Xaneiro
|
|
31-01-2002.-
O Servicio de Deportes creará O Día dos Deportes Alternativos
Xogos con paracaídas, actividades con discos voladores, malabares, diábolos ou zancos forman parte do programa inicial deseñado polo Departamento Municipal de deportes para institucionalizar o día do deporte alternativo.
Esta semana os técnicos municipais comezaron os contactos cos distintos centros escolares para acordar a mellor data na que desenvolver estas actividades que terán carácter gratuíto. Trátase con esta iniciativa de facer un chamamento á importancia de enriquecer a motricidade dos máis novos e ofertar outro tipo de deportes. Todos estes contidos xa forman parte da materia de educación física que o servicio de deportes pretende axudar a mellorar e potenciar por a considerar imprescindible no desenvolvemento integral da vida dos rapaces.
A iniciativa ofertarase, inicialmente, ós colexios públicos de primaria en grupos de 1º,2º, e 3º de primaria e 4º, 5º, e 6º nunha segunda quenda.
Nesta liña de achegar a práctica deportiva á totalidade da poboación nas vindeiras semanas o servicio de deportes ofrecerá una viaxe á estación invernal de Pal-Arinsal que terá un custo de 272 € e que inclúe aloxamento, clases de esquí e aluguer de material ademais dos seguros necesarios. Tamén participa o Concello na Semana Branca que organiza a deputación Provincial e que comezará o vindeiro domingo.
Ademais, durante a vindeira semana santa o servicio de deportes programa un campamento xuvenil no albergue La merced, en Oleiros, enfocado á realización de actividades deportivas, talleres de reciclase, xogos, senderismo, interpretación ou creación dun arbolario.
Este campamento, para rapaces de 8 a 16 anos, desenvolverase os 25,26,27 e 28 de marzo e terá un custo de 90'15€.
|
Arriba
|
|
29-01-2002.-
Latas de conserva servirán de moeda no Día Mundial da Paz
Escolares de terceiro e cuarto de primaria dos centros do Concello participarán nas actividades organizadas polos departamentos de Servicios Sociais e educación con motivo do día Mundial da paz que se celebra o vindeiro 30 de xaneiro.
Exposicións, espectáculos de maxia e cine completan unha programación que se desenvolverá ata o sábado 2 de febreiro.
O fío conductor destas actividades é a campaña "imos dá-la lata" .Deste xeito o acceso ós distintos espectáculos e actividades deberá de se pagar cunha lata de conserva que se enviará posteriormente ós campamentos de refuxiados saharauís e a Mozambique a través de ONG's que traballan nesas zonas. Eses organismos encargaranse posteriormente do traslado e reparto do material recadado.
O mago Pablo, previo pagamento da lata de conserva correspondente, poñerá en escena, o vindeiro día 30, un espectáculo de maxia dedicado ós máis cativos. Será no auditorio do Centro Cívico a partir das 10.30 h.
O sábado 2 de febreiro pola tarde (17.30 h) haberá un segundo espectáculo, para todos os públicos, a cargo do grupo de iniciación ó voluntariado do Concello.
O programa complétase con exposicións que poderán ser itinerantes, de se demandar, nos centros de ensino ou nas asociacións e complementaranse coa proxección da curtametraxe "Lalia". Trátase da historia dunha nena que vive no deserto e a través dos ollos da súa avoa alberga a esperanza de volver á súa terra.
|
Arriba
|
|
23-01-2002.-
O novo servicio de axuda a domicilio garantiza atención continuada 24 horas
Asegura-la cobertura vinte e catro horas ó día, atención inmediata e desaparición das listas de espera son os obxectivos que persegue o novo servicio de axuda a domicilio do Concello de Arteixo.
A través da empresa Siad 24, Servicios Sociais coordinará este servicio integral que actualmente atende a sesenta e tres casos no termo municipal.
A contrata, que terá una nova oficina en Arteixo, conta para desenvolve-lo traballo con nove auxiliares de axuda a domicilio, cinco subrogados do concello. O prego de condicións obriga á empresa a cubrir calquera baixa que se produza de xeito inmediato para evitar deficiencias no servicio.
A demanda deste servicio seguirase a atender no departamento de servicios sociais para evitar confusións ós usuarios e a empresa encargarase unicamente, de desenvolve-las tarefas que lle sexan requiridas por parte dos técnicos municipais. A prestación do servicio será gratuíta dependendo das rendas do demandante aínda que, en ningún caso, o seu custe superará ós 6'31 €.
