Concello de Arteixo  
Correo Novas Inicio
 
 2001
Decembro
Novembro
Outubro
Setembro
Agosto
 
 2002
Ver novas

Agosto

31-08-2001.- "As miragres de Caión" nova exposición fotográfica do Centro Cívico

A mostra recolle imaxes da tradicional peregrinación que comezou a se arraigar en Arteixo con anterioridade ó século XVI

“AS MIRAGRES DE CAIÓN” NOVA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA DO CENTRO CÍVICO

A sala de exposicións do Centro Cívico e cultural acolle ata o vindeiro 15 de setembro a obra fotográfica do xove arteixán Raúl Vázquez Moreira sobre a tradicional peregrinación ás miragres de Caión.

Baixo o título “Camiño de Arteixo a Caión” o xove fotógrafo presenta imaxes do camiño que tradicionalemente leva ó santuario das miragres, así como dos miles de romeiros que fan ese percorrido todos os anos coincidindo coa semanda do oito de setembro.

O culto que se lle profesa á Virxe vai dar lugar á famosa romaxe, moi arraigada no pobo arteixán. Non se coñece con exactitude a data na que xurdiu esta tradición, se ben pódese situar con anterioridade ó século XVI, xa que a mediados dese século datan os primeiros escritos que se teñen  sobre a mesma.

Raúl Vázquez é un fotógrafo especialmente identificado con Arteixo, o seu lugar de nacemento, e xa ten ofrecido outras exposicións que recollen distintos puntos, tradicións e peculiaridades do municipio. A última se refería á situación de Rañobre no ano 2001.

Arriba
31-08-2001.- O Concello investirá preto de dezasete millóns de pesetas en infraestructura cultural e deportiva

A subvención, da Deputación Provincial, inclúe case dous millóns de pesetas para realiza-lo enlace de saneamento en Laxobre

O CONCELLO INVESTIRÁ PRETO DE DEZASETE MILLÓNS DE PESETAS EN INFRAESTRUCTURA CULTURAL E DEPORTIVA

O Concello de Arteixo investirá nos próximos meses preto de 17.000.000 de pesetas na mellora e acondicionamento de distintos elementos da infraestructura cultural e deportiva do municipio.

A subvención concedida pola Deputación Provincial de A Coruña, servirá para amplia-el área recreativa do Seixedo que ademáis contará cun campo de fútbol praia. Esta actuación supera o millón de pesetas.

A partida contempla ademáis a reforma e adecentamento da Casa Parroquial de Loureda con aproveitamento do baixo para a realización de actividades na parroquia. Esta actuación suporá un investimento de 1.000.000 de pesetas.

A cultura recibirá máis de cinco millóns de pesetas para a realización de actividades durante a segunda edición da Feira Histórica Arteixo 1900, no mes de outubro; programa cultural interparroquial; equipamento do Centro Cívico e dotación escénica.

Para o deporte a partida supera os seis millóns de pesetas. As actuacións se centrarán na instalación de iluminación no campo municipal Ponte dos Brozos; escolas deportivas de base e adultos así como o programa deporte para todos e espectáculos deportivos.

Na subvención se recolle ademáis unha partida de dous millóns de pesetas que se adicarán ó enlace do saneamento de Laxobre.

Arriba
30-08-2001.- O Concello axuda ós novos empresarios como forma de crear emprego

O día 3 de setembro Arteixo acolle un seminario que, en colaboración co IGAPE, pretende difundi-la cultura emprendedora

O CONCELLO AXUDA ÓS NOVOS EMPRESARIOS COMO FORMA DE CREAR EMPREGO

Difundir ideas que recentemente se convertiron en proxectos empresariais e amosar exemplos que calquera cidadán pode transformar nun negocio, son os principias obxectivos dun seminario que organiza o Concello de Arteixo, en colaboración co IGAPE, e que se desenvolverá o vindeiro día 3 de setembro no edificio de Servicios Sociais.

O seminario, que ten unha duración de tres horas, diríxese sobre todo a xoves con inquietudes empresariais e a súa asistencia é gratuita.

O Concello de Arteixo, especialmente identificado coas actividades encamiñadas á promoción do emprego, por conta propia ou allea, realiza actividades deste tipo periódicamente. Ademáis o Centro de Formación Ocupacional do Concello funciona permanentemente como banco de demandas e ofertas ademáis de ofrecer asesoramento ós novos empresarios ou ós viciños en situación de desemprego. A nova ubiación do CFO, no edificio de Servicios Sociais dende o pasado ano, supuxo un incremento notable no número de consultas.

