Escudo do Concello Correo Inicio

San Tomé de Monteagudo

  • Situación: Igrexario de Monteagudo
  • Parroquia: Monteagudo
  • Denominación: Igrexa de San Tomé
  • Cronoloxía: S.XII
  • Estilo: Románico

Trátase dun edificio que constitúe unha mostra relevante do románico avanzado de finais do s.XII. Fundouse por unha comunidade beneditina o que xustifica a súa ausencia decorativa e a pureza das liñas do románico clásico. Pertencía ao priorado de Santa María de Cambre. Preto da mesma pasaba a vía romana que percorría este concello.

A cuberta é a dúas augas e a planta basilical, de tres naves e tres ábsidas semicirculares nos que se abren sinxelas xanelas con arco de medio punto agregadas a corpos ou tramos rectangulares. A porta principal é moderna e a do muro norte, de arco semicircular, está tapiada; a do sur ten unha arquivolta semicircular tórica sobre unha columna por lado. Os arcos de ingreso ás tres ábsidas son apuntados sobre semicolumnas acaroadas, pero os que están ao fondo destes, son de medio punto. Os tramos están cubertos por bóvedas de canón apuntadas e, os tambores en que rematan as ábsidas, bóvedas de cascarón ou de cuarto de esfera. Ao fondo presentan os tres unhas xanelas estreitas cuxas seteiras ofrecen arcos de franca ferradura. No exterior, a ábsida central está dividida en tres vanos por dúas semicolumnas acaroadas, ofrecendo un bonito beirado de arquiños semicirculares sobre ménsulas. Nos muros hai contrafortes e unha curiosa e varida colección de canzorros.

Igrexia de Monteagudo