Esta ruta comprende un tramo que nos últimos anos ten relevencia en Arteixo, a fraga de Sisalde en Barrañán. Pola súa vexetación de ribeira, piñeiros e carballos, propios da nosa terra e polos muíños, que antano formaron parte do traballo dos nosos devanceiros e que hoxe en día se intenta recuperar para devolverlle toda a beleza e importancia que merecen. O resto de ruta transcorre entre as parroquias de Barrañán e Chamín, na que tamén podemos atopar o Pazo de Anzobre.
Comézase o percorrido no Paseo de Barrañán ao lado dos aseos do areal. Enfronte hai un camiño de terra polo que se inicia a ruta. Séguese recto até chegar a un cruzamento onde hai que se desviar á esquerda a continuar cara ao Igrexario de Barrañán. Despois de visitar o Igrexario retómase o camiño e ao chegar a un cruzamento hai que se desviar á esquerda, cara abaixo. Ao rematar este camiño de terra hai que seguir até chegar a unha estrada de asfalto desde a que se continúa cara abaixo. Cando se achegue a un camiño de terra que está á esquerda continúase por el até dar coa fraga de Sisalde. Desde alí séguese o curso do río onde hai vexetación de ribeira, piñeiros e carballos.
Ao rematar o paseo pola fraga cómpre coller un camiño de terra á esquerda e cara arriba. Ao rematar a subida hai que se desviar á dereita até o remate. Neste punto cómpre tomar un camiño á esquerda que sobe até chegar a un pequeno núcleo de casas.
Entón hai que seguir polo camiño da dereita até chegar a un cruzamento onde se hai que desviar á esquerda, todo recto até o final para dar cun prado, desde onde se colle o camiño cara abaixo. Continúase o camiño sen se desviar ata dar de fronte cun camiño de terra que conduce a Vioño.
Desde Vioño continúase á esquerda para achegarse ao areal do Reiro e rematar no Paseo de Barrañán, punto de partida.