Aprobado polo Pleno da Corporación de data vintenove de Novembro de 2001.
Publicado no BOP Núm. 56 de data oito de marzo de 2002.
REGULAMENTO DE UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
As instalacións deportivas de uso público son un servizo de existencia obrigatoria dos especificados no artigo 26.1c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, regulamentadora das Bases de réxime local e 81.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración Local de Galicia, para os municipios de máis de 20.000 habitantes.
Así mesmo, a competencia municipal respecto a esta materia está recoñecida nos artigos 25.2 m) da devandita Lei 7/1985, de 2 de abril e