Escudo do Concello Correo Inicio

Praia da Salsa e de Repibelo

Situadas ambas as dúas nunha zona de acantilados baixos entre as praias de Area pequena e Alba son, sen dúbida, as de máis difícil acceso de todas as do Concello, xa que só se pode chegar a elas por camiños veciñais procedentes do Rañal, A Catuxa, Figueiroa e Valcovo.

Praia de Salsa.

O seu illamento, as abundantes correntes orixinadas pola influencia dos numerosos baixos da zona e o seu escaso tamaño (ningunha das dúas sobrepasa os 50 metros de lonxitude) fan que a afluencia sexa escasa e nunca supere as 50 persoas, que teñen á súa disposición unha Base de Primeiros Auxilios atendida por dous técnicos.

Ningún dos demais servizos existentes nas restantes praias se localizan aquí, tan só o de limpeza e recollida do lixo.

Praias de Suevos

Incluímos neste apartado os tres areais existentes na zona do Porto de Suevos que son (de Oeste a Leste): Augadoce, Suevos Grande e Area Pequena de Suevos. Entre as tres, situadas a escasos metros unhas das outras, non suman máis de 200 metros de areal, con moi pouca anchura e con condicións hixiénicas pouco axeitadas para o baño, polo que a afluencia de usuarias/os é nula e non dispoñen dos servizos existentes nas demais praias do concello.