Como elementos representativos e singulares, cómpre destacar o propio Rego de Sisalde e os seus afluentes, as dunas de Barrañán, a Fraga de Sisalde, os numerosos muíños -Sisalde, Margarida e A Ibia- e o Igrexario de Monteagudo -s.XII-. Asemade, hai que engadir que a senda recolle un espectro bastante amplo da biodiversidade do termo municipal de Arteixo. A lonxintude total da senda é de 18,8 quilómetros existindo a posibilidade de facer itinerarios máis curtos tal e como se pode contemplar no plano do reverso.