Maio
|
|
31-05-2003.-
Bieito Iglesias e Paula San Vicente premios Manuel Murguía 2003
O xurado do XII Certame Manuel Murguía de Narracións Breves, fallado onte en Arteixo, formado por Yolanda Castaño, Dolores Vilavedra, Emma Pedreira e Henrique Rabuñal, decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo aos escritores Bieito Iglesias e Paula San Vicente respectivamente polos relatos COMENTARIO Ó APOCALIPSE e AS IDADES DELA. O xurado tamén decidiu distinguir cunha mención e solicitar a edición do texto ESTREMONÍAS de Álex Alonso.
Os relatos premiados verán a luz nun volume que o Concello ten previsto editar en 2005 e que continuará os libros ata hoxe editados cos relatos premiados: Relatos, Airadas de palabras, Tecendo panos, Paisaxes con Palabras e De soños e memorias.
O fallo do premio coincidiu cun acto cultural ao que asistiron 300 persoas e que se desenvolveu na Casa da Cultura de Arteixo baixo a presidencia do alcalde de Arteixo e con asistencia de numerosas personalidades do mundo da cultura.
asdo. Henrique Rabuñal
Coordinador do Certame Manuel Murguía
Nota.- Se o desexan poden contactar con Paula San Vicente (981 677 289), Bieito Iglesias (981 565 917),Alex Alonso (654 831 852) ou Henrique Rabuñal (981 210 438 / 667 917 909)
|
Arriba
|
|
30-05-2003.-
Entrega do Premio Manuel Murguía e presentación do libro de Soños e memorias
Mañá sábado, día 31, terá lugar na Casa da Cultura de Arteixo desde as 6 da tarde un importante acto cultural dividido en tres partes:a presentación do libro De soños e memorias, a entrega da XII edición do certame Manuel Murguía de Narracións Breves e o recital poético e musical a cargo de Pilocha, María Barcala, Xavier Constenla e Xulio Lago. O libro De soños e memorias -que recolle relatos premiados noutras edicións do certame- está coordinado por Henrique Rabuñal e nel colaboran Rosa Aneiros, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Martínez Pereiro, Daniel Asorey, Emma Pedreira e Vázquez Somoza. Todos eles estarán en Arteixo no acto xunto co xurado da XII edición do certame M. Murguía: a profesora Dolores Vilavedra, Yolanda Castaño, Emma Pedreira e Henrique Rabuñal. Con eles os premiados nesta convocatoria e cuxa identidade aínda non se fixo pública. Presidirán o acto diversas autoridades como o alcalde de Arteixo e representantes do Goberno galego e da Deputación coruñesa.
|
Arriba
|
|
02-05-2003.-
Exposicións, música, danza, pintura e literatura conmemoran o mes de Murguía en Arteixo
A Concellería de Cultura de Arteixo organizou, para todo o mes de maio, unha serie de actividades encamiñadas á promoción da cultura e adicadas á lembranza de Manuel Murguía.
As citas inclúen exposicións, espectáculos de música e danza, a tradicional ofrenda floral diante do monolito adicado ó escritor e a entrega do premio ó gañador do XI certame de narracións breves.
"Motivos do Mar" é a primeira das mostras que se pode visitar, ata o 16 de maio, na sala de exposicións do Centro Cívico. O auditorio acollerá, o día 2, o espectáculo "Los Nómadas" a cargo de Experimenta Danza. Ese mesmo recinto albergará o día 16 un recital-concerto que, a cargo de Casahamlet, leva por título "escuro enigma eu son".
O día das letras Galegas, ás 13.00 h, organízase a tradicional ofrenda floral diante do monolito que, adicado ó escritor nacido en Froxel, hai na Urbanización Sol y Mar. Este acto realízase en colaboración coa Asociación de Viciños Manuel Murguía de Oseiro.
Entre o 19 e o 31 de maio os visitantes poderán disfrutar da Exposiciòn de pintura "Abeleiro".
O colofón a estes actos o poñerá, o día 31, a entrega do premio ó gañador do XI certame de Narracións Breves que alcanzou, neste ano, a súa máis alta cota de participación coa presentación de setenta orixinais. A media das edicións anteriores establécese en corenta textos. Este ano a data de entrega do premio retrásase con respecto ás anteriores, habitualmente o 17 de maio, para a facer coincidir coa presentación do libro "De soños e memorias" unha publicación na que os gañadores das dez primeiras edicións do certame nos regalan un texto inédito. A edición deste libro conmemora os dez anos ininterrumpidos de vida deste prestixioso certame literario.
|
Arriba
|
|
02-05-2003.-
Monticaño presenta o seu novo aspecto o próximo dez de maio
Manuel Pose preside o sábado próximo 10 de maio a inauguración das novas instalacións do parque forestal de Monticaño. Os traballos realizados dende decembro de 2001 por mozos e mozas da escola taller contemplan a plantación de novas especies, novas barbacoas, miradoiros sobre a costa coruñesa, regatos, estanques, unha cafetería, zonas peatonais e xogos infantís.
O futuro depara a esta zona, que pretende se convertir en referente de ocio para os viciños de Arteixo e de toda a área metropolitana, novos edificios adicados a museos ambientais.
De cara ó verán o Concello levará a cabo unha campaña para potenciar a visita dos viciños a esta nova zona que é unha das máis amplas de toda a provincia.
|
Arriba
|
|
02-05-2003.-
Os consumidores de Arteixo preocupados polos servicios de telefonía e enerxía eléctrica
Os consumidores de Arteixo están especialmente preocupados polas condicións dos servicios que ofrecen as empresas de telefonía e enerxía eléctrica. É unha das conclusións que extraemos da memoria das actividades da Oficina Municipal de Información ó Consumidor no pasado ano 2002.
Naquel período a Oficina recibiu 123 consultas e tramitou 36 reclamacións e dúas denuncias. A asesoría xurídica deste departamento municipal, que se encarga da orientación xudicial en asuntos relacionados co consumo, atendiu 105 consultas relacionadas coa vivenda; 49 relativas ás comunidades de viciños e outras relacionadas cos seguros de vida, do fogar, hipotecas ou servicios financeiros.
A maioría dos consumidores que se achegaron á asesoría solicitaron resolve-las súas reclamacións pola vía da arbitraxe.
Na OMIC os temas máis consultados refírense á telefonía, seguidos da enerxía eléctrica, e venda a distancia. No apartado de reclamacións o teléfono e a enerxía eléctrica seguen no primeiro posto e hai que lles engadir roupa e calzado, transportes públicos e vivenda. As dúas únicas denuncias recollidas refírense ó gas.
A OMIC pretende incrementar e potenciar o número de consultas coa fin de que o usuario e consumidor teña toda a información que precise. Ademáis os obxectivos inclúen o trámite de tódalas relcamacións e denuncias que se presenten, mellora-la calidade de vida e os hábitos de compra e consumo dos viciños así como sensibilizar á poboación sobre o consumo responsable e o respeto ó medio natural no que vive.
|
Arriba
|
|