Marzo
|
|
26-03-2002.-
As favorables previsións climatolóxicas en Semana Santa adiantan a limpeza das praias do Concello
Un cadro de persoal formado por seis membros de Protección Civil, apoiados por un remolque, encárgase dende primeiras horas desta mañá de limpa-los areais das principais e máis concorridas praias do municipio.
Aínda que a campaña oficial de limpeza nas praias non comeza ata principios do mes de xuño, o goberno local adoptou esta media debido ó bo tempo que, segundo, as previsións acompañará durante a semana santa. A pasada fin de semana praias como Barrañán ou Valcovo xa rexistraron índices de afluencia non habituais nesa época do ano.
Os traballos de Protección Civil, que comezaron por Sabón continuarán ata mañá con limpeza en Barrañán en Valcovo e nalgunha das pequenas praias do municipio.
A limpeza céntrase en retirar dos areais elementos arrastrados polas mareas durante o inverno. En canto ás augas, aínda que as análises de calidade que comproban a presencia de fecais non se realizan ata entrado do verán, presentan bo aspecto.
As análises realizadas na campaña de 2001 resultaron positivas en tódolos casos en en areais como Barrañán a cualificación obtida foi a maior que dá a Consellería. A última desas análises corresponde ó mes de outubro de 2001. As mostras recollidas polos equipos da Consellería detectan só a presencia de augas fecais nas praias e é o que indica se a mesma é ou non apta para o baño
|
Arriba
|
|
20-03-2002.-
O Concello inicia en abril novos cursos de iniciación e perfeccionamento do galego
O Concello de Arteixo solicitoulle á Consellería de Educación a concesión de dous cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega para adultos.
Durante todo este mes ábrese o prazo para se preinscribir. Os interesados deben acudir ó Departamento de Normalización Lingüística ou ben chamar ó 981.60.00.09.
Os cursos, que teñen una duración de 75 horas, son gratuítos e como máximo asistirán a cada un deles, 35 alumnos; o mínimo será de 20 persoas por curso. A asistencia a clase, de 19.30 h a 21.30 h, é obrigatoria.
Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.
|
Arriba
|
|
20-03-2002.-
Unha mostra de oitenta fotografias homenaxe o colectivo da terceira idade do Centro da Baiuca
O Centro Cívico e cultural acolle esta tarde, a partir das oito, a inauguración da mostra que, baixo o título "dete-lo tempo", recolle imaxes da xente de maior idade que a diario acode ó Centro da Baiuca.
A exposición, organizada polo departamento de Servicios Sociais, pretende servir de homenaxe ós anciáns que, día a día, "viven", conviven, e se divirten neste centro.
Son oitenta fotografías, obra do fotógrafo local Raúl Moreira que se poden visitar, en horario de mañá e tarde, ata o vindeiro 27 de marzo.
Nese período a mostra tamén se pode visitar a través da páxina web do Concello: www.arteixo.org
|
Arriba
|
|
13-03-2002.-
Oito compañías participan nas terceiras xornadas de teatro afeccionado de Arteixo
Impulsa-las artes escénicas e dar oportunidades ás compañías de teatro non profesionais do municipio é o principal obxectivo das Xornadas de Teatro afeccionado que, por terceiro ano consecutivo pon en marcha a Concellería de Cultura.
Nas vindeiras semanas oito compañías, catro de Arteixo, ocuparán ó auditorio do Centro Cívico, para ofrecer, de xeito gratuíto, representacións de tódolos estilos.
A primeira das representacións, venres 15 de marzo, corre a cargo do Grupo Sal-Monela que poñerá en escena una obra baseada nun texto de Jardiel Poncela: "tú y yo somos tres".
Marzo tamén acollerá, o día 22 a representación de "A pousada de Petra Cotón" a cargo do grupo santiagués Teatro de Cámara Ditea.
As xornadas continuarán durante tódolos venres do mes de abril para dar cabida ó grupo Siria; Grupo de Teatro do Colexio de Galán; Trebello do CP Ponte dos Brozos; Pasapadentro, teatro xuvenil de Oseiro; grupo Faíscas; e grupo Trasnos tamén do centro Ponte dos Brozos.
|
Arriba
|
|
13-03-2002.-
O Concello prevé recadar preto de 800.000 polo imposto sobre vehículos de tracción mecánica
O Concello de Arteixo prevé recadar este ano 785.000 a través de imposto sobre vehículos de tracción mecánica. O censo municipal ten contabilizado en 2002 un total de 13.068 vehículos divididos en distintas categorías fiscais.
