Orientada, como xa se dixo, mirando ao Norte, é completamente rectilínea e sen ningún tipo de protección natural.
Delimitada polo Río Sisalde ao Oeste e pola Punta do Trei ao Leste, sendo esta a separación co areal das Combouzas, aínda que de baixamar existe comunicación directa entre ambos os dous areais.
É importante sinalar que posúe un cordón de dunas que se ve cortado pola estrada de Arteixo a Caión e que ten a suficiente importancia ambiental como para facer que se esixa o respecto desta zona por parte de quen visite este areal.
A praia en si está formada por area fina, de cor gris clara e de natureza silícea calcárea, formando unha pendente cara ao mar moi pronunciada, sobre todo nos primeiros metros, para estabilizarse posteriormente orixinándose unha gran chaira na baixamar.
No referente ás dimensións diremos que a lonxitude da praia é de 1200 metros, mentres que a anchura máxima é de 12 metros, sempre medidas en preamar.
Sen dúbida este é un punto moi importante a ter en conta á hora de gozar do areal por parte das persoas.
Na marxe esquerda, como xa se mencionou, atópase a desembocadura do Río Sisalde e xusto neste punto localízanse dúas grandes rochas denominadas Pedras do Esteiro, que orixinan conxuntamente coa escorrentía da auga do río unha forte corrente moi perigosa, que desaconsella o baño nesta zona, sobre todo durante o tempo que dura a baixada da marea.
Outro accidente importante é o Illote de Guimarán, situado na zona centro da praia, máis ou menos a 1000 metros da beiramar. Durante a baixamar tamén ten influencia sobre as correntes desta zona centro e tamén sobre as da Ría, que conflúen cara ese illote, pero de preamar a influencia é mínima nun día normal.
Finalmente hai que facer referencia á chamada Pedra Ouriceira, situada fronte á zona do Posto Norte, a carón do Areal das Combouzas, que orixina fortes correntes nas súas proximidades a ambos os dous lados, especialmente cando a marea está baixando.
Moi variábel segundo as condicións meteorolóxicas do momento, como é lóxico, pero tamén segundo a época: maior no mes de xullo e na primeira quincena de agosto, para baixar paulatinamente a partir destas datas; e tamén consonte a hora do día: pola mañá moi baixa e pola tarde moi alta en comparación coa afluencia matinal.
De todos os xeitos diremos que nun día soleado de mediados de xullo a afluencia media é de 1500-2000 persoas, podéndose chegar a duplicar ou incluso triplicar un día festivo ou unha fin de semana.
Sinalar neste momento que en todos os areais nos imos atopar, en maior ou menor medida, con este tipo de flutuacións na afluencia de visitantes que van facer difícil ás veces calcular unha estimación axeitada desta.
No comezo do cordón de dunas, na zona centro, atópase situada a Base de Primeiros Auxilios e ao longo da praia distribúense tres Postos de Socorrismo: Na zona da Ría, no Centro e no Norte (á beira da Punta do Trei), cada un con dous socorristas.
Realizada regularmente. Conta ademais coa distribución de papeleiras cada 50 metros ao longo do areal.
Pola estrada CP.0514 de Arteixo a Caion chégase ao Paseo Marítimo de Barrañán desde o que parten tres sendeiros que levan ás distintas zonas da praia.
Ao final de cada sendeiro de acceso á praia existen catro duchas, mentres que os retretes atópanse na Zona Centro, sobre o propio Paseo Marítimo.
Ao outro lado da estrada ao longo de cal se sitúa o Paseo Marítimo en toda a súa lonxitude existe un aparcamento, igual que nunha finca en fronte da Zona Centro, sobre a Ría e nunha antiga canteira abandoada.
Na zona cóntase con dous restaurantes e catro bares-cafetaría.