Lugar: A mostra das fotografías terá lugar no Centro Cívico Cultural de Arteixo
Datas: abril - xuño
Destinatarios: Cidadanía en xeral
A fotografía pode ser unha ferramenta moi útil para rexistrar o patrimonio natural do concello -baixo a óptica da singularidade ou peculiaridade que exaltan os autores de cada obra, así como tamén para convidarnos a corrixir algunhas malas prácticas ambientais que aínda persisten. Este rexistro gráfico, debe promover en todos nós unha concienciación crítica do deber de preservar os elementos físicos e químicos do medio -auga, atmosfera, solo, clima e paisaxe- para que continúen mantendo en harmonía os ecosistemas que posibilitan o desenvolvemento de todas as formas de vida, porque, en definitiva, o ambiente é un condicionante da saúde da poboación e do resto dos seres vivos, e a prerrogativa de conservalo e transferilo está nas nosas mans.
Lugar: A determinar polo departamento de Medio Ambiente
Datas: Marzo de 2007
Destinatarios: Aos familiares dos nenos nados no ano anterior e cidadanía en xeral
Quizais as árbores son a representación máis xenuína da paisaxe dun lugar, tendo unha altísima importancia para o desenvolvemento da vida -debido a función que desempeñan- salvagardando o equilibrio ecolóxico e ambiental.
Esta actividade consiste na plantación de árbores autóctonas galegas co obxectivo de que os novos cidadáns queden vinculados ao medio natural, contribuíndo ao seu desenvolvemento persoal, rico en valores fundamentais que fagan que a sociedade sexa máis solidaria, máis tolerante e máis xusta nun futuro próximo.
Lugar: Aula ambiental de Monticaño e saída ao monte
Datas: outubro - novembro
Destinatarios: Cidadanía en xeral
Os cogomelos, asociados case sempre aos ecosistemas forestais son un recurso pouco coñecido do monte galego, aos que só asociamos cos aproveitamentos madeireiros, de biomasa forestal ou, en raras ocasións como elemento complementario da paisaxe.
Nembargantes, Galicia presenta unha gran diversidade micolóxica susceptible de ser aproveitada e incluso explotada economicamente sempre que se respecte un principio ambiental fundamental: o de renovación.
O aproveitamento racional dun producto natural de calidade pode contribuír a incrementar o valor, o aprecio e o respecto polo monte, en contraposición co abandono xeral a que se está sometendo nos últimos tempos.
Lugar: Aula ambiental do Parque Forestal de Monticaño
Datas: abril - maio
Destinatarios: Cidadanía en xeral
Quizais un dos problemas ambientais máis característicos de Galicia é o dos incendios forestais. Mais, nos últimos anos, debido á desorde urbanística que Galicia padece e á falta dunha política forestal sustentábel, non só se queda nun problema ambiental con consecuencias sociais e económicas -ás veces irreversíbeis- senón que vai máis alá, poñendo en perigo un dos dereitos básicos como é o do dereito á vida e á integridade física. Emporiso, cómpre que toda a poboación -titulares de monte ou non- participe conxuntamente cos poderes públicos na busca de solucións, para que dunha vez por todas se resolva este problema que ano tras ano deixa un espectro de tristura, dor e penuria.