Axudas ó aseo persoal, tarefas domésticas, xestións (administrativas, médicas,....), administrar medicación, conversación e compañía son as tarefas que desenvolverán os traballadores de axuda a domicilio.
O novo servicio funciona desde esta mesma semana aínda que a súa posta en marcha definitiva non se producirá ata principios do vindeiro mes de febreiro coa incorporación de todo o cadro de persoal.
|
Arriba
|
|
22-01-2002.-
Servicios Sociais colabora con AFACO na atención ós familiares de enfermos de Alzheimer
O Concello de Arteixo, a través do Departamento de Servicios Sociais, poñerá en marcha, a partir do venres 1 de febreiro, un centro de atención ós familiares e enfermos de alzheimer.
A iniciativa, en colaboración con AFACO (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña) ponse en marcha en resposta ás demandas atendidas polo departamento de servicios sociais e ó interese deste departamento de cubrir as necesidades dos veciños.
Afaco considera Arteixo como un punto clave de atención a enfermos de alzheimer xa que conta cun amplo grupo de poboación maior de sesenta anos.
A iniciativa considérase a primeira pedra dun futuro proxecto para a instalación definitiva en Arteixo dunha asociación local, dependente de AFACO, ou da creación dun centro de atención continua ós familiares e enfermos.
O Centro de Maiores da Baiuca será a sede desta iniciativa e servirá, nos primeiros meses, para ofrecer asesoramento e información ademais de se converter nun centro de terapia para os familiares e de terapia non farmacolóxica para os enfermos. Ese centro funcionará, en principio, os venres de 09.00 h a 13.30 h.
O xerme desta iniciativa xorde a raíz da demanda de varios veciños que acudiron en 2001 á Radio Municipal de Arteixo que dispuxo un programa especial dedicado ó alzheimer e que contou ca presencia de veciños afectados pola enfermidade, membros de AFACO e técnicos de Servicios Sociais. Nese espacio dispuxéronse os mecanismos iniciais desta iniciativa que esta semana se pon en marcha. Mañá xoves, ás 20.00 h haberá unha primeira toma de contacto cos veciños para lles informar sobre este novo servicio.
|
Arriba
|
|
17-01-2002.-
D. Manuel Pose preside a inauguración da Escola de Monticaño
O alcalde de Arteixo, Manuel Pose, preside o vindeiro mércores, 23 de xaneiro, a inauguración oficial da nova escola obradoiro de Monticaño que traballa na segunda fase dese proxecto desde o pasado mes de decembro.
A inauguración desenvolverase nas instalación do parque de Monticaño a partir das 13.30h.
A segunda fase da escola obradoiro pretende facilitar o acceso laboral, a través da aprendizaxe, a cincuenta e catro xoves de distintas especialidades: carpintería, traballador forestal, albanelería e cantería.
Os alumnos, despois dunha fase de formación, encargaranse de aborda-la segunda fase deste proxecto que conta cun investimento superior a un millón de euros aportados pola Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo (300.505 €).
Os traballos , que se prolongarán dezaoito meses, contemplan o acondicionamento do edificio da cafetería; casa do conserxe; miradoiro e edificio de oficinas. Tamén continuarán co proceso de repoboación da zona con especies autóctonas.
|
Arriba
|
|
17-01-2002.-
Cultura programa o Entroido coas asociacións do Concello
O deseño da programación cultural e festiva do Entroido, que se celebrará a principios do vindeiro mes de febreiro, é o obxectivo dunha xuntanza que mañá venres manterán os responsables de cultura coas distintas asociacións veciñais e culturais do municipio. O encontro, previsto para as 19.00 h na sala de xuntas do Centro Cívico, servirá para xuntar esforzos e ideas no planeamento dunhas festas populares de grande arraigo en Arteixo.
Por outra banda o Centro Cívico continuará mañá coas actividades previstas para este mes de xaneiro. Fotografías e vídeos sobre a histórica liña de trolebuses entre A Coruña e Carballo son o obxecto da nova mostra que se inaugura ás 20.30 h na sala de exposicións.
As imaxes reflicten a historia dun dos medios de comunicación máis usados polos arteixáns nas últimas décadas e son testemuña, ademais do paso do tempo e os cambios que sufriu, non só o transporte, se non tamén a poboación e urbanismo de Arteixo e arredores nos últimos trinta anos.
