Concello de Arteixo  
Correo Novas Inicio
 
 2002
Decembro
Novembro
Outubro
Setembro
Agosto
Xullo
Xuño
Maio
Abril
Marzo
Febreiro
Xaneiro
 
 2001
Ver novas

Abril

30-04-2002.- Cultura difunde a figura de Frei Martín Sarmiento no mes das Letras Galegas

A Concellería de Cultura colaborará un ano máis na difusión da figura á que este ano se adica o día das Letras Galegas.

Frei Martín Sarmiento é o protagonista dunha exposición que ata o vindeiro día catro de maio ocupará a sala do Centro Cívico e Cultural. Trátase dunha mostra guiada na que o visitante, da man dun especialista, poderá percorrer, en doce paneis, a vida, obra e época na que Sarmiento realizou o seu traballo en favor da lingua galega.

Por outra banda o Concello enviou a tódolos centros de ensino e asociacións do Concello o libro de Frei Martín Sarmiento, "A Nosa Terra", unha iniciativa que se leva a cabo tódolos anos e que pretende achegar ós cidadáns unha obra do autor que conmemora o día das letras.

O 17 de maio, o Concello celebrará a tradicional ofrenda floral no monolito de Manuel Murguía. O acto terá lugar ás 13.00 h na urbanización Sol e Mar. A entrega de premios do XI certame de Narracións Breves trasládase este ano ó 1 de xuño. A organización quere facer coincidir esta entrega coa presentación do libro conmemorativo da X edición do certame no que tódolos gañadores do mesmo escribiron un novo relato.

A programación cultural deste mes de maio inclúe ademais un concerto de blues a cargo da Big Botton Band, o vindeiro día 3; un espectáculo multimedia a cargo de Xoán Rubia e Eva Veiga o día 14; unha exposición de pintura sobre a obra de M. Josefina Pita; e a representación de "Alta Comedia" o día 31 a cargo de Teatro do Noroeste.

Arriba
26-04-2002.- O Concello facilitará os trámites ós afectados polo proxecto de construcción do paseo marítimo

O Concello de Arteixo publicará unha lista, no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, para que os veciños afectados polos proxectos de recuperación do litoral de Valcovo e de paseo entre a praia da Salsa e de Sabón, teñan acceso á incidencia destes proxectos nas súas propiedades.

O grupo de goberno adopta esta medida consciente das dificultades que se presentan ós propietarios das fincas para coñecer, de primeira man, os proxectos, que pretenden e para que serven; así como os trámites que segue a administración con respecto ás súas propiedades.

Os proxectos afectan a 127 fincas e o Concello chegou xa a acordos de cesión con trinta e un propietarios.

Estes dous proxectos, iniciativa presentada polo Goberno local ó Ministerio de Fomento, e asumida por este, suporán a recuperación e acondicionamento de todo o litoral arteixán.

A parte do proxecto que se construirá entre Valcovo e Sabón custará máis de 500 millóns de pesetas e se conectará co segundo dos plans, ata Barrañán, de forma que se poderían percorrer todo o trazado costeiro de Arteixo a pé ou en bicicleta xa que contará con carril bici.

A infraestructura contará con miradoiros, espacios verdes, pasos para peóns e outras zonas de ocio e deportivas.

Arriba
26-04-2002.- Servicios Sociais crea o carné municipal da terceira idade para mellorar a atención deste colectivo

A Concellería de Servicios Sociais quérelle facilitar ó colectivo da terceira idade, o acceso ás actividades que se lles dedican e coñecer máis polo miúdo as necesidades e demandas que pretenden da administración. Para acadar este obxectivo a Concellería crea o Carné Municipal da Terceira Idade.

Este documento axilizará os trámites dos vellos coa administración e servirá de acreditación para calquera servicio ó que queiran optar. Presentar, unicamente, este documento servirá para participar en actividades, optar a axudas ou subvencións. O carné, que se entrega tras cubrir un formulario serve ademais para que o departamento de servicios sociais coñeza as necesidades e demandas do colectivo para as poder satisfacer. Ademais, servirá de orientación para establecer prezos ou periodicidade das actividades.