O prazo de pagamento deste imposto varía este ano a proposta da deputación provincial e varios municipios entre os que non está Arteixo. O ente provincial necesita adiantar este cobramento para unha mellor xestión dos seus ingresos en 2002.
No pasado exercicio o Concello ingresou por este mesmo concepto cento oito millóns de pesetas. A previsión para este ano é lixeiramente superior e , en pesetas, alcanzaría os cento trinta millóns.
O censo contempla este ano 9286 turismos. A maioría deles, 4607 de máis de 12 cabalos fiscais. Hai actualmente 4187 turismos de ata 11'99 cabalos fiscais.
Tamén satisfarán ese imposto os 216 autobuses que rexistra o censo municipal de vehículos, e os 1785 camións; os 256 tractores; 140 remolques e 1135 ciclomotores e motocicletas.
A tarifa máxima, pouco máis de 180, aplícase ós autobuses de máis de cincuenta prazas e ós camións de máis de 9999 kg de carga útil.
Os turismos pagarán, como máximo 136'75, os de máis de vinte cabalos fiscais. A maioría, 4607 vehículos de ata 15'99 cabalos, pagarán 87.
O prazo para satisfacer este imposto remata o vindeiro día 15 de maio. O mesmo pódese satisfacer na maioría de entidades bancarias do municipio ou a través dos servicios de recadación da Deputación da Coruña.
|
Arriba
|
|
08-03-2002.-
Día Internacional da Muller, Carta de Rigoberta Menchú
Este oito de marzo, Día Internacional da Muller, saúdo ás mulleres que en calquera lugar do mundo, co seu labor diario abren a brecha para a construcción de sociedades humanizadas, onde a intolerancia e a prepotencia que prevalece actualmente nas relacións humanas, sexa só unha triste lembranza.
Soñar con novas utopías, soñar cun futuro mellor, no que prevalezan as profundas raíces dunha nova ética, as relacións harmoniosas e respectuosas das diferencias e unha ampla perspectiva da unidade na diversidade, é válido e fermoso.
Sen embargo, soñar con ese futuro sen a participación ampla da ciudadanía en xeral e das mulleres en particular, é imposible. Por iso, resulta imprescindible continuar a traballar na creación dos espacios axeitados para que todo o potencial que as mulleres están en plena capacidade de achegar, sexa aproveitado pola humanidade no seu conxunto.
A profunda crise de valores que vivimos, esixe esforzos de toda a sociedade para encontrar solucións e alternativas no mellor da riqueza das diferentes culturas, e neste sentido, sendo a muller unha gran portadora e transmisora da cultura de xeración en xeración, resulta fundamental o seu papel.
A construcción, consolidación e permanencia da democracia esixe, hoxe máis ca nunca, loitar por erradicar das nosas sociedades as práticas discriminatorias e excluíntes cara ás mulleres, indíxenas, loitando pola súa plena igualdade de dereitos, restituíndo a súa dignidade lesionada.
É dicir, para a construcción da igualdade, o desenvolvemento e a paz, é necesaria a unidade das mulleres e o recoñecemento, a promoción, defensa e respecto dos seus dereitos e valores.
Desexo reiterar que unha nova educación na que os conceptos tolerancia, respecto e convivencia harmónica estean presentes, deben constituí-la base para contribuír a reconstruí-las relacións de igualdade, para o logro do desenvolvemento equitativo e a paz sociais.
Gardo a esperanza en que a celebración do Día Internacional da Muller, contribúa á reflexión e á busca dos mecanismos axeitados para que en calquera lugar do mundo se acade a erradicación das distintas formas de discriminación e abusos cara as mulleres, empeñadas a contracorrente no logro da súa plena igualdade de dereitos
Rigoberta Menchú
|
Arriba
|
|
08-03-2002.-
A modificación da Ponte de Caldas obriga a cortes de auga en varias rúas de Arteixo
A modificación da Ponte de Caldas, incluída no proxecto da segunda fase do paseo fluvial, obrigará a corta-lo subministro de auga en varias zonas de Arteixo durante cinco horas.
O corte prodúcese porque a modificación da estructura afecta ó entubado xeral de subministro e obriga a abrir unha vía provisional mentres duran os traballos.
