Por que a candidata mellor preparada do Partido Demócrata de Estados Unidos non chegou á Casa Branca?
Elixida senadora por Nova Iorque nun momento moi calculado, cultivou un enfoque diferente das accións do goberno, para diferenciarse dos erros que cometía George Bush; se cadra tamén para que os estadounidenses visen nela unha futura presidenta en certo modo non rompedora coa cultura política dos Estados Unidos. Mesmo o Partido Demócrata, a consideraba como a única presidenta posible.
Hillary Rodhan non acadou o posto desexado, mais o problema estaba na propia Hillary, que non soubo atraer a confianza? Si, se temos en conta como a campaña das primarias contra Obama so conseguía gañar en votos cando mostraba o seu lado máis humano e aparecía chorando como calquera muller. Moito se falou se o seu marido e ex presidente, Bill Clinton, lle prexudicaba ou lle favorecía co seu apoio. Pero a cuestión non era Hillary, a cuestión era que estabamos no momento Obama. O electorado estaba por un cambio máis radical. Apoiar a un negro era dobremente atrativo. O tema racial estaba maduro. Era unha cuestión vella pero, por vella, tamén desafiante.
Un debate pendente como o de colocar na Casa Branca a un negro resultou moito máis determinante. A loito polo poder das mulleres pode esperar. Mentres Hillary, que ten moitos defectos, como calquera candidato masculino, republicano ou demócrata, terá que ver se expresa ledicia no momento apropiado; se esa mirada de advertencia que nos deixou ver na televisión lle favorece. Seríalle mellor calar en lugar de impoñer con tanta suficiencia.
Ha de ter que optar entre agardar ou botar por diante esas frases de altura, que as ten, como calquera político de raza. Seguramente o seu novo cargo de Secretaria de Estado sexa unha ocasión para que reflexione; unha lección de humildade (vai ser a terceira muller que ocupe ese cargo) que lle servirá para, nun futuro, volver competir polo máximo posto político.
Se non se lle dá outra oportunidade, non coñeceremos unha administración Hillary Rodhan; unha ocasión perdida que os Estados Unidos non deberín deixar pasar, e menos cando teñen tanta tendencia a promover políticos mediocres.
En todo caso deunos a impresión de que tiña os deberes feitos, pero iso non era suficiente. Nesta ocasión, cando parecía que estaba a punto de lograrse, volveu á primeira plana a cuestión racial con fervor popular. Antes que unha muller, os estadounidenses votaron a un negro. Obama débello a Hillary, porque, tan boa como outros candidatos brancos, era unha muller.
Áurea Sánchez Puentes (Artigo gañador ano 2009)