O seminario, en colaboración co IGAPE, presentará ideas de negocio convertidas en éxito nos últimos anos e contará coa participación dun emprendedor do municipio que expoñerá ós asistentes o seu caso particular.

A actividade forma parte dun ciclo de case 100 seminarios que se celebran en 2001 en toda a comunidade galega no marco do “programa de emprendedores do IGAPE”.

Arriba
24-08-2001.- Valcobo segue a se-la praia mais perigosa do verán

Os servicios de salvamento actuaron en 79 ocasións durante a primeira quincena do mes de agosto

VALCOBO SEGUE A SE-LA PRAIA MÁIS PERIGOSA DO VERÁN

Setenta e nove intervencións é o balance das actuacións dos equipos de salvamento do Concello de Arteixo durante os quince primeiros días do mes de agosto. A maioría de actuacións, de pequena importancia, centráronse en atencións por picaduras de insectos, feridas e golpes. O areal con maior número de incidencias é o de Valcobo. Neste período se rexistraron nesa praia un total de 35 actuacións entre as que destaca o único rescate no mar rexistrado na quenda.

Os servicios de salvamento queren destacar este rescate, novamente en Valcobo, onde se produciron máis actuacións deste tipo ó longo do verán. As fortes correntes orixinan que este tipo de episodios sexan bastante comúns polo que, neste caso, non se pode falar de imprudencias por parte dos bañistas. Sí serve, nembargantes, para esixir maiores precaucións tendo en conta as condicións da mencionada praia.

A maioría de actuacións se concentraron entre os días 10 e 14 nos que se contabilizaron 54 intervencións.

A afluencia de visitantes triplicou neste período á da segunda quincena do mes de xullo e duplicou ós quince primeiros días do mes pasado. En total os servicios de salvamento contabilizaron preto de 36.000 usuarios dos que máis de 20.000 se concentraron en tan só cinco días, entre o 10 e o 14. A afluencia media diaria ós areais situouse nos 2400 aínda que nos días de maior concorrencia esa media chegou ós 4.000. Barrañán con 1150 bañistas diarios segue a se-lo areal máis concorrido.

Arriba
13-08-2001.- Trinta millóns de pesetas para mellora-los centro públicos do Concello

O alcalde asina un convenio coa Concellería de Educación para mellora nos colexos de Galán e Ponte dos Brozos

TRINTA MILLÓNS DE PESETAS PARA MELLORA-LOS CENTROS PÚBLICOS DO CONCELLO

O alcalde de Arteixo Manuel Pose Miñones, ven de asinar un convenio coa Concellería de Educación que suporá un investimento superior ós 30 millóns de pesetas para a remodelación de distintos elementos no colexo público de Galán, en Oseiro, e CEIP Pnte dos Brozos en Arteixo.

O Concello, segundo se recolle no documento, aportará 15.432.000 pesetas mentres que a Consellería aportará 15.000.000 de pesetas.

As obras que se acometerán son a Execución da grada cuberta e vestiarios do polideportivo do Ponte dos Brozos así como a Remodelación das aulas do CEP de Galán. O convenio establece que será o Concello o encargado de contratar e redactar os proxectos técnicos correspondentes ademáis de contratar e executar as obras previstas.

O acordo terá vixencia ata remata-lo ano 2001 aínda que poderá se prorrogar, se é necesario, polo tempo que resta ata a execución total do investimento.


10-08-2001.- Oito rescates balance das actuacións dos socorristas na segunda quincena de xullo

As condicións do mar só permitiron ondear a bandeira verde en tres ocasións e únicamente no areal de Barrañán

OITO RESCATES BALANCE DAS ACTUACIÓNS DOS SOCORRISTAS NA SEGUNDA QUINCENA DE XULLO

Os equipos de salvamento que atenden ás praias de Arteixo contabilizaron nos últimos quince días do mes de xullo un total de 48 intervencións, a maioría delas na praia de Valcobo- A Hucha.

Destaca nas intervencións oito rescates no mar; tres en Barrañán-Combouzas e cinco en Valcobo. Estas actuacións fan reflexionar sobre a necesidade de aumentar as precaucións á hora de se bañar. Os servicios de salvamento indican que diariamente colocan sinais nas zonas de corrente nas que se desaconsella o baño e poucas veces se atenden. Durante a última quincena de xullo só ondeou a bandeira verde en tres ocasións e só o fixo en Barrañán. Ningún dos outros areais contou con esa indicación que permite o baño sen problemas en ningunha das xornadas ás que se refire o informe.

