Ordenanza municipal reguladora das plantacións forestais en terreos agrícolas

Exposición de motivos

O artigo 45 da Constitución proclama o dereito que teñen os cidadáns para recrearse dun medio ambiente axeitado, máis o deber de conservalo, encomendándolle ós poderes públicos velar pola utilización racional dos recursos coa fin de protexer e mellora-la calidade de vida e defender e restaurar ese ben común.

Ás veces, a utilización deses recursos enfróntase co dereito que teñen os silvicultores, agricultores ou gandeiros, para poñer a producir nas súas respectivas propiedades rurais certas especies que resultan incómodas, máis que por cuestións técnicas, por mor dos lugares elixidos para a súa plantación (inmediatos a leiras de cultivos agrícolas, fontes, etc.) en desacordo coa evidente dedicación agrícola que o costume lle viña dictando ós labregos dos lugares respectivos.

Esas iniciativas forestais responden á conveniencia de utilizar unhas leiras improductivas coma consecuencia probable dos fluxos evidentes dende o sector primario ós de industria ou servicios, e tradúcese no interese dos seus propietarios -en moitos casos herdeiros dos antigos labregos- de plantar árbores nos lugares que outros veciños teñen dedicado a outros labores agrícolas, sen coidar que o feito de poñer a producir as terras sen necesidade dunha atención frecuente, non é a máis correcta das utilizacións racionais que se lle poden dar a eses recursos.

A lexislación existente neste eido non cubre totalmente as expectativas que lle demandan os destinatarios xa que ós efectos de actividade agraria a producción forestal é parella coa agraria e máis coa gandeira e, pola súa banda, a lexislación forestal propiamente dita abrangue só os terreos forestais, entre os que non se atopan especificadas as leiras agrarias. Por iso, ó amparo da Lei 7/1985 reguladora das bases do réxime local, da Lei 5/1997 da administración local de Galicia e demais disposicións de aplicación, e cumpridos os trámites formais correspondentes, esta Corporación municipal, aproba as seguintes disposicións:

Capítulo I. Disposicións xerais

Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.

  1. Esta ordenanza ten por obxecto regula-las novas plantacións de árbores en parcelas agrícolas, e o mesmo tempo, de conformidade co establecido no artigo 591 do Código Civil fixa-las distancias mínimas entre as novas plantacións forestais con fincas de labor, prados e edificacións habitadas ou susceptibles de selo.
  2. Quedan obrigados por esta norma, que abrangue o ámbito territorial do Concello de Arteixo, toda persoa, natural ou xurídica, pública ou privada, que proxecte realizar ou efectivamente realice novas plantacións forestais de carácter productivo en terreos considerados de protección agrícola ou naqueles que non teñan a cualificación de protección forestal.
  3. Conseguintemente, e de acordo co apartado precedente, exclúense da súa aplicación, aquelas plantacións de tipo ornamental ou decorativo, realizadas en xardíns ou espacios valados ou cercados que amosan indubidablemente tal carácter de ornamento ou de decoración.
  4. Recórdase igualmente nesta ordenanza, e sen prexuízo das distancias que se fixan nela para as novas plantacións, que, consonte o que dispón o artigo 592 do Código Civil, os donos de árbores que teñan pólas que se estendan sobre as propiedades lindeiras, teñen a obriga de poda-las ramas que poidan molestar dalgún xeito ó propietario da herdade invadida.

Artigo 2º. Definicións.

Ós efectos da presente ordenanza, entenderanse definidas as seguintes expresións:

Capítulo II. Da licencia municipal

Artigo 3º. Requisito de licencia.

  1. Está obrigada á obtención de licencia municipal toda persoa, natural ou xurídica, pública ou privada, que neste concello de Arteixo proxecte realizar novas plantacións de árbores en terreos non forestais, calquera que sexa a súa extensión, e sen prexuízo das particularidades contidas nos artigos 7º e 8º desta ordenanza.
  2. Para a obtención da licencia, os interesados deberán presenta-la solicitude, achegando á mesma un proxecto técnico e máis unha memoria descritiva da plantación pretendida.
  3. A licencia municipal para a plantación de árbores en solos agrícolas, concederase mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licencias, previa apertura de expediente administrativo que deberá conte-las alegacións dos propietarios dos fundos lindeiros e mailo informe favorable do Departamento de Medio Ambiente do concello.
  4. Quedan exceptuados do requisito da licencia municipal as plantacións de árbores de carácter ornamental ou decorativo nas condicións referidas no apartado 3 do artigo 1º, e máis aquelas outras que se realicen en terreos forestais.