Á inauguración asistirán, ademais de autoridades municipais, un representante da empresa Arriva, que cubre agora o traxecto entre A Coruña e a capital de Bergantiños; a Agrupación Lumieira, encargada da mostra; e o autor do libro dedicado a esa liña de trolebuses, Xan M. Fraga.
|
Arriba
|
|
16-01-2002.-
A escola infantil pasea ós nenos en ponei
Os rapaces e rapazas da escola infantil municipal de Arteixo participarán mañá xoves 17 de xaneiro nunha novidosa actividade programada como parte dunha unidade didáctica dedicada ó respecto ó medio ambiente.
Coincidindo coa celebración do Patrón dos Animais, San Antón, os nenos terán a oportunidade, acompañados dos seus pais, de facer un percorrido en ponei por un pequeno circuíto habilitado para a ocasión. A iniciativa, que se leva a cabo en colaboración coa Sociedade Deportiva Hípica, enmárcase na unidade didáctica "A bolsa ou a vida" coa que se pretende concienciar ós máis cativos da necesidade de coida-lo entorno a través da reciclaxe dos plásticos.
O cabalo Duque é o protagonista e conductor desta actividade e convértese en mascota e heroe dos cativos ó conseguir, coas súas accións, salva-la terra dun desastre ecolóxico.
A actividade de mañá, a partir das 16.30 h, nas instalacións da escola infantil, servirá ademais para presentar en sociedade a Duque e impoñerlle a manta que os nenos pintaron para o agasallar e na que lembran todo o que aprenderon nesta iniciativa.
|
Arriba
|
|
16-01-2002.-
Protección Civil participou na extinción de noventa e tres incendios forestais en 2001
O Grupo de Intervención Rápida do Concello de Arteixo participou en tarefas de extinción de incendios en noventa e tres ocasións durante o pasado ano 2001. A memoria, elaborada por este departamento municipal, indica que a maioría de incendios forestais rexistrados no municipio se produciron durante o mes de setembro con un total de 34, mentres que os meses de verán arroxan un balance de 17 incendios en xuño, 17 en xullo e 16 en agosto.
Destaca, neste tipo de actuacións, os intensas labores de extinción que se levaron a cabo no mes de setembro por un lume rexistrado nas marxes da estrada A-410 á saída da autovía A-55, que se prolongaron máis de catro horas e precisaron a colaboración de equipos de emerxencia da Xunta de Galicia e Concellos limítrofes.
No capítulo de incendios a memoria recolle 21 lumes rexistrados no casco urbano, todos eles sen consecuencias; así como catro incendios en vehículos co mesmo resultado.
Unha das tarefas máis requiridas polos veciños segue a ser, segundo esa memoria, a retirada de animais, presuntamente en estado de abandono. Neste senso, os membros de protección civil interviñeron nun total de 168 ocasións.
O balance de actuacións da cadro de persoal de protección civil, composta de 12 membros adscritos ó corpo e 18 voluntarios, recolle 1419 intervencións en distintas situacións de risco ou asistencia ós veciños. Os membros da base participan en tarefas de apoio ás actividades municipais; colocación de sinais; control de vertidos incontrolados; recollida e traslado de material; auxilio en estrada ou traslados hospitalarios; roza; inundacións; limpezas ou reparación de material.
Durante 2001 Protección Civil participou ademais en simulacros de evacuación, programados polo departamento de educación nos centros escolares.
En 2001 destaca ademais o traslado de persoal e equipos á nova base de protección civil situada no polígono de Sabón nas dependencias do novo parque de bombeiros, que se produciu o pasado mes de novembro.
|
Arriba
|
|
14-01-2002.-
Deportes programa rutas de senderismo para coñecer a cultura e xeografía do municipio
A práctica deportiva e o coñecemento de medio danse a man nas rutas de senderismo que oferta para os vindeiros meses o servicio municipal de deportes do Concello de Arteixo. Trátase, con esta iniciativa, de cumprir un dos obxectivos marcados por este departamento municipal para 2002: potencia-la práctica deportiva en tódolos ámbitos.
A nova oferta conxuga o deporte coa educación, a cultura e o medio ambiente. Neste senso as tres concellerías representadas , colaborarán para achegar esta modalidade ós centros escolares en vindeiras experiencias.
En colaboración con especialistas en senderismo, a Concellería de deportes deseña varias rutas que representan a riqueza natural, xeográfica e arquitectónica de Arteixo. A primeira discorrerá pola costa entre Barrañán, Sorrizo, Chamín e Sisalde. Será o vindeiro domingo, 20 de xaneiro. As inscriccións pódense formalizar no Departamento de Deportes ou chamando ó 981.60.00.09. A ruta estará guiada por dous monitores que prestarán especial atención ós aspectos naturais e culturais polos que discorra con explicacións ós camiñantes.