O mal tempo foi outra das características desta última quincena o que reduciu considerablemente a afluencia de visitantes ós areais. Só en cinco días a asistencia superou os 1000 visitantes, concentrados sobre todo nos días 29 e 30 entre os que se sumaron máis dos 20.000 bañistas que se contabilizaron no conxunto das praias ó longo de toda a quincena. A afluencia media diaria situouse nos 1313 visitantes, a maioría no areal de Barrañán que segue a contar con unha media de bañistas de 600 por día.

Arriba
08-08-2001.- Os semáforos de Vilarrodís acortarán o tempo de espera dos peatóns

O cambio do sistema informático anulará o funcionamento dos sinais os próximos tres días

OS SEMÁFOROS DE VILARRODÍS ACORTARÁN O TEMPO DE ESPERA DOS PEATÓNS

Os semáforos situados na Avenida de Manuel Platas Varela, en Vilarrodís, acortarán o tempo de espera dos peatóns. Os informes emitidos pola policía local, así como as demandas dos viciños da zona, propiciaron esta decisión que, segundo a Concellería de Seguridade cidadá, non influirá na fluidez do tráfico e mellorará á seguridade dos viandantes nesta vía de alta densidade.

A empresa ESICSA encargarase nos vindeiros días de reprograma-lo sistema informático que amplíe o tempo de maniobra dos peóns. As previsións indican que o novo sistema comezará a funcionar no prazo de tres días. Mentres os semáforos parpadearán en ámbar polo que a policía local recomeda extrema-las precaucións de conductores ó circular pola vía; e dos peatóns para a cruzar.

Arriba
08-08-2001.- Concerto rock en Barrañán

A Concellería de cultura, atendendo ás demandas de ocio da xunventude,programa para o vindeiro sábado día 11, un concerto de rock que se desenvolverá a partires das 22.30 h no areal de Barrañán.

Trátase de un recital protagonizado por tres das bandas máis representativas do puxante rock galego: Amaghúa, grupo de recente formación no que se mistura o rock clásico ca voz da súa cantante chegada da música folk. Drinkin Tinto, grupo do Concello de Teo con ampla traxectoria e CD publicado no ano 1999. Ruxe Ruxe, unha das apostas máis seguras do novo folk galego; veñen de editar o seu primeiro traballo titulado “Non temos medo”.

A situación da praia de Barrañán, os seus accesos e o entorno fan deste areal o punto máis idóneo para a realización deste tipo de actividades que, dende a Concellería de Cultura, pretenden arraigar e facer cita tradicional nos vindeiros anos, non só para os viciños de Arteixo si non para xoves chegados de todos os puntos da comunidade galega.

Arriba
07-08-2001.- Programa de visitas dos técnicos municipais para explica-lo adianto no PXOM nas parroquias

O sábado 11 de agosto haberá unha nova xuntanza cos viciños de Loureda no Centro Cívico e Cultural

PROGRAMA DE VISITAS DOS TÉCNICOS MUNICIPAIS PARA EXPLICA-LO ADIANTO DO PXOM NAS PARROQUIAS

Os técnicos de urbanismo e o alcalde do Concello Manuel Pose Miñones continúan os vindeiros días coas visitas ás distintas parroquias nas que explican ós viciños o adianto do Plan Xeral de Ordenación Urbana que continúa en exposición pública no segundo andar da casa consistorial.

Venres 3 de agosto.- 20.00 h.- Local social de Suevos para viciños de Suevos e Rañobre.

Luns 6 de agosto.- 20.00 h.- Área de San Roque para Larín e Sta Leocadia.

Martes 7 de Agosto.- 20.00 h.- Restaurante Casa Lola para viciños de Oseiro e Vilarrodís.

Mércores 8 agosto.- 20.00 h.- Local AAVV Fontes Vellas para viciños de Lañas.

Xoves 9 agosto.- 20.00 h.- Escola de Freán para viciños de Uxes.

Luns 13 agosto.- 20.00 h.- Casa do Concello para viciños de Arteixo.

Ademáis o equipo de goberno programou unha nova xuntanza cos viciños de Loureda para o vindeiro día once, sábado, no auditorio do Centro Cívico. A xuntanza terá lugar ás 12.00h.