Capítulo III. Normas aplicables ás novas plantacións

Artigo 4º. Distancias mínimas.

  1. Con carácter xeral.- As plantacións forestais situaranse, segundo as especies arbóreas, ás distancias mínimas que se indican dos lindeiros con fincas de labor, colleitas agrícolas, prados ou outras herdades semellantes:
    1. Especies do xénero “eucaliptus” (eucalipto): 25 metros.
    2. Especies do xénero “pinus” (pino) ou outras coníferas e resinosas: 15 metros.
    3. Especies do xénero “populus” (chopo): 15 metros.
    4. Especies de frondosas autóctonas (castaño, carballo, etc.): 4 metros.
  2. Plantacións próximas a edificacións.- As novas plantacións forestais con especies autóctonas ou alóctonas, deberán gardar unha distancia mínima de 50 metros das vivendas habitadas permanente ou temporalmente, e dos edificios con actividade ou susceptible de tela.
  3. Plantacións en montes que lindan con outros terreos forestais.- Aínda que non son obxecto desta ordenanza, lémbrase que nestes espacios destinados á producción forestal propiamente dita, as distancias mínimas esixidas cos lindeiros doutras propiedades serán as contidas no Decreto estatal 2661/1967, do 19 de outubro (BOE 264) e no Decreto da Xunta de Galicia 81/1989. do 11 de maio (DOG 104); é dicir:
    1. Especies do xénero “eucaliptus”: 6 metros.
    2. Especies de coníferas o resinosas: 3 metros.
    3. Especies de frondosas distintas do eucalipto: 4 metros.

Artigo 5º. Plantacións en lugares afectados por dominios públicos.

  1. Plantacións en fundos limítrofes con cursos de auga.- Estarase suxeito ás previas autorizacións do titular do dominio público hidráulico (Organismo Autónomo “Augas de Galicia”, dependente da Xunta) en todas aquelas plantacións arbóreas que poidan afectar ás zonas de servidume ou de policía, consonte as delimita o Real Decreto Lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas (BOE 176).
  2. Plantacións en terreos lindeiros coa costa.- Estarase suxeito ás previas autorizacións do titular do dominio público marítimo-terrestre (Demarcación de Costas do Estado en Galicia) en todas aquelas plantacións arbóreas que poidan afectar ós terreos incluídos nas servidumes de tránsito ou de protección, segundo as delimita a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas (BOE 181).
  3. Plantacións en leiras que limitan con estradas.- Nos espacios lindeiros con vías públicas, estradas ou autoestradas estarase suxeito ás previas autorizacións do organismo titular das mesmas para todas aquelas plantacións arbóreas que poidan afectar as zonas de dominio público, de servidume ou de afección delimitadas ben na Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas do Estado (BOE 182) para o caso das de titularidade estatal, ou ben na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia (DOG 210), de tratárense de espacios limítrofes con vías locais, provinciais e autonómicas.
  4. Plantacións en fundos limítrofes con liñas de ferrocarril.- Segundo se dispón no artigo 287 do Real Decreto 1211/1990, do 28 de setembro (BOE 241), que aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, prohíbese a plantación de árbores na zona de domino público, quedando suxeitas ás previas autorizacións do organismo ou entidade titular da infraestructura ferroviaria, aquelas plantacións que se pretendan realizar nas zonas de servidume e de afección.
  5. Plantacións en lugares inmediatos a xacementos arqueolóxicos.- En todos aquelas parcelas agrícolas que limiten ou estean afectadas pola existencia dun xacemento arqueolóxico (castros ou mámoas), as decrúas preparatorias de novas plantacións e as propias plantacións forestais, quedan suxeitas á previa autorización da Delegación Provincial da Consellería de Cultura, consonte dispón o artigo 54 da Lei 8/1995, do 30 de outubro (DOG 214), de patrimonio cultural de Galicia, ó gozaren tales bens inventariados dunha protección baseada en evita-la súa desaparición.
  6. Achégase a esta Ordenanza un anexo explicativo das zonas dos distintos dominios públicos ás que se alude nas alíneas precedentes deste artigo.

