|
01-08-2003.-
Pleno ordinario de 31 de xullo
Infraestructura básica e deportes para todos. Dous pilares obre os que xirou o último pleno de verán que onte celebrou a corporación municipal. Poucos puntos na orde do día e moitas mocións e preguntas que tamén tiveron a súa resposta.
Primeiro acordo. Por unanimidade o pleno decide apoiar dúas mocións do BNG referentes a eso da infraestructura básica. Os nacionalistas piden que o Concello se comprometa a acometer,canto antes, a rede de pluviais en Suevos. Queren ademáis que se executen beirarrúas entre a Rega e o cruce coa estrada de Rañobre, que se complete a rede de saneamento e que se recuperen os lavadoiros de Pazo e Salgueiros, todo esto en Suevos. En Loureda, solicita outra moción nacionalista, executar beirarrúas en O Foxo para garanti-la seguridade dos viandantes.
Ambas mocións entran a debate e a lóxica, di o PP, leva a as apoiar. Juan Rey, voceiro popular fai a súa lectura do proposto e compromete ó seu grupo de goberno a as levar adiante. Algunhas de xeito inmediato, outras a medio prazo. Facer todo este ano, di Rey, sería imposible e aproveita para criticar a postura nacionalista ó presentar mocións que son, segundo Juan Rey, un aceno de cara á galería.
Fina Vázquez agradece ó apoio ás súas propostas que tamén contan co visto bo do Psoe. Respecto dos prazos dados polo partido popular para a execución destes traballos, a nacionalista saca as súas conclusións: o concello non ten cartos como di e non sabe os administrar.
O tema dos presupostos estivo presente en varios puntos ó longo da sesión plenaria. Fina Vázquez insiste en que o concello hipoteca o seu futuro. O dixo tamén cando a sesión debatiu o traslado das aportacións do concello, dun exercicio económico a outro, para a execución da nova área deportiva do centro de arteixo. Ademáis do asunto económico a voceira nacionalista centrou o seu discurso no que considera falta de atención do grupo de goberno ós deportes minoritarios e á infraestructura deportiva en tódolos núcleos.
Juan Rey tira deste mesmo argumento e saca listado de deportes que se propoñen dende o municipio: surf, tiro con arco ou skate lle serven para rebatir o argumento do BNG. Para a infraestrucutura deportiva tamén utiliza o listado. Faltan moitas cousas pero afirma Rey, o concello está mellor dotado agora que hai catro anos.
O traslado de aportacións que era realmente o punto a debatir o rescatou do olvido a voceira do Psoe. Pilar Souto apoiará este punto pero incide no convenio que servirá para executar esa nova zona deportiva. Si á hora de contratar as obras existe unha baixa no precio inicial, porqué os cartos sobrantes só recaen na deputación provincial.
A resposta chega dende a presidencia do pleno. Manuel Pose recoñece que o convenio contempla este extremo pero afirma, por experiencia, que non se cumple nunca e insta ós socialistas que gobernarán a deputación provincial os próximos 4 anos, a seguir na mesma tónica.
Polo demáis o pleno deixounos o apoio unánime da corporación para que sexa a deputación provincial a que xestione o que recaude o concello por multas de tráfico.
A sesión morre con tres mociòns do PP. A primeira , con apoio unánime serve para poñer en marcha o obradoiro de emprego do ano próximo. A segunda, tamén con apoio unánime permitirá incluir novos terrenos e inmobles no inventario de bens municipais. Por último outra moción, con abstencións de PSOE e BNG servirá para impugnar un novo acordo da xunta respecto da construcción do parque eólico municipal. O concello xa impugnara a intención inicial do goberno autonómico hai meses e a resposta, recibida a semana pasada, tampouco convence ó grupo de goberno. A oposición se abstén porque, aseguran, tiveron pouco tempo para estudiar a proposta da xunta e a reclamación municipal.
|