Febreiro
|
|
20-02-2002.-
A Oficina de Información Xuvenil propón alternativas profesionais ós escolares
Ofrecer alternativas de estudio e promocionar novas saídas profesionais é o obxectivo que persegue a nova campaña deseñada pola Oficina de Información Xuvenil (OIX) do Concello de Arteixo. Alumnos da escola de imaxe e son, e deseñadores gráficos imparten esta semana distintas charlas nos centros de ensino municipais nas que amosan ós escolares as posibilidades profesionais que ofrece o deseño gráfico.
Como remate destas actividades a OIX programa para o vindeiro venres, día 22, a proxección da película de animación galega "El Bosque animado", recente triunfadora dos "premios Goya" ó acadar dúas estatuíñas nos apartados de mellor película de animación e mellor canción orixinal.
A proxección, no Auditorio do Centro Cívico e gratuíta, farase coma nos cines de toda a vida, con rollos de película de 35 mm e proxector de bobinas, e non a través do vídeo coma é habitual.
Haberá dous pases. Un primeiro ás 17.30 h e o segundo ás 21.00 h.
|
Arriba
|
|
20-02-2002.-
Manuel Pose visita ós emigrantes galegos en Uruguai
Manuel Pose inicia mañá mércores unha viaxe a Uruguai na que ten previsto manter unha xuntanza con galegos residentes en Montevideo e coñecer, de primeira man, a complicada situación que atravesan naquel país.
A xuntanza, no Centro Galego de Montevideo, terá lugar o vindeiro sábado e servirá, entre outras cousas, para que o alcalde reciba ou entregue mensaxes de veciños de Arteixo con familiares residentes no país sudamericano.
En Uruguai residen actualmente catrocentos corenta e catro veciños de Arteixo, mentres que en Arxentina a cifra alcanza os cento trece arteixáns. En ámbolos dous casos só se contabilizan os veciños de Arteixo maiores de dezaoito anos.
O pleno municipal aprobou unanimemente, en xaneiro pasado, unha proposta para axudar economicamente a eses veciños residentes no estranxeiro. O que o Concello dedica a fins sociais ascende este ano a 36.000 €. Desa partida, Servicios Sociais encargarase de designar canto e de que xeito se fai chegar a Arxentina e Uruguai.
Manuel Pose expoñerá as conclusións da súa viaxe no transcurso dunha rolda de prensa que terá lugar o vindeiro mércores día 27 de febreiro ás 11.30 h na Alcaldía do Concello.
|
Arriba
|
|
19-02-2002.-
O Centro Cívico percorre corenta anos de historia da seguridade viaria
A sala de exposicións do Centro Cívico e Cultural de Arteixo acolle dende hoxe e ata o vindeiro día 2 de marzo, unha mostra que percorre a historia da seguridade viaria en España nos últimos corenta anos. A través dos carteis publicitarios deseñados pola DXT dende 1960 e ata 2000, a mostra recolle os distintos aspectos que resaltou a seguridade viaria dende os seus comezos. Slogans como "de noche todos los carros son pardos" ou "si bebes no conduzcas" forman parte dos deseños que acolle a mostra.
En 1960, data da que parte a mostra, España contaba con un parque móbil de 1.223.981 vehículos e as cifras de sinistros situábanse en 1760 falecidos por ano. En 2000 o parque móbil superou os 21 millóns de vehículos e esas cifras de sinistro arroxaron un balance de 6000 persoas mortas.
A campaña de seguridade viaria programada pola policía local contempla a visita a esta mostra de grupos de escolares das distintas parroquias do concello.
|
Arriba
|
|
14-02-2002.-
Vinte mil veciños acudiron á Biblioteca Municipal en 2001
A biblioteca municipal de Arteixo rexistrou en 2001 un total de 19.692 usuarios establecendo unha media diaria de asistencia a este departamento de 74 persoas. Os veciños que acoden á biblioteca son maioritariamente mulleres maiores de catorce anos, un 63% con un total de 12.542 visitas.
Estas cifras correspóndense co número actual de socios, 3214, dos que 1780 son mulleres. No pasado ano producíronse 309 altas de socios, cento trinta e catro homes e cento setenta e cinco mulleres.
A biblioteca central, que dispón de catro salas, (audiovisual, infantil, xeral e depósito), pode acoller a 72 lectores ó mesmo tempo distribuídos nos 272 metros cadrados dispostos para o público.
Os fondos bibliográficos creceron en 2001 ata alcanzar os actuais 16.877 volumes dos que 903 foron adquiridos nese mesmo ano. O Concello comprou 635 volumes, e as doazóns, da Xunta de Galicia e particulares, supuxeron 268 máis. Os fondos audiovisuais, vídeos, cd-rom, cd e dvd chegan ós 1.340.