Artigo 6º. Preeminencia de distancias.

Ós efectos de aplicación desta ordenanza, e atendendo que razóns de orde técnica aconsellarán en algún momento que as distancias aumenten ou diminúan en beneficio e protección dos dominios públicos hidráulico, terrestre, marítimo-terrestre ou arqueolóxico, prevalecerán os intereses destes sobre a defensa doutros de índole distinta, motivo polo que gardan preeminencia sobre as distancias sinaladas no artigo 4, as que se determinen nas autorizacións outorgadas polos órganos substantivos competentes para as plantacións que atinxan ás distintas zonas que constitúan os referidos dominios públicos.

Artigo 7º. Novas plantacións do xénero “eucaliptus”.

  1. De acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 81/1989, do 11 de maio (DOG 104), as novas plantacións co xénero “eucaliptus” en masas continuas superiores ás 5 hectáreas, deberán contar con autorización ambiental, debendo presentar coa solicitude da mesma un deseño coa situación da parcela, descripción da vexetación e do aproveitamento actual, mananciais ou cursos de auga ós que poida afectar, así como as labores, tratamentos e un plan de explotación da plantación pretendida.
  2. No caso de que as novas plantacións de eucaliptos superen en masas continuas as 50 hectáreas, precisarase un estudio de avaliación do impacto ambiental, previsto no mesmo artigo e Decreto anteriores, coa prevención de que se ten que reservar, alomenos, un dez por cento da superficie para distintas especies, preferentemente outras frondosas.
  3. Lémbrase ó respecto que o artigo 3 do mesmo Decreto non permite as novas plantacións de eucaliptos en terras ocupadas por masas doutras frondosas, incluídas as áreas de vexetación natural de ribeiras.

Artigo 8º. Outras plantacións suxeitas a distintas técnicas de defensa ambiental.

Por mor do contido nos Decretos da Xunta de Galicia 442/1990, do 13 de setembro (DOG 188), de avaliación do impacto ambiental, e 327/1991, do 04 de outubro (DOG 199), de avaliación de efectos ambientais, acordes coa lexislación básica estatal (Real Decreto Lexislativo 1302/1986, do 26 de xuño -BOE 155-), quedan suxeitas a avaliación de impacto ou de efectos ambientais, segundo o caso, as primeiras repoboacións, plantacións ou sementeiras de especies forestais que se pretendan executar sobre terreos que, durante os últimos dez anos estivesen desarborados.

Capítulo IV. Procedemento sancionador e infraccións

Artigo 9º. Incoación do procedemento.

  1. O procedemento sancionador poderá iniciarse por denuncia ou de oficio, cando a autoridade municipal teña coñecemento de feitos que poidan constituír unha infracción das tipificadas nesta ordenanza.
  2. O procedemento axustarase ós principios contidos na Lei 30/1992, administracións públicas e do procedemento administrativo común, así coma no Real Decreto 1398/1993, do 04 de agosto (BOE 189), que aproba o regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 10º. Infraccións.

  1. Constitúe infracción administrativa ós efectos desta ordenanza o incumprimento das obrigas, requisitos ou prohibicións establecidos na mesma, así coma o das condicións impostas nas autorizacións ou licencias administrativas outorgadas ó respecto.
  2. As infraccións administrativas tipifícanse do seguinte tenor:
    1. A plantación de especies arbóreas en fincas dedicadas anteriormente a labores agrícolas, sen obter a previa autorización ou licencia.
    2. A transgresión das condicións impostas na autorización ou licencia, ou o incumprimento das medidas restauradoras do lugar afectado.
    3. A negativa ou resistencia a facilita-los datos que lle sexan requiridos ou a obstrucción ó labor de inspección do concello.
    4. O falseamento ou ocultación de datos no procedemento para obte-la autorización ou licencia.
    5. En xeral, o incumprimento das obrigas, requisitos ou prohibicións establecidos nesta ordenanza.

