Concello de Arteixo  
Correo Novas Inicio
 
 2001
Decembro
Novembro
Outubro
Setembro
Agosto
 
 2002
Ver novas

Decembro

27-12-2001.- O Concello recorre á memoria para recupera-la toponimia do Municipio

Realizar traballos relacionados coa información do territorio circunscritos á área comprendida no territorio de Arteixo, dirixidos á elaboración dunha base toponímica de Galicia, é o primeiro obxectivo do convenio de colaboración asinado pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e o Concello de Arteixo, que se converte así, na primeira administración local en colaborar directamente co proxecto Toponimia de Galicia.

Trátase con esta iniciativa de recuperar e conserva-lo patrimonio toponímico así como contribuír á actualización e mellora das bases cartográficas existentes, tanto en calidade como en cantidade, aproveitando neste sentido o asesoramento que prestará a Comisión de Toponimia de Galicia.

Os traballos desenvolveranse en oito meses e será o Concello de Arteixo, a través do seu departamento de Normalización Lingüística, o encargado de realiza-lo traballo de recompilación de datos e a súa posterior análise.

Para o desenvolvemento das tarefas é imprescindible contar coa colaboración dos veciños, e especialmente, dos máis vellos que poden axudar, coa súa memoria histórica, a conservar ou recuperar os nomes de camiños, fontes ou corredoiras perdidos no discorrer do tempo.

A Sociedade Comarcal participará no proxecto a través do sistema de información territorial de Galicia, que aportará medios técnicos e cartografía de apoio para a recollida de datos de campo.

Arriba
20-12-2001.- Voluntarios de Arteixo planifican unha empresa no marco do Feirón do Galo.

Deseño, planificación de venda, marketing, publicidade e atención directa. Con esas premisas voluntarios de Arteixo poñerán en marcha o vindeiro sábado día 22 un mercadillo co que pretenden se achegar a fórmulas de autoemprego e fomento do espírito empresarial.

Trátase dunha iniciativa que pon en marcha a Oficina de Información Xuvenil en colaboración co Programa de Emprego Local na que se inclúen distintas actividades e módulos formativos relacionados coa creación e xestión de empresas a través dunha metodoloxía lúdica e participativa.

Os grupos de voluntariado de Arteixo, Oseiro e Pastoriza participan nesta actividade. Os primeiros presentan a súa empresa o sábado no marco da décima edición do Feirón do Galo. Os grupos de Pastoriza e Oseiro o levarán a cabo na Aula aberta de Sol e Mar.

Nas vindeiras datas programaranse outras actividades coa mesma fin nas que participarán os tres grupos de voluntariado conxuntamente.

Arriba
14-12-2001.- Unha Eurotómbola organizada por escolares recibirá a nova moeda en Arteixo.

Escolares de Arteixo, de entre seis e once anos, recibirán á nova moeda europea coa organización dunha tómbola na que todos os regalos e participacións terán como nexo de unión, o euro.

Trátase da segunda edición do EUROMICO, unha iniciativa da Oficina Municipal de Información ó Consumidor (OMIC) que pretende servir de recurso lúdico na aprendizaxe dos máis cativos de cara ó uso da nova moeda.

As actividades, en dous grupos e con prazas limitadas, inclúen ademais da organización da tómbola, un curso de cociña divertida na que os escolares comprenden o custo da bolsa da compra; a elaboración de enquisas e entrevistas sobre o euro e o deseño dun programa de radio no que os rapaces fan cuñas publicitarias, entrevistas e reflexións sobre a nova moeda.

O Euromico desenvolverase entre os días 26 e 28 de decembro a primeira quenda; e os días 2, 3 e 4 de xaneiro a segunda.

Arriba
13-12-2001.- A Dirección Xeral de Administración Local premia un proxecto de simplificación do procedemento administrativo do Concello de Arteixo.

A Consellería de Xustiza, a través da Dirección Xeral de Administración Local distingüiu ó Concello de Arteixo, o único de toda a Comunidade Autónoma, por un proxecto dedicado á simplificación dos procedementos administrativos.

A distinción, outorgada por un xurado designado para a avaliación de proxectos de mellora das administracións locais, supón a entrega dun diploma e dous millóns de pesetas.

Esta distinción e o proxecto presentarase o vindeiro luns, 17 de decembro, no transcurso dunha ROLDA DE PRENSA que ofrecerá o alcalde do Concello Manuel Pose Miñones. O encontro cos medios de comunicación terá lugar na Alcaldía do Concello ás 11.30 h.