Os beneficiarios deste carné deben de pertencer ó Concello de Arteixo, ser maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de cincuenta. Tamén o poden obter os cónxuxes dos grupos anteriores e outros en situación especial. A tramitación lévase a cabo no Centro da Vellez da Baiuca os xoves de 10.00 h a 12.00 h. e tamén existe o servicio de cita previa a través do 981.60.27.85.

Os solicitantes deben aportar unha fotocopia da cartilla sanitaria, fotocopia do DNI e dúas fotografías tamaño carné.

Arriba
23-04-2002.- O Concello subvenciona ós centros públicos con máis de 18.000 € para a realización de actividades deportivas

As asociacións de Pais e Nais dos colexios Ponte dos Brozos, en Arteixo; Galán, en Oseiro; e San Xosé Obreiro, en Meicende, asinaron recentemente un convenio de colaboración co Concello de Arteixo encamiñado ó desenvolvemento e organización das actividades deportivas extraescolares.

A Concellería de Deportes cubre así un dos seus obxectivos para o presente exercicio que pasa pola promoción de actividades deportivas e ocupación do tempo libre da comunidade escolar fomentando valores formativos, utilitarios, hixiénicos, e sociais.

O acordo establece medios para o desenvolvemento do programa deportivo en idade escolar. A administración local aportou 18.030,36 € para a adquisición de material deportivo e dotación de equipamento nos tres centros escolares.

O material, que xa está a disposición dos centros, inclúe dende o máis básico, como balóns ata o máis especializado vallas antilesións e trampolíns; material específico para actividades psicomotrices en idades temperás; ou ,material para deportes alternativos como paracaídas ou indiacas.

Arriba
12-04-2002.- O Concello mellora a infraestructura do IES de Sabón

O Concello de Arteixo investiu 40.960,12 € en completa-las instalacións coas que actualmente conta o IES de Sabón para imparti-lo ciclo de grao medio dedicado a actividades físico deportivas no medio natural.

As novas instalacións, un taller de bicicletas, servirán para completa-la formación dos alumnos dese ciclo en materia de cicloturismo. O módulo coñécese concretamente,como "conducción de grupos en bicicleta". O taller permitirá facer pequenas reparacións das bicicletas que usan para a actividade e permitirá impartir clases prácticas sobre a materia.

As instalacións contan con 70 metros cadrados nos que, ademais de espacio para as clases e reparación, hai un vestiario e duchas para os alumnos.

Arteixo é un dos tres lugares da Comunidade Galega nos que actualmente se imparte este ciclo que, cursan en Sabón , vinte alumnos. O Concello de Arteixo xogou un papel fundamental á hora de solicitar e acadar a concesión destes estudios para o municipio.

O alcalde Manuel Pose Miñones acompañará ó Delegado da Consellería de Educación, Jaime García García, na inauguración das novas instalacións. O acto terá lugar mañá xoves 11 de abril ás 17.30 h.

Arriba
08-04-2002.- Os reaxustes presupostarios non supoñen a modificación dos investimentos para 2002

A Casa do Concello acolle o vindeiro mércores dez de abril un pleno que, con carácter extraordinario, se ocupará, no primeiro punto da orde do día, de da-lo visto bo á "liquidación do orzamento de 2001 e á corrección do remanente de tesourería negativo para gastos xerais".

Trátase dun desfase orzamentario propiciado polo atraso dun ingreso de 150.000.000 de pesetas, froito dun convenio urbanístico na Zapateira, previstos polo Concello para o exercicio de 2001 e que debería de ser efectivo a finais do pasado ano ou principios de 2002. Ese atraso, propiciado pola tardanza nos trámites por parte da Dirección Xeral de Urbanismo, supón a paralización temporal de distintas partidas de investimento contempladas nos presupostos de 2002.