Artigo 11º. Clasificación das infraccións.

As infraccións tipificadas no artigo anterior, clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Infraccións leves: considéranse leves as sinaladas nos apartados 2.1 e 2.5.

Infraccións graves: consideraranse graves as que se citan nos apartados 2.2 e 2.3.

Infraccións moi graves: estimaranse así as accións figuradas no apartado 2.4.

Artigo 12º. Sancións.

De acordo coa competencia conferida ós concellos en materia de procedemento sancionador no artigo 45.1.b) da Lei 1/1995, de 02 de xaneiro (DOG 29), de protección ambiental de Galicia, as infraccións tipificadas nesta ordenanza, serán sancionadas con multa de ata 6.000 euros, establecéndose, segundo clasificación, as seguintes contías:

  1. Infraccións leves: multa de ata 600 €.
  2. Infraccións graves: multa de 601 € ata 3.000 €.
  3. Infraccións moi graves: multa de 3.001 € ata 6.000 €

No caso de que sexa inviable o outorgamento da licencia, a imposición da multa levará aparellada a reposición das cousas ó seu primitivo estado e maila restauración do medio afectado.

Artigo 13º. Plantacións non autorizadas en zonas de dominios públicos.

As novas plantacións que sen autorización se realicen nas zonas afectadas polos distintos dominios públicos citados no artigo 5 desta ordenanza, serán obxecto de denuncia diante dos respectivos órganos substantivos competentes, nos que está residenciada a correspondente potestade sancionadora.

Artigo 14º. Requirimentos.

Unha vez resolto o expediente sancionador, requirirase ó responsable da infracción para que se axuste á legalidade no prazo máximo dun mes, e transcorrido este sen cumpri-lo requirimento, sen necesidade de nova notificación, procederase á execución subsidiaria co cargo ó seu custo das correspondentes costas.

Disposición derradeira.

Esta ordenanza entrará en vigor ós quince días de publicarse a súa aprobación definitiva e o texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia.

(Publicada integramente no BOP nº 146, do venres 27 de xuño de 2003)

Anexo á Ordenanza

(Referido no artigo 5.6 da mesma)

Plantacións en fundos limítrofes con cursos de auga

As marxes ou terreos que limitan cos cursos de auga, están suxeitos en toda a súa extensión lonxitudinal:

(Do artigo 6.1 do Texto refundido da Lei de Augas e dos artigos 5 a 10 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico).

Plantacións en terreos lindeiros coa costa

Os terreos lindeiros co dominio público marítimo terrestre están suxeitos:

(Dos artigos 20 ó 26 da Lei de Costas e dos artigos 43 ó 51 do Regulamento xeral para desenvolvemento e execución da Lei de Costas).

Plantacións en leiras que limitan con estradas

  1. Os terreos lindeiros coas autoestradas, autovías ou estradas do Estado están suxeitos:

    (Dos artigos 20 ó 23 da Lei de Estradas do Estado).

  2. Os terreos lindeiros coas autoestradas, autovías ou estradas da Xunta, da Deputación ou dos concellos (que carezan de Plano local de estradas) están suxeitos:

    (Dos artigos 29 ó 33 da Lei de Estradas de Galicia).

Plantacións en fundos limítrofes con liñas de ferrocarril

Os terreos lindeiros con liñas de ferrocarril están suxeitos:

(Dos artigos 280 e 281 do Regulamento da Lei de transportes terrestres).

Plantacións en lugares inmediatos a xacementos arqueolóxicos

A Lei do patrimonio cultural de Galicia non fixa distancias para os contornos dos bens inventariados, pero no artigo 54 establece que “os bens inventariados gozarán dunha protección baseada en evita-la súa desaparición, e estarán baixo a responsabilidade dos concellos e da Consellería de Cultura, que haberá de autorizar calquera intervención que lles afecte”.

(Publicada integramente no BOP nº 146, do venres 27 de xuño de 2003)