Escudo do Concello Correo Inicio

Areal de Area Grande

Situación

Atópase completamente encaixada entre a Punta do Compás, ao Oeste e a Punta do Petón ao Leste, aínda que non lle serve de resgardo fronte ao mar xa que está orientada cara ao Norte e este entra frontalmente.

Praia de Valcovo.

Características físicas e dimensións

Formada por area fina de cor gris clara e natureza silícea calcárea, que se dispón formando unha suave pendente cara ao mar.

Praia moi resgardada contra a influencia do vento, tanto do sudoeste coma do nordés, que son os predominantes na zona.

A súa lonxitude ronda os 275 metros, cunha anchura de máis de 30, que se ve notabelmente incrementada na baixamar.

Accidente e correntes

Non existen accidentes salientábeis nesta zona, pero si fortísimas correntes a ambos os dous lados da praia que corren seguindo a costa cara ás dúas puntas rochosas, a do Compás e a do Petón. Así, a única zona aconsellábel para o baño sitúase na parte central da praia, pero sempre tomando as debidas precaucións.

Afluencia

Sen dúbida é a praia do Concello na que a densidade de visitantes é máis elevada e constante debido, probabelmente, á proximidade ao casco urbano de Arteixo e ao abrigo que proporciona ante os ventos predominantes na zona. As variacións en canto ao número de visitantes ao longo da semana ou en fin de semana son menos notábeis que no caso da praia de Barrañán e falaríase neste caso dunha afluencia media de 1000 persoas, non chegando as fins de semana ás 1500.

Servizos

Socorrismo

Cóntase nesta praia coa presenza dunha Base de Primeiros Auxilios situada no fondo da praia, sobre o camiño de acceso, e cun único Posto de Socorrismo no que desenvolven o seu traballo tres profesionais.

Acceso á praia desde a CP.0514.

Limpeza

Realizada regularmente, e segundo as necesidades, polo Servizo de Limpeza de Praias. Do mesmo xeito que nos demais areais as papeleiras distribúense pola praia e baléiranse a cotío.

Accesos

No punto quilométrico 2.0 da estrada CP.0514 de Arteixo a Caión localízase o camiño de acceso á Praia de Valcovo, á que se chegará despois de percorrer 500 metros de baixada moi pronunciada.

Tamén se pode acceder por camiños veciñais non pavimentados procedentes das zonas da Catuxa, Figueiroa e O Rañal.

Duchas e sanitarios

Aparcamento de Valcovo e establecemento hosteleiro.

Existen dúas duchas e dous retretes portátiles colocados a rentes da base de Primeiros Auxilios.

Aparcamentos

Situado xusto detrás da Base de Primeiros Auxilios, con capacidade para uns 200 vehículos.

Hostalaría

Un restaurante e un camping co mesmo nome cá praia conforman a oferta hosteleira do lugar.