Aprobado polo Pleno da Corporación de data vinteoito de febreiro do dous mil dous.
Publicado no BOP núm. 109 de data catorce de maio de dous mil dous.
REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DA EMISORA MUNICIPAL RADIO ARTEIXO
Trala promulgación da Lei 31/1987, do 18 de decembro, de Ordenación das Telecomunicacións, na que por primeira vez adquire rango legal a ordenación da radiodifusión sonora en España, a Lei 11/1991, do 8 de abril, de Organización e control das emisoras municipais constitúe o marco xurídico para que os propios concellos, dentro do principio da autonomía municipal, establezan o sistema de xestión máis axeitado aos seus intereses e necesidades.
Neste ámbito, a esixencia legal de que se acuda por parte das Corporacións Locais a fórmulas de xestión directa no sentido establecido na Lei de bases de réxime local; a remisión á normativa das Facendas Locais e o outorgamento ao Pleno municipal de facultades de control sobre as emisoras, ocasiona a necesidade de definir, con normas de rango suficiente, o réxime de organización do servizo público que se presta a través da emisora municipal "Radio Arteixo".
Para tal fin, o presente regulamento establece, de entre as fórmulas de xestión habilitadas legalmente a de "xestión directa como órgano diferenciado de administración", a través de normas claras de organización e control da prestación, sendo a súa finalidade garantir a prestación do servizo de conformidade cos seguintes principios:
- A obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións.
- A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión, cos límites do apartado 4 do artigo 20 da Constitución.
- O cumprimento do artigo 4 da Lei de Normalización Lingüística que establece que o galego é a lingua oficial da administración local, sen prexuízo, do respecto ao pluralismo político, relixioso, social, cultural e lingüístico.
- O respecto ao honor, á intimidade das persoas, á propia imaxe e demais dereitos e liberdades constitucionais.
- A protección da mocidade e da infancia.
- O respecto aos valores de igualdade recollidos no artigo 14 da Constitución.
En definitiva, coa pretensión última de facilitar á cidadanía uns medios de comunicación radiodifundidos de carácter local que amplíen o marco da pluralidade informativa, garantindo ao mesmo tempo a liberdade de expresión recoñecida e amparada na nosa Constitución, apróbase o presente Regulamento.
Artigo 1.- Principios xerais.
- O presente regulamento ten por obxecto a regulamentación da organización e funcionamento do servizo público da emisora municipal "Radio Arteixo", a través dun órgano especial diferenciado de administración, o Consello de Administración.
- O Pleno da Corporación Municipal exercerá o control respecto ás actuacións da xestión do servizo público de xestión da emisora municipal "Radio Arteixo".
Artigo 2.- Do Consello de Administración.
O Consello de Administración de "Radio Arteixo" será o órgano superior de goberno da emisora e estará composto polo presidente e tantos vocais coma grupos políticos integren a Corporación municipal.
Será presidente o alcalde do Concello ou o concelleiro en quen delegue.
O nomeamento dos vocais correspóndelle ao Pleno do Concello, a proposta do grupo político ao que pertenzan.
Será secretario do Consello, non vocal, o secretario xeral municipal, que actuará con voz pero sen voto.
Ás xuntanzas do Consello asistirá o director da radio, como asesor do mesmo.
Artigo 3.- Substitución dos membros e cobertura de vacantes.
- O cargo de conselleiro rematará coa correspondente lexislatura, sen prexuízo dun novo nomeamento, ou ben, no momento en que sexan destituídos no seu cargo de concelleiros.
- As vacantes que se produzan no seo do Consello de Administración serán cubertas na primeira sesión plenaria posterior á existencia da vacante, de acordo coas determinacións do presente regulamento.
Artigo 4.- Réxime de xuntanzas e acordos.
As xuntanzas do Consello de Administración serán convocadas polo seu presidente, consonte co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendo reunirse, cando menos, dúas veces ao ano.
As convocatorias do Consello de Administración realizaranse por iniciativa do presidente, ou ben, a solicitude da metade dos seus membros e con suficiente antelación para seren recibidas polos membros do antedito Consello, de conformidade co disposto na antedita Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Para a adopción de acordos cada vocal terá tantos votos coma votos lle correspondan ao grupo político ao que pertenza dito vocal.