O corte de auga comezará ás 0.00 h do sábado día nove e prolongarase ata as 05.00 h do mesmo día. O corte de subministro afecta á s rúas Uxío Novoneyra; Eugenio Carré;: ós números pares da Avenida dos Bosques; números impares da Avda. do Balneario; entre os números 105 e 137 da Avenida de Fisterra; Ría de Viveio; os números 2,4 e 5 da Ría de Pontevedra; Ría de Betanzos; Ría de Ferrol; Travesía de Ría de Betanzos; Travesía de Ría de Ferrol; números 1 e 3 da Ría de Noia; Rúas Independencia e Reconquista; General Porlier; Sinforiano López; números pares da Travesía de Arteixo e Camiño da Serreira.
|
Arriba
|
|
07-03-2002.-
Servicios Sociais comparte cos colectivos municipais os actos do Día Internacional da Muller
Sensibilizar, cooperar e conmemorar, con estas premisas prepara a Concellería de Servicios Sociais o Día Internacional da Muller que se celebra o vindeiro venres 8 de marzo. A evolución persoal da muller cara á liberdade é o primeiro dos temas que aborda esta celebración. O teatro é o fío conductor desta denuncia a través da representación da obra "Coitelos nas Galiñas" que poñerá en escena A Factoría Teatro no Auditorio do Centro Cívico o venres a partir das 20.30 h.
Paralelamente o Concello quere contar para estas celebracións coa participación dos distintos colectivos e asociacións municipais que colaboraron na campaña "Imos da-la lata" na que se recadaron máis de 1500 kg de latas de conserva que se enviarán a Mozambique e ó Sahara.
Por outra banda, o departamento de servicios sociais leva a cabo dinámicas de grupo coa mocidade que participa en obradoiros de formación do voluntariado onde se trata de os sensibilizar coa situación dos menos favorecidos e a igualdade.
Os actos rematarán con un Stand de Mercado Xusto que se instalará no Feirón do sábado 16 de marzo con material elaborado por mulleres de países en vías de desenvolvemento.
Nas actividades deseñadas polo Concello colaboran as ONG´s Solidariedade Internacional, Ecos do Sur e Asociación colaboradoras co Sáhara.
|
Arriba
|
|
06-03-2002.-
A XI Edición do Manuel Murguía rexistra o máis alto índice de participación na historia do certame
A XI edición do Certame de Narracións Breves "Manuel Murguía", que pechou en febreiro pasado o prazo de entrega de orixinais, rexistrará o máis alto índice de participación na longa historia deste prestixioso premio.
A última xuntanza da coordinadora deste certame, o pasado venres, contabilizou 70 orixinais presentados dos que catro foron descartados por non se asustaren ás bases de participación. O xurado deberá, polo tanto, avaliar nos vindeiros meses, sesenta e seis obras orixinais cando a media establecida en edicións anteriores se achegou ós corenta.
A reunión serviu ademais para designa-lo xurado desta nova edición que estará composto por Francisco Fernández Naval, como representante da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Xosé Luís Martínez Pereiro, gañador da X edición; e a profesora de lingua galega Cristina Galán. Como vén sendo habitual o xurado complétase coa presencia, con voz e sen voto, do coordinador do certame Henrique Rabuñal.
Outra das novidades que presenta esta edición será o día designado para dar a coñece-lo fallo do xurado, habitualmente o Día das Letras Galegas. Este ano o xurado dará a coñecer a súa decisión o día 1 de xuño para o facer coincidir coa presentación do libro "Paisaxes con palabras" co que o Concello de Arteixo conmemora o primeiro decenio ininterrompido do certame. A publicación recolle textos inéditos dos diferentes autores que gañaron este certame.
|
Arriba
|
|
04-03-2002.-
O Centro Cívico acolle unha exposición interactiva sobre a Literatura Galega
A sala de exposicións do Centro Cívico e Cultural acolle mañá martes, cinco de marzo, a inauguración, ás 20.30 h, da mostra "As Nosas Letras".
Trátase dun percorrido pola historia da literatura galega na que se amosan imaxes e textos dos principais autores das nosas letras. A mostra, redactada integramente en galego, desenvolve, a través de textos e imaxes, o camiño andado polos movementos e personaxes ilustres da nosa historia literaria. A mostra ofrece elementos que permiten ó visitante situar no espacio e no tempo cada un dos textos e imaxes que contempla.
Esta mostra, que pretende ser amena e pedagóxica, ofrece ós visitantes a posibilidade de escoitar, a través de auriculares inalámbricos, recitados das obras que se están a contemplar.
Durante o período no que a exposición permaneza en Arteixo, ata o 15 de marzo, internet mantén unha páxina sobre os seus contidos. Na mesma inclúense os traballos realizados polos centros de ensino que a visiten e desexen participar no proxecto "Os novos escritores". Esta iniciativa ofrece ós estudiantes a posibilidade de elaborar textos inspirados na mostra e que posteriormente, se incluirán na web.
A mostra pódese visitar polas mañás, de 10.00 a 14.00 h e polas tardes de 17.00 a 20.00 h, excepto os domingos.
|
Arriba
|
|