Escudo do Concello Correo Inicio

Ruta

Os Baños - Canzobre - Morás

Mapa de ruta

A ruta que a continuación se describe parte nun dos lugares con máis renome do Concello, O Balneario de Arteixo. Durante o percorrido pasarase por lugares como o Val de Loureda e os Montes de Morás. Nestas parroquias encóntranse algúns dos monumentos eclesiásticos e civís máis importantes do Concello; a igrexa de Santo Estevo de Morás e o Pazo de Atín.

Balneario de Arteixo

Comeza a ruta saíndo dos Baños de Arteixo cara á esquerda, para desviarse á dereita un pouco máis adiante pasando a carón dunha carpintaría. Cómpre transitar uns 80 metros por asfalto até achegarse ao camiño da Ponte do Va, de terra, estreito e deixando ao río á dereita así coma unhas termas de auga quente. Ao rematar o camiño aparece unha estrada pola que cómpre seguir cara arriba para dirixirse ao Igrexario de Loureda (antes do mesmo hai un cruceiro de pedra).

Igrexario de Loureda

Tras percorrer 1.250 metros aproximadamente achegámonos ao Igrexario de Loureda, desde onde partimos por unha estrada de asfalto até dar cun desvío de terra que pasa por debaixo dunha ponte á dereita. Este camiño diríxise a un cruzamento de catro camiños a carón dun pinar, ó que chegaremos despois de percorrer algo máis de un quilómetro desde o Igrexario.

Casa rectoral

Neste punto, cómpre segui-lo camiño recto sen tomar ningún desvío. Trátase dun camiño ancho, de terra que se achega ata Canzobre a onde chegaremos despois de camiñar case catro quilómetros e medio desde que iniciamos a saída nos Baños.

Na entrada de Canzobre xa aparece o asfalto. Continúase cara á dereita por esta estrada e a uns cincuenta metros hai un lavadoiro e unha fonte á esquerda. Desde a fonte descéndese cincuenta metros e cómpre desviarse á esquerda por unha pista de terra cara arriba. Este camiño conduce cara aos Laranxos despois dun descenso pronunciado que remata nunha curva con cemento e grava solta.

O Pazo de Atín

Ao achegarse aos Laranxos cómpre desviarse cara á esquerda, deixando o centro hípico á dereita e, á esquerda hai un camiño de terra que se achega ao cruzamento de catro camiños.

Vindo do camiño de Raña, deixando un piñeiral á esquerda, enfronte mesmo hai un camiño de terra que se achega até a Insua.

Igexario de Morás

Na Insua viramos á esquerda até chegar ao Igrexario de Morás. Para acadar isto hai que deixar primeiro o campo de fútbol á esquerda e despois outro á dereita, tras percorrer unha distancia de pouco máis de un quilómetro.

Ao chegar á Igrexa cómpre virar á esquerda para dirixirse a Martulo, sempre por estrada asfaltada a onde se chega despois de ter superado case quilómetro e medio desde o Igrexario.

Ao chegar até a ponte que pasa por enriba da autoestrada, tanto se pode coller o camiño de terra que hai enfronte coma seguir a estrada que conduce ao Igrexario. Retómase o camiño que se fixo no comezo da ruta para emprender a volta.

  • Distancia total: 15Km.
  • Desnivel subida: 186m.
  • Desnivel baixada: 186m.
Mapa de ruta