Os acordos adoptaranse por maioría e para a súa válida adopción estarase ao disposto no artigo 26 da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Artigo 5.- Competencias do Consello de Administración.
Correspóndelle ao Consello de Administración:
- Aprobar a programación e o plano de actividades da emisora "Radio Arteixo" a proposta do director da mesma.
- Aprobar a memoria anual de actividades.
- Dictaminar, con carácter previo ao seu tratamento no Pleno, o cadro de persoal, retribucións e partidas orzamentarias relativas ao servizo.
- A promoción, xestión e proposta de aprobación ao Órgano de Goberno municipal das melloras técnicas e das obras que puidesen resultar beneficiosas para o mellor funcionamento da emisora.
- Coñecer e resolver os conflitos que puidesen propoñerse en relación co dereito de rectificación.
- Coñecer aquelas cuestións que, non sendo da súa competencia, o presidente as someta á súa consideración.
- Dictar normas regulamentadoras respecto á emisión de publicidade.
Artigo 6.- Do director da emisora.
- Será o órgano executivo de "Radio Arteixo".
- O director da emisora será nomeado polo alcalde a proposta do Consello de Administración.
- Correspóndelle ao director da emisora o exercicio das seguintes funcións:
- Cumprir e facer cumprir as disposicións legais aplicables, así coma os acordos adoptados polo Consello de Administración.
- Orientar, coordinar e supervisar as actividades da emisora, propoñendo semestralmente ao Consello de Administración a programación.
- Exercer a responsabilidade directa tanto sobre o persoal contratado da emisora coma sobre os seus colaboradores.
- Preparar a memoria anual de funcionamento da emisora.
- Programar e difundir cantas declaracións e comunicacións oficiais de interese público sexan ordenadas polo presidente da Corporación, con indicación da súa orixe.
Por razóns de urxencia, apreciadas polo propio presidente, estes comunicados e declaracións deberán ter efecto inmediato, debendo ser trasladados a todos os membros do Consello de Administración.
- Asistir, cando así se lle indique, ás xuntanzas do Consello de Administración, agás que sexa membro técnico de dito Consello.
- Calquera outra función que lle sexa asignada polo Consello de Administración.
- O presidente da Corporación poderá cesar ao director da emisora, previo dictame do Consello de Administración, que deberá recoller un informe sobre as posibles actuacións contrarias aos criterios, principios ou obxectivos recollidos neste regulamento ou nos acordos do Consello de Administración.
Artigo 7.- Do dereito de rectificación.
- Quen sufrise lesión directa e expresa nos seus lexítimos intereses morais, en virtude de datos ou feitos concretos contrarios á veracidade e difundidos a través dunha información radiofónica, tal e como recolle a Lei orgánica 2/1984, do 26 de marzo, do dereito de rectificación, remitirá por escrito dirixido ao Consello de Administración, no prazo de sete días desde a difusión da información que sexa transmitida.
- O Consello de Administración deberá responder á solicitude de rectificación no prazo máximo de quince días, transcorrido o cal se entenderá desestimada, para que así o suposto prexudicado poida acudir ao xuíz de primeira instancia, consonte co establecido no artigo 4º da devandita Lei 2/1984, do 26 de marzo.
- Acordada a rectificación, emitirase nun prazo non superior a sete días.
Artigo 8.- Réxime económico.
Os recursos económicos cos que conta "Radio Arteixo" serán os que lle correspondan segundo a consignación orzamentaria recollida no orzamento anual do Concello e outros conceptos legalmente establecidos.
Disposición Adicional
Na primeira xuntanza do Consello de Administración adoptaranse os acordos necesarios para a creación dun Consello Asesor onde estarán representados cantas asociacións e colectivos veciñais estime oportuno o Consello.
Disposición Transitoria
Dentro dos trinta días seguintes á entrada en vigor deste Regulamento, os distintos grupos políticos elevarán ao Pleno Municipal o nomeamento dos seus representantes ao Consello de Administración.
Disposición Final
Este Regulamento non entrará en vigor ata a data na que se outorgue a concesión definitiva de "Radio Arteixo".