Arriba
13-12-2001.- O Concello estudiará o aproveitamento de Enerxía Solar na Piscina Municipal

O Concello de Arteixo solicitou ó INEGA a súa colaboración para estudia-la viabilidade de aproveitamento de enerxía solar- térmica na piscina municipal.

O equipo de goberno leva a cabo esta iniciativa consciente dos custos da demanda enerxética, calor e electricidade, e do alto custo que representa o mantemento de centros deportivos e piscinas climatizadas; así coma a preocupación, cada vez máis patente, pola preservación do medio ambiente e a necesidade de enerxías renovables non contaminantes.

Os rendementos que presentan os colectores solares é excelente neste tipo de instalacións xa que permiten cubrir unha parte importante da enerxía térmica necesaria para os consumos de auga quente e sanitaria así como para o quecemento do vaso da piscina.

O aforro anual con este tipo de instalacións podería chegar ós 12.020,24 euros. (dous millóns de pesetas).

Arriba
12-12-2001.- Oitocentas persoas asistirán á tradicional Cea de Nadal organizada polo Concello.

O Departamento de Servicios Sociais organiza o sábado 22 de decembro o tradicional encontro de maiores que alcanza este ano a súa decimocuarta edición.

A cita pretende congregar á meirande parte de xubilados, pensionistas e maiores do Concello nun acto de confraternización de cara ó nadal. O prezo para asistir á cea é de 6.01 euros por persoa. O Concello invitará a aquelas parellas que cumpran as súas "vodas de ouro".

A organización, tendo en conta experiencias anteriores, calcula que asistirán a este encontro oitocentas persoas.

O Concello disporá transporte para todos os participantes que pasará polas distintas parroquias do municipio. A cea terá lugar a partires das 20.30 h no Mesón de Pastoriza e concluirá con, tamén tradicional, baile de nadal.

Para se apuntar o prazo remata mañá mércores 12 de decembro no edificio de servicios sociais ou a través do teléfono 981.64.08.36.

Arriba
11-12-2001.- Presentación presupostos 2002

O Concelleiro de Facenda Juan Rey Cedeira explicará o vindeiro xoves, 13 de decembro, os novos presupostos municipais para o exercicio de 2002 nunha Rolda de Prensa que terá lugar ás 11.00 h na Sala de Comisións da Casa Consistorial. (terceiro andar).

Arriba
05-12-2001.- O deporte centra a temática do novo calendario municipal

O Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo sacará á rúa nos vindeiros días o novo calendario galego municipal que alcanza este ano a súa quinta edición.

O contido, desta volta, será temático e dedicado a temas deportivos. En cada unha das trece páxinas das que consta imprimirase unha fotografía, un texto alusivo á mesma, un refrán, o mes correspondente, o santoral e as lúas. Úsase como lingua vehicular a galega, para lle dar pulo e cumpri-lo estipulado na Lei de Normalización Lingüística.

Á rúa chegarán 2500 exemplares do calendario que se repartirán entre a cidadanía, as asociacións, empresas, igrexas, centros de saúde e distintos organismos da Comunidade Autónoma.

O calendario pódese solicitar no Departamento de Normalización Lingüística do Concello.

Arriba
04-12-2001.- Teatro, Informática e Cociña actividades para o Nadal

O teatro volve a se-lo protagonista dentro da programación deseñada pola Concellería de Cultura para as primeiras semanas de decembro. Este venres, o auditorio do centro Cívico e Cultural acolle a representación de "Caprichos de Cervantes", unha obra para maiores de catorce anos que poñerá en escena a compañía "Teatro do Galileo". Trátase dun espectáculo baseado nos entremeses de Miguel de Cervantes, considerados como o teatro máis cómodo, áxil e orixinal do século de ouro. O espectáculo comezará ás 20.30 h e o prezo das entradas establécese en 200 pesetas.

De cara ó Nadal chegan outras actividades propostas, neste caso, desde o Centro de Formación Ocupacional. Así a Aula de informática de Oseiro acollerá os días 26,27 e 28 de decembro así coma os 2,3 e 4 de xaneiro, un curso de informática interactiva dedicado a rapaces de entre sete e doce anos. A actividade, gratuíta, desenvolverase entre as 10.30 h e as 12.30h .

Ademais, o Centro de Hostalería de Vilarrodís acolle, entre o 10 e o 21 de decembro próximos, dous cursos dedicados á cociña do Nadal e á arte floral. O primeiro dos cursos efectuarase en horario de mañá entre as 09.30 h e as 13.30 h; o segundo desenvolverase entre as 16.00 h e as 20.00 h da tarde.

En todos os casos as inscricións pódense formalizar no edificio de servicios sociais ou no teléfono 981.64.07.26.

Arriba
  |   Anterior   |   Inicio   |