Escudo do Concello Correo Inicio

Praia de Alba ou de Sabón

Situación

Delimitada pola desembocadura de dúas correntes de auga doce: na marxe esquerda polo Río Arteixo ou Bolaños, que flúe ao mar despois de atravesar polo lugar do Rañal e pola antiga zona de dunas, da que só quedan vestixios na actualidade e na marxe Leste polo Encoro de Rexedoiro.

Praia de Alba vista desde a zona da Central Térmica.

Esta praia está orientada cara ao Noroeste, o que non impide que o mar penetre con toda a súa forza e orixine, unha vez máis, unha praia totalmente aberta e con grandes ondas.

Atópase situada ás costas do Polígono Industrial de Sabón, coa Central Térmica ao seu carón, na marxe Leste, polo que se denomina indistintamente cos dous nomes, aínda que se adoita reservar o nome de Alba para a zona situada detrás do Rañal e o de Sabón para a metade dereita da praia.

Características físicas e dimensións

Os máis de 900 metros de lonxitude e até 40 de anchura (sen contar a zona de dunas) fan que teña unha área de reposo de máis de 30.000 m2, que coa baixamar pode acadar os 70.000 m2 (área activa), o que indica as grandes dimensións desta praia, que ten unha pendente media suave.

Con referencia ao aspecto e á natureza da area que a forma diremos que se trata de area calcárea silícea, polo que a cor que presentará será de tonalidade gris escura.

Accidente e correntes

No límite Oeste, entre a desembocadura do Río Bolaños e a Punta de Alba orixínase unha forte corrente na zona denominada O Carreiro que transcorre a carón das rochas e que fai desta zona unha das máis perigosas de todas cantas levamos falado e que desaconsella calquera tipo de actividade acuática na zona. Igualmente ocorre no outro extremo da praia, na desembocadura do encoro do Rexedoiro, onde se orixina unha fortísima corrente que chega até a Punta da Cancela.

O resto da praia non é especialmente perigosa polas correntes que se desenvolven, pero si o é pola forza do mar, que orixina grandes ondas en días nos que no resto da costa non existe unha forte ondaxe.

O Carreiro, co Cabo Cociñadoiro ó fondo.

Afluencia

Xa se mencionou anteriormente que a localización desta praia, tan preto dun polígono industrial e, polo tanto, dunha fonte potencial de contaminación fai que a afluencia a este areal non sexa comparabel en ningún aspecto nin época do ano coa que se poida rexistrar en calquera das outras praias. Se a isto lle engadimos que as súas características físicas non permiten ningún posibel resgardo fronte ao vento podemos comprender perfectamente a escaseza de afluencia que se rexistra nesta praia ao longo da temporada de verán. Aínda así falaremos de que esta afluencia aumenta lixeiramente as fins de semana, sobre todo pola presenza de moitos visitantes que se achegan ao areal para realizar longas camiñatas, para o que si é recomendabel máis que ningún outro, podéndose rexistrar topes de 400 visitantes, pero nunca sobrepasando esta cifra.

Servizos

Socorrismo

Pese a ser unha praia con moi baixa afluencia de visitantes a súa grande extensión obriga á necesidade da existencia de dous Postos de Socorrismo situados nas zonas Oeste e Leste, que reciben os nomes, respectivamente, do Rañal e Sabón. Así mesmo cóntase cunha Base de Primeiros Auxilios que se localiza no aparcamento existente a caró da Central Térmica.

Base de Sabón, situada no aparcamento da praia.

Limpeza

Do mesmo xeito que nas demais praias realízase regularmente segundo as necesidades concretas do lugar.

Accesos

Chégase á zona de Sabón por medio da Rede Viaria do Polígono (CP.0509) e á zona de Alba pola estrada do Rañal á praia (CP.0504). Ademais á zona de Alba chegan tamén camiños veciñais procedentes de distintos puntos do contorno.

Duchas e sanitarios

Os retretes son móbiles e, tanto estes coma as duchas, sitúanse na baixada do aparcamento á praia, na zona de Sabón.

Aparcamentos

Xa se mencionou en distintos puntos que existe un aparcamento situado na zona de Sabón, cunha capacidade para uns douscentos vehículos.

Hostalaría

É escasa por mor da pouca demanda que existe na zona, polo que se reduce a dous bares.

Observacións

Existe no momento actual un proxecto de construción dun novo porto petroleiro e de carga na zona de Punta Lagosteira. As obras deste porto non afectarían directamente á praia pero probabelmente mudarán as súas correntes e a configuración xeral dun areal que xa hai anos que está en período regresivo.