Os participantes contarán con compases, para ter coñecementos mínimos de orientación, planos e dípticos explicativos. A actividade, para maiores de dezaseis anos, ten un custo de 1000 pesetas.
Nos vindeiros meses as rutas discorrerán por outros puntos significativos do municipio como Loureda ou Monticaño. A duración da actividade establécese nun mínimo de dúas horas.
|
Arriba
|
|
09-01-2002.-
Teatro, música e exposicións protagonistas da programación cultural nos primeiros meses do ano
A Concellería de Cultura adiantou a programación cultural de 2002 no Centro Cívico ata o vindeiro mes de maio. Novamente o teatro é o protagonista indiscutible deste deseño que nos deixará a presencia de oito das principais compañías galegas ademais dos participantes nas terceiras xornadas de teatro afeccionado.
A primeira das representacións, este venres día 11, con protagonismo para Áncora produccións e a obra "Footing". Os prezos establécense para este novo ano en 1.20 euros.
A áncora produccións seguiranlle nos vindeiros meses Teatro do Morcego coa obra "os Vellos non deben de namorarse"; Teatro do Noroeste con "alta comedia"; Casahamlet ; Al Suroeste con "El caballero de Olmedo" ou Teatro Buratini con "Contos para todo o ano".
O teatro tamén será protagonista entre o 15 de marzo e o 20 de abril coa celebración das Terceiras Xornadas de Teatro Afeccionado.
A programación complétase con unha exposición sobre o 30 cabodano do trolebús de Coruña a Carballo. Esta mostra, que recolle a historia do medio de comunicación máis usado polos veciños do Concello nos últimos anos, estará na sala de exposicións entre o 18 e o 31 de xaneiro próximos.
En maio o centro cívico acollerá un espectáculo multimedia de música e poesía protagonizado por Xoán Rubia e Eva Veiga.
|
Arriba
|
|
09-01-2002.-
Un fanzine conmemorará sete anos de certame do Cómic en Arteixo
Cincuenta obras, de trinta autores chegados de toda Galicia, concorren á sétima edición do certame de cómics organizado polo Concello de Arteixo a través da Oficina de Información Xuvenil.
As actividades, os vindeiros días 12 e 13 de xaneiro, desenvolveranse no Centro Cívico e Cultural. É esta a principal novidade xa que en anos anteriores a celebración do certame espallábase por distintos departamentos municipais. Esta decisión permitirá unha mellor localización de actos e maiores facilidades á participación.
Outra das novidades deste ano é a publicación, a través da Deputación Provincial da Coruña, dun fanzine que recolle as obras premiadas en edicións anteriores e que se entregará a todos os participantes deste ano.A presentación desta publicación, o domingo ás 19.00 h.
A fin de semana do cómic en Arteixo contará, dende o sábado, coa participación do debuxante coruñés Javier Prieto, que impartirá un obradoiro para nenos a partir das 17.00 h. Tamén se abrirá, ás 16.30 h, a mostra de banda deseñada na sala de exposicións do Centro Cívico que recolle os traballos presentados a esta edición. A xornada estará dedicada, a partir das 19.00 h á proxección de películas recentes relacionadas co mundo do tebeo.
O domingo haberá un novo obradoiro dedicado á arte urbana, como complemento á actividade de graffitis que desenvolve dende os últimos meses de 2001 a Oficina de Información Xuvenil. A entrega de premios será o domingo a partir das 19.30. A sétima edición do certame de cómic repartirá, en distintas categorías de adultos, infantil e xuvenil, máis de 2000 euros en premios.
|
Arriba
|
|
04-01-2002.-
Servicios Sociais da regalos de reis a máis de 100 nenos do municipio
O Concello de Arteixo , a través do departemaneto de servicio sociais, entregará durante toda a xornada de hoxe venres día 4, lotes de xoguetes a máis de 100 nenos e nenas entre 0 e 11 anos do municipio.
A iniciativa ponse en marcha tendo en conta as cifras que manexa o departamento de servicios socias, despois de diveros estudios, sobre as familias máis necesitadas. Ese estudio indica que 105 familias necesitan axudas externas para subsistir.
A entrega de xoguetes faise merced á colaboración do grupo de catequesis de Arteixo, empresas e particulares.
|
Arriba
|
|