Os préstamos, regularizados recentemente gracias á informatización dos fondos e ó servicio, mantéñense en cotas similares a anos anteriores. Os libros supoñen o 78% do total (8.591) seguido dos vídeos (1329) e os Cd`s (1.089). Este último apartado medrou con respecto ó pasado exercicio e supuxo en 2001 un 12% dos préstamos realizados.
O proceso de informatización dos fondos e o servicio de préstamos comezou a se programar no ano 1998. Utilízase para estas tarefas o programa Liber-Marc que permite a reconversión dos fondos e o préstamo dixitalizado ademais doutras funcións de seguimento para a administración da biblioteca así como a posibilidade de control de gastos, publicacións e outros.
Nese proceso de informatización salientan os datos que ofrece o número de volumes perdidos ou non devoltos nos últimos anos que superan os 300.
A biblioteca ocupouse tamén en 2001 de continuar coas habituais campañas de animación á lectura que supuxeron a realización de máis de 20 actividades deste tipo ó longo do ano. Tamén, en colaboración coa Radio Municipal, se celebrou en abril o mes do libro con distintas actividades.
|
Arriba
|
|
07-02-2002.-
O muíño grande de Sisalde será unha Aula de Medio Ambiente
Achegar elementos tradicionais ás novas xeracións, conserva-lo patrimonio artístico do municipio, e aproveitar esta riqueza para a incluír nun plano de educación ambiental e artística permanente, é o obxectivo que persegue o Concello de Arteixo co proxecto de rehabilitación do muíño grande de Sisalde.
Trátase dun proxecto englobado no plano 2000 de arquitectura popular da Deputación da Coruña e que contará cun presuposto de 29.652,57 €. As obras, unha vez cumpridos os prazos de convocatoria, contratación e adxudicación, poderían comezar cara á vindeira primavera.
O muíño grande de Sisalde é unha construcción típica de canle que sobresae por estar formado en orixe por dous muíños acaroados con dúas entradas diferentes e dúas enxeñerías de moenda diferenciadas, unha con sentido dextroxiro e outra con sentido levoxiro. O seu estado actual, abandonado dende 1970, é precario. A recuperación deste elemento supón a recuperación do patrimonio do municipio e dun elemento tradicional outrora moi frecuente en Arteixo. No termo municipal constátase a presencia de, cando menos, 125 muíños de diferente estructura, tamaño e orixinalidade.
Os traballos a desenvolver contemplan a roza da vexetación que oculta o muíño; recuperación dos elementos singulares da construcción e das canalizacións e sistemas de circulación da auga así como a limpeza e recuperación da presa que se emprega posteriormente como paso.
Mención especial merece a recuperación dos apeiros, claves para o bo funcionamento do muíño, e que desapareceron na súa práctica totalidade ou están inservibles. Neste senso o proxecto contempla a construcción de elementos tradicionais como rodicios, mesa, vara, pé e capa, aliviadoiro, moega, quenlla, levatón, terminado e pousadoiro. Para realizar esta recuperación o Concello conta co asesoramento dun veciño octoxenario, antigo carpinteiro de muíños e conservador do muíño de Sisalde ata o seu abandono por mor da aparición dos muíños eléctricos.
A nova construcción servirá para dar a coñecer ás novas xeracións tradicións que doutro xeito estarían abocadas a museos. Para iso incluirase esta construcción no programa de educación ambiental permanente desenvolvido polo Concello. A grande acollida desta iniciativa nos veciños fan pensar nun alto índice de participación nas actividades deseñadas, que se achegarán a tódolos centros de ensino de Arteixo e da área coruñesa, e á apertura dun potencial turístico crecente no municipio.
|
Arriba
|
|
06-02-2002.-
Máis de dúas mil persoas beneficiáronse das actividades do Servicio de Normalización Lingüística en 2001
Más de dous mil veciños, distintas asociacións e departamentos municipais beneficiáronse en 2001 dos servicios prestados polo departamento de normalización lingüística do Concello de Arteixo.
O obxectivo principal deste departamento do Concello é organizar e resolver tódalas necesidades que se presenten sobre a lingua e os modelos lingüísticos que se utilizan para resolver documentos. O obxectivo final é contribuír á extensión social da lingua galega.
Para acadar estes obxectivos o departamento de normalización de Arteixo organizou durante 2001 actividades como "A festa da lingua" que contou cun presuposto que se achegou ás 200.000 pesetas e na que participaron un alto número de veciños ó se desenvolver no marco do feirón dos sábados. Esa cita contou coa actuación de Farruco e a participación de distintos colectivos que interpretaron cantigas populares. Nesta mesma liña o Departamento de Normalización colaborou co "Correlingua", actividade para escolares da bisbarra desenvolvida na Coruña, e na que participaron nenos de Arteixo.