Arriba
06-08-2001.- Manuel Fraga inaugura o edificio do Concello

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, visitará o vindeiro venres 10 de agosto ó municipio de Arteixo, para inaugura-lo novo edificio do Concello.

A obra contou cun presuposto de cento corenta millóns de pesetas que aportaron a Consellería de Xustiza, 30 millóns; a Deputación Provincial, 39 millóns, e o propio Concello de Arteixo que aportou 70 millóns de pesetas en tres anualidades.

O presidente da autonomía estará acompañado polo alcalde do concello Manuel Pose Miñones. O acto comezará ás 20.00 h.

Arriba
01-08-2001.- O Concello achega o adianto do plan xeral a todas as parroquias

Técnicos de urbanismo axudan ós viciños a solucionar dúbidas sobre o novo trazado urbanístico

O CONCELLO ACHEGA O ADIANTO DO PLAN XERAL A TODAS AS PARROQUIAS

O Concello de Arteixo, na liña de consensuar con tódolos sectores sociais o adianto do novo plan xeral de ordenación municipal, dispón durante todo o mes de agosto unha serie de visitas que achegará o documento a tódalas parroquias. Trátase de que os viciños, sobre o plano, aclaren calqueira dúbida que se lles plantexe.

Dende o goberno local, o alcalde Manuel Pose Miñones, considera de capital importancia a aportación dos viciños a este documento, así como que a súa redacción definitiva se faga atendendo ás necesidades dos cidadáns e de xeito consensuado.

Os técnicos de urbanismo comezarán as súas visitas mañá luns atendendo ás demandas dos viciños da parroquia de Barrañán.A cita será ás 20.00 h no café-bar A Ría.

O martes os técnicos estarán en Loureda ás 20.00 h no local do Fabeiro. O mércores os técnicos aclararán as dúbidas dos viciños de Meicende no local da sociedad recreativa.

Para o xoves os viciños de Pastoriza terán a oportunidade de aclarar o novo PXOM na escola de Pastoriza.

As visitas continuarán durante todo o mes de agosto e se comunicarán cada semana.

Arriba
01-08-2001.- Mais de oitenta nenos convertirán do Seixedo nun gran circo

A iniciativa serve para clausura-las actividades de verán da Concellería de servicios sociais

MÁIS DE OITENTA NENOS CONVERTIRÁN A ÁREA DO SEIXEDO NUN GRAN CIRCO

Oitenta e sete rapaces, de entre nove e catorce anos, serán os directores, promotores e artistas dun gran circo que o vindeiro venres se instalará na área recreativa do Seixedo. Trátase da clausura das actividades desenvolvidas polo departamento de servicios sociais durante o mes de xullo e que levaban por lema Xullodivertido.com.

O obxectivo das actividades desenvolvidas incluíu a formación dos nenos a través da ocupación do seu tempo libre. Dentro das actividades propostas os rapaces, ademáis de participar en obradoiros sobre distintas materias, propuxeron estudia-la vida dos circos. O vindeiro venres amosarán todo o que ensaiaron durante as últimas semanas.

A montaxe do circo comezará ás 10.00 h e serán os propios nenos os que se encarguen da instalación da carpa e demáis elementos supervisados polo monitorado que os acompañou na preparación das actividades. A función comezará ás 17.00 h e, segundo os nenos, incluirá paiasos, trapecistas, malabaristas e incluso domadores, con tigres e leóns incluidos. Ademáis se representarán varias obras de teatro.

O circo é aberto para tódolos viciños e os rapaces, ademáis, invitarán ós pais a unha merenda durante a tarde. A actividade rematará cara ás 22.00 h.

Por outra banda o departamento de servicios sociais mantén aberto, ata o vindeiro 10 de setembro, o prazo para solicitar becas para material escolar durante o curso 2001-2002. A subvención, que parte directamente da administración local, repartirá preto de un millón de pesetas entre as familias que soliciten a axuda. Ademáis, nesa mesma liña de axuda á escolarización, mantense aberto o banco de libros no que os viciños poden colaborar aportando o material que xa non usen e que poden ser útiles a outras familias. Os libros se recollen en Arteixo, na biblioteca, departamento de educación e no Colexio Ponte dos Brozos; en Meicende no colexio San Xosé Obreiro; e en Oseiro no Colexo de Galán.

Arriba
  |   Anterior   |   Seguinte   |   Inicio   |