Setembro
|
|
30-09-2002.-
Oitocentos viciños participan nas novas Actividades de Servicios Sociais
Uns oitocentos viciños de Arteixo, de tódalas idades, están inscritos para participar este curso 2002-2003, nas distintas actividades programadas polo departamento de Servicios Sociais.
Restauración, debuxo, pintura, manualidades, labores, bailes de salón ou canto son algunhas das ofertas que se achegarán a tódalas parroquias do municipio e se impartirán en locais municipais ou de asociacións colaboradoras.. Entre as novidades destaca a a posta en marcha das luditardes, unha alternativa para os máis cativos que se iniciarán, da man de monitorado especializado, en grupos de iniciación ó voluntariado, teatro e bailes.
A mayoría das actividades son de carácter gratuito. En caso de pago o custo establécese en dezaoito euros en concepto de matrícula para todo o curso que se prolongará dende outubro ata maio.
Por outra banda o departamento de servicios sociais pon en marcha este ano o servicio de pre-escolar na casa, unha iniciativa pensada para nenos de cero a tres anos sen escolarizar. Durante este ano os cativos apuntados participarán, acompañados polos seus pais, tres veces cada mes en aulas dirixidas por expertos nas que se aplicarán pautas de convivencia, conducta e outras actividades adicadas a esa franxa de idade.
|
Arriba
|
|
11-09-2002.-
O Ballet Rey de Viana e a sinfónica de Melide cambian a fisonomía da Praza das Viñas
"Vira o vento" é o espectáculo que o Ballet galego Rey de Viana ofrecerá ós viciños de Arteixo o vindeiro venres, trece de setembro, na Praza das Viñas. Trátase dunha das actuacións máis destacadas dentro da programación cultural de outono deseñada pola Concellería de Cultura. O Rey de Viana xa actuara en outra ocasión en Arteixo con presencia de gaiteiros, pero é a primeira vez que se despraza ó concello o corpo de baile completo.
O espectáculo comezará ás 21.30 h na Praza das Viñas que terá que ser acondicionada e remodelada para acoller esta actuación.
Sobre o mesmo escenario, e acompañado dunha grande montaxe que se prolongará durante toda a xornada, actuará o sábado catorce a Orquesta Sinfónica de Melide. "Música de Cine" acompañada de baile e xogos de luces acordes coa música, é só unha parte do atractivo de esta actuación que supón o máis grande operativo de todos os levados a cabo en Arteixo con motivo dun espectáculo musical.
A Praza das Viñas é o lugar elixido para presenciar estes dous eventos debido á súa amplitude e calidade de son e porque ambos espectáculos están pensados para se desenvolver ó aire libre. A Concellería de Cultura, en caso de condicións climatolóxicas adversas, disporá o Pavillón Polideportivo Municipal.
|
Arriba
|
|
10-09-2002.-
O Goberno leva o Plan Xeral ás distintas parroquias
Técnicos municipais explicarán a partir de mañá os pormenores do novo plan xeral de ordenación urbana, recentemente aprobado con votos de PP e PSOE.
Ata o vindeiro tres de outubro os técnicos achegarán o documento ós distintos núcleos do concello coa fin de solventa-las dúbidas que se presenten ós viciños.
O percorrido comeza mañá día doce en Sorrizo, Barrañán, Chamín e Monteagudo. Os técnicos estarán no Restaurante Praia a partir das 20.00 h.
Loureda recibirá a visita dos técnicos o día desásete ás 20.00 h no Bar Anduriña; Lañas e Armentón en Fontesvellas o día vintecatro, tamén ás 20.00 h.
Os últimos viciños en recibi-la visita dos técnicos de urbanismo serán os de Morás o día un de outubro ás 20.00 h no local social e os de Larín que están citados o día tres de outubro no Bar Estanco e tamén as 20.00 h.
O resto de núcleos do municipio tamén recibirán as explicacións que precisen sobre o plan en visitas similares que aínda están por determinar. Mentres, a comisión de seguimento do plan continúa con xuntanzas periódicas á espera de aprobar a parte urbana do territorio que será totalmente nova unha vez se aprobe definitivamente a nova lei do solo de Galicia.
|
Arriba
|
|
03-09-2002.-
Manuel Pose asina un convenio coa Fundación San Rosendo para a construcción dunha residencia de maiores
O alcalde de Arteixo Manuel Pose Miñones, asina este venres 6 de setembro un convenio coa Fundación San Rosendo que permitirá a construcción dunha residencia de maiores no entorno do Monticaño.
Na sinatura do acordo estará presente o presidente da fundación Benigno Moure.
O acto desenvolverase ás 12.00 h na alcaldía da Casa Consistorial
|
Arriba
|
|