Esa paralización temporal, para axustes contables, non deriva na ausencia de investimentos para este exercicio xa que, unha vez recibido o ingreso pendente, nas vindeiras semanas a Corporación, en pleno, encargarase de facer cadrar de novo a contabilidade para que as partidas que agora deixan de ter dotación, volvan a contar con liquidez para a realización do contemplado nos presupostos.

O pleno, que comezará ás 20.00 h, tratará, ademais deste asunto, a desafectación dos camións de recollida do lixo e un expediente de modificación de créditos así como a adxudicación dunha operación de crédito para os investimentos de 2002.

Arriba
04-04-2002.- Arteixo dispón de tres vacantes para a adquisición de vivendas de promoción pública

O Concello de Arteixo publica a apertura de trámites para a adxudicación de tres vivendas de promoción pública vacantes na Urbanización Sol e Mar.

As solicitudes deben de se presentar no Rexistro municipal entre o oito e o doce de abril próximos. O Centro de Servicios Sociais ou o propio rexistro municipal facilitan o impreso necesario para formaliza-las solicitudes.

As vivendas das que se dispón dispoñen de dous dormitorios e 55 metros cadrados en dous casos; e de tres dormitorios e 83 metros cadrados o restante.

As solicitudes cualificaranse, para a súa adxudicación, consonte ós baremos fixados polo Decreto 98/92 de 26 de marzo. A adxudicación definitiva corresponderalle á Comisión Provincial de Vivenda da Coruña.

Arriba
03-04-2002.- A Biblioteca e a Radio Municipal únense na celebración do mes libro

Potenciar o hábito da lectura entre os veciños, e dar a coñecer as novidades que se achegan á biblioteca municipal é o obxectivo dunha iniciativa conxunta que este mes de abril, dedicado ó libro, pon en marcha a Concellería de Cultura a través dos departamentos da biblioteca e a radio municipal.

Durante o mes vindeiro a emisora dedicará un espacio diario, ás doce e cinco do mediodía, no que se conectará co responsable da biblioteca municipal para coñecer novidades de lectura que cheguen a este departamento. Ademais os oíntes terán a posibilidade de recomendar algún autor ou libro a través da súa participación telefónica. Entre as chamadas que se rexistren na radio municipal, os venres sortearanse libros entre os participantes. A biblioteca municipal fará referencia a calquera novidade que se presente aínda que se quere prestar especial atención ós libros escritos en lingua galega.

Esta colaboración prodúcese por terceiro ano consecutivo. Ademais, a Radio Municipal mantén, durante todo o ano, un espacio semanal dedicado á lectura, tamén en colaboración coa biblioteca, onde se analizan as novidades literarias.

Arriba
02-04-2002.- Arteixo repasa un século de historia a través da publicidade

Cen anos de historia contados a través da publicidade. O Centro Cívico de cultural de Arteixo acolle dende o vindeiro xoves, catro de abril, unha mostra que, organizada por CaixaNova, supón un verdadeiro estudio socioeconómico de España entre 1870 e 1960.

A exposición conta con sesenta carteis publicitarios que son unha mostra dos modos de vida e medios de subsistencia da época. Divididos en categorías as obras amosan alimentos; bebidas ou productos farmacéuticos. Nesta última categoría xa se podían atopar métodos de adelgazamento "milagreiros".

As dimensións e importancia desta mostra fixeron que os técnicos do departamento de cultura, en colaboración con Caixa Nova, tiveran que acondicionar de xeito especial a sala de exposicións para dar cabida a todo o material.

Os elementos da mostra chegaron hoxe a Arteixo e a montaxe, segundo os técnicos poderíase prolongar ata o mesmo xoves.

A inauguración será o catro de abril ás 20.30 h. A exposición permanecerá en Arteixo ata o 27 de abril próximo.

Arriba
  |   Anterior   |   Inicio   |   Seguinte   |