Os máis de doce quilómetros que conforman as costas do Concello de Arteixo están orientados na súa práctica totalidade mirando cara ao Norte, sen ningún tipo de protección natural, o que fai delas unha zona na que o mar embate fortemente, tanto nas súas zonas rochosas e acantiladas (ate corenta metros na zona de Punta Lagosteira), coma nos areais que se localizan nesta franxa costeira, o que fai deste treito de costa un bo preludio da Costa da Morte, localizada a continuación, se nos desprazamos cara ao Oeste.
O Regato de Augacai, na Enseada de Lourido serve de deslinde entre a parroquia de Caión, situada ao Oeste e o Concello de Arteixo. De navegarmos a carón da costa desde este punto e cara o L-NL despois de pasar a Punta das Martiñas atoparémonos co Porto de Sorrizo, porto natural cunha pequena actividade pesqueira, na súa maioría afeccionada, sobre o que se localiza a Parroquia do mesmo nome. Desde este punto e despois dun pequeno treito costeiro de zona rochosa chegaremos rapidamente á primeira praia, seguindo en dirección Leste, á Praia do Reiro, na Parroquia de Chamín. Inmediatamente despois e tras pasar as Pedras do Esteiro atopámonos coa Praia de Barrañán e a continuación coa das Combouzas.
A partir deste punto comezan a aparecer distintos saíntes rochosos ou pequenos cabos que van separar unha serie de areais de menor tamaño: a Punta do Compás separa a anteriormente nomeada da Area Grande e a Punta do Petón, esta da Area Pequena. Aquí deberemos de navegar máis alonxados da costa por mor da existencia de numerosos baixos e illotes que nos impiden achegarnos moito de non sermos perfectos coñecedores destes accidentes, pero isto non nos impide divisar as praias da Salsa e a de Repibelo, unha a continuación da outra, e despois dun pequeno tramo rochoso de costa chegar á Punta de Alba, para divisar posteriormente o Areal de Alba ou de Sabón, na que pola súa marxe dereita desemboca o Encoro do Rexedoiro.
A costa nesta situación cambia de orientación e adéntrase no mar en dirección Norte, formando a Península de Lagosteira, sobre a que se asenta a poboación de Suevos, que presenta dous cabos: o Cabo Cociñadoiro, mirando ao Oeste, e a Punta Lagosteira, cara ao Leste. Trala segunda destas puntas accédese ao porto de Suevos a carón do que se atopan dúas pequenas praias, Suevos Grande e Area Pequena de Suevos, e máis cara ao Leste a de Augadoce.
Novamente orientada cara ao Norte a costa transcorre até chegar á Punta Regueiro, na que se funden os concellos de Arteixo e da Coruña.
Unha vez descrita a costa do Concello e os accidentes máis salientábeis cos que nos podemos atopar faremos un seguimento máis polo miúdo das características das praias xa nomeadas, dada a importancia que estas teñen en canto á explotación por parte do home. Faremos en primeiro lugar unha descrición detallada das características das tres grandes praias do Concello: Barrañán, Area Grande e Alba, para pasar posteriormente ás de menor tamaño, pero non por isto de menor importancia.