Julio Verne escribiu fantasías marabillosas, e algunhas co paso do tempo chegáronse a cumprir. Soñou cun trebello co que percorrer o fondo dos mares e un día pilotando un submarino, o home fixo seu o océano. Soñou tamén que o home viaxaba á lúa, e acertou. Digo eu que tamén puido deixar escrito, por se acaso se cumpría, que en España, no século XX, xamais existiría unha guerra civil que truncase os logros recoñecidos pola Constitución do ano 1931, que recoñecía por primeira vez na nosa historia, a igualdade da muller fronte ao varón, para terminar coa situación de submisión na que viviamos desde o século XIX e lexitimada polo Código Civil de 1889. De novo fomos condenadas a 40 anos de desigualdade e represión ata que a Constitución de 1978 chegou no noso auxilio.
Pero nesa época escura existiron mulleres como a miña avoa, tamén visionaria, aínda que dos seus soños non deixou nada escrito, ela tan só sementou, clandestinamente, a rebeldía nas súas fillas e nas súas netas: "miña soiña" -díxome un día- "ti estuda moito, e de maior poderás ser o que che dea a gana, coma se queres pilotar un avión". E atinou Ela soñou un mundo mellor para nós, que na súa época as mulleres xamais pensaron en acadar. A partir de aí a dura loita foi das fillas das que foron nais naqueles tempos, máis tarde tocounos ás netas, e aínda que xa chegamos lonxe, queda moito camiño por percorrer, pero queda demostrado que non somos nin mellores nin peores por sermos mulleres, senón sinxelamente iguais. Eu tamén quero ser visionaria como a miña avoa e dicirlle ás miñas fillas: Xoíñas, vós non sufriredes xamais a violencia de xénero, porque a xustiza e a sociedade, é implacábel con quen a exerce, xamais perderedes o voso emprego a causa da maternidade nin vos veredes obrigadas a abortar de estardes soas, porque vos ampara o estado de dereito, xamais o voso xornal será inferior, en igualdade de condicións, ao dun varón, nin sufriredes acoso sexual, porque as leis aplícanse sen excepción, e a vosa parella, por fin, xa non vos axudará coas tarefas do fogar, senón que as compartirá. Eu, por se acaso, vouno deixar escrito, por se teño a ventura de ser coma Julio Verne.
Carmen Gómez Orosa (Artigo gañador ano 2006)