Canción de berce

Cando te vexo durmida tan inocente, allea ao mundo que te rodea, penso que para ti que naciches no albor do século XXI, tal vez as cousas sexan diferentes e quizais coñezas por fin a verdadeira igualdade cos nosos conxéneres masculinos. Para iso, soan himnos e ecos que xa veñen de tempos lonxanos, de xeracións de mulleres que viviron épocas peores cá nosa, himnos moi vellos cheos de reivindicacións e loita, e que hoxe son entoados para que ti durmas arrolada polo seu son, nun berce que non foi vestido de rosa, senón que loce a cor verde da esperanza dun mundo máis e máis igualitario.

E mentres tanto eu, que son canteira, tentarei derribar coa miña maza vellos muros que aínda quedan en pé, muros de discriminación, desigualdade e malos tratos nos que viven encerradas tantas mulleres no mundo enteiro, e que foron creados por seres que xamais creron na nosa valía. Ademais co meu cicel e as miñas mans, gravarei sobre pedra as leis que nos amparan, as que recoñecen a igualdade de ambos os sexos, leis máis xustas de conciliación da vida laboral e familiar, e fareino sobre pedra para que non queden tan só en papel mollado. Tamén vou construír un firme camiño que nos conduza a ese mundo que ti mereces, un mundo onde non exista a discriminación por razón de xénero, e homes e mulleres poidamos camiñar en igualdade de condicións en todos os ámbitos da nosa vida. E, deste xeito, irei cicelando o futuro ao son da miña maza, que será a música que acompañará a ese espírito que nos leva ás mulleres a reivindicar os nosos dereitos, para que non acalen nunca os himnos que arrolan o teu sono.

E así, mentres a miña alma de canteira me leva a reconstruír vellos soños, decátome de que a chave da tan arelada igualdade tédela vós, as novas xeracións; pero para iso temos que aprender a educar do mesmo xeito xa desde o berce as nenas e os nenos, sen tabús, sen diferenzas, sen cores diferentes nos vosos vestidos, temos que ensinarvos a xogar aos mesmos xogos e a ver o mundo cos mesmos ollos.

Pero mentres tanto, ti durme, miña filla, durme, arrolada polos himnos de igualdade acompañados polo son do meu cicel, e da miña maza.

Carmen Gómez Orosa