Ver as últimas festas publicitadas na páxina web.
Case todos os meses, nalgunha parroquia ou lugar de Arteixo, teñen lugar celebracións na honra da súa patroa ou patrón, pero é nos meses de verán cando as celebracións festivas acadan o seu maior esplendor. Mención especial merecen a Festa das Flores (maio) que na súa orixe tiña lugar nun recinto privado e que hoxe en día se realiza polas principais rúas e vías de Arteixo; o Santiago (xullo) festa patronal por excelencia que conta ademais, desde 1997, co Concurso Hípico Nacional; a Sta. Eufemia (setembro), cita popular ineludíbel para os que queren sandar as súas xaquecas. Pastoriza é o lugar que marca a tradición para visitar en outubro e quen acoda a romaría deberá subir até o Berce da Virxe para cumprir coas tres voltas ás pedras, pasar por debaixo delas e bicar a imaxe da santa.
| Mes | Festa | Lugar |
| Xaneiro | San Tirso | Oseiro |
| Febreiro | San Brais | Oseiro |
| Marzo | San Gregorio | Suevos |
| Maio | Festa das Flores | Arteixo |
| Espírito Santo | Uxes | |
| Corpus | Monteagudo | |
| Xuño | Santo Antón | Loureda |
| San Pedro | Armentón e Sorrizo | |
| San Xoán | Chamín e Morás | |
| Romaría Pedra do Aguillón | O Rañal | |
| Xullo | Santiago Apóstolo | Arteixo |
| Virxe da Luz | Oseiro | |
| Virxe do Carme | Loureda e Suevos | |
| Sta. Mariña | Lañas | |
| Santísimo Sacramento | Barrañán | |
| San Paio | Sta. Icía |
| Mes | Festa | Lugar |
| Agosto | Nosa Señora | Meicende, Pastoriza e Loureda |
| San Roque | Larín | |
| Os Remedios | Armentón | |
| San Mamede | Sorrizo | |
| San Roque | Morás | |
| Setembro | Sta. Eufemia | Arteixo |
| Outubro | Romaría do San Miguel | Pastoriza |
| Novembro | San Martiño | Suevos |
Nas rúas da vila e nos aledaños do río Bolaños celébrase todos os sábados pola mañá o Feirón Municipal, que foi concebido para dar a Arteixo un desenvolvemento económico, cultural e social que motive á cidadanía para achegarse ao núcleo urbano periodicamente.
No seu recinto sitúanse os postos dos feirantes con produtos procedentes do agro e outros produtos comerciais que abranguen distintos sectores: pan, froitas, verduras, roupa, calzado, flores, barro, madeira, animais, polbeiras, lácteos, etc.
Para complementar a actividade ordinaria organízanse feiras monográficas, onde se potencia un produto concreto e refórzase unha actividade sociocultural específica. As de máis sona son a Feira das Flores en maio e a Feira do Galo no Nadal.