Discriminación a conveniencia ou a conveniencia da discriminación

Carme era analfabeta. Non foi ao colexio, nin pensou nin opinou, era muller. Puido traballar no campo de sol a sol, puido casar e ter fillos e atender os labores do fogar. Elas só podían facer iso, eran débiles e non servían para outra cousa nin outra cousa se esperaba delas.

Cando estalou a guerra e o seu marido foi fusilado esperábase que se vestise de negro, chorase o seu esposo, criase as fillas e desculpase aquela predisposición dos homes a meterse en leas. E vestiu de negro, chorouno, maldiciuno por meterse no que non debía e esforzouse por sacar adiante as súas fillas.

Non lía nin escribía pero descubriu coa dor, que sabía pensar, e pensou e pensou con medo a pensar, que non tiña que limitarse a vestir de negro e chorar e pensou que se pensaba, as súas fillas poderían aprender a ler e escribir e non serían consideradas inferiores e combateu, loitou na guerrilla, fíxoo coma un home fronte aos que a discriminaban pola súa condición. E foi apresada, e agora non a discriminaron e tratárona igual ca un home, torturárona igual, xulgárona igual e conden&aaccute;rona igual. E ela aguantou igual ca un home.

E cando lle devolveron a súa vida, ou o que quedaba, volveu á súa condición de muller, e aínda que xa lía e escribía só podía traballar en labores de muller que se limitaban a limpar para outros sen dereito a nada, nin contrato, nin seguro, só a un mísero soldo.

E chegou a anciá e cobrou pensión de muller, polos dereitos adquiridos por un home e non polos seus propios, porque non os tiña.

Morreu vendo as súas netas na Universidade e creu que a loita rematara.

Enganábase.

Agora elas poden realizar traballos de "homes" pero seguen tendo dificultades para ter "cargos de homes". Poden realizar as mesmas xornadas ca eles, ou máis, pero seguen tendo dificultades para cobrar o mesmo. Saben o que é a conciliación familiar e o reparto de tarefas pero seguen chegando á casa tarde e realizando soas as tarefas domésticas e o coidado das súas fillas e fillos.

E é que, coma entón, séguesenos discriminando a conveniencia, e por iso, a pesar do camiño que percorremos, non nos podemos sentar nin deixar de andar, trátasenos coma mulleres para o que convén e coma homes para o que interesa, e a verdade é que, agora coma antes, só queremos o que quería Carme: que se nos trate como persoas.

Salomé da Torre López (Artigo gañador ano 2010)