Nas actividades de 2001 a memoria do departamento destaca o Convenio subscrito en decembro coa Sociedade Anónima para o desenvolvemento Comarcal de Galicia para a realización do proxecto toponimia e que supuxo un investimento para as arcas municipais de 1.200.000 pesetas. Deste proxecto beneficiarase toda a poboación de Arteixo.
No labor de difusión destaca a publicación do novo calendario municipal no que se investiron 1.200.000 pesetas e que se achegou a 3000 veciños.
Durante 2001 o Departamento de Normalización lingüística tramitou 45 solicitudes de veciños que participaron en cursos de iniciación ou perfeccionamento da lingua galega. Nesta tarefa de asesoramento mantivéronse contactos con distintas asociacións ás que se lles prestaron servicios de traducción ou tramitación de documentos. Neste capítulo o departamento colaborou coa Asociación de Comerciantes, asociacións culturais ou asociación de mulleres Andanza. Tamén se beneficiaron deste servicio 10 empresas do Concello e tódolos centros de ensino municipais. A tramitación das subvencións por parte de Normalización Lingüística, a distintas consellerías, supuxo 845.000 pesetas para as asociacións e empresas que as solicitaron. O propio departamento recibiu unha axuda da Consellería de Xustiza para o mantemento do servicio e realización de actividades de 1.300.000 pesetas.
|
Arriba
|
|
06-02-2002.-
Ramón Do Fertimón pregoeiro do Entroido 2002
Ramón, o do Fertimón, será o encargado de iniciar oficialmente o programa de Entroido 2002 en Arteixo. Será o sábado ás 12.00 h na explanada do Balneario e estará acompañado dunha comparsa formada por membros da Asociación de Pensionistas e Xubilados do Concello. É a primeira vez que este colectivo asume o reto de inicia-lo Entroido. Tradicionalmente son asociacións municipais as que, voluntariamente, lle dan o arranque a estas festas.
O Entroido arteixán supón catro días de festexos con ofertas de ocio para tódalas idades. Así, o sábado estará especialmente dedicado ós máis pequenos coa celebración dunha festa e concurso de disfraces no Pavillón polideportivo. Será a partir das 17.30 h. e contará con animadores e importantes premios e accésits.
Tamén o luns día 11 os nenos serán protagonistas coa posta en marcha, un ano máis, de Divertilandia. A partir das 17.00 h. os pavillóns de Arteixo e Meicende convértense nun parque de ocio para os máis cativos con presencia de parques inchables e outros elementos. En Oseiro os nenos contarán con talleres de animación, maquillaxe e teatro no local da Asociación de Veciños Manuel Murguía.
O martes, día grande do Entroido, celébrase o tradicional concurso de carrozas, comparsas e disfraces. Os participantes sairán ás 17.30 para desfilar pola Travesía de Arteixo ata a explanada das festas. A festa posterior repartirá máis de 2000€ en premios ás mellores carrozas, comparsas, música e letra, e disfraces individuais e colectivos.
O enterro do Meco, figura que preside o Entroido arteixán, terá lugar, como vén sendo tradición, o día 13 en Meicende.
O programa complétase con exposición de fotos. Trátase dunha mostra que recolle instantáneas do Entroido de Arteixo nos últimos anos. As imaxes, obra do fotógrafo local, Raúl Vázquez, estarán no Centro Cívico e Cultural ata o día 16.
Ademais, o Concello deseñou para estes días un novo programa de cine que achegará ás distintas parroquias títulos como "Al diablo con el diablo"; "El emperador y sus locuras"; ou "2001, despega como puedas".
A programación rematará cun espectáculo cómico que poñerán en escena, o día 15 a partir das 20.30 h, "Fulano, Mengano e Citrano". O espectáculo, baixo o título "Cheiro das estrelas II", será de entrada libre.
|
Arriba
|
|
04-02-2002.-
A Biblioteca retoma en febreiro a Campaña de Animación á Lectura
Facer un contacontos estable, presenta-las bibliotecas de xeito lúdico, fomenta-lo hábito da lectura e achegar ós máis cativos os servicios que presta este departamento municipal son os principais obxectivos da nova campaña de animación á lectura que comeza este mes de febreiro e se prolongará ata a primavera.
As tardes deste semestre a biblioteca central e as axencias de lectura de Oseiro e Meicende acollerán tres formas distintas de conta-contos que achegarán ós nenos a ilustradora Marisa Irimia; e as compañías tetarais "Trinke-Trinke" e "Alacrán".
A actividade pénsase especialmente para nenos e nenas de catro a once anos.
A primeira representación de contacontos terá lugar o cinco de febreiro na axencia de lectura de Oseiro.
|
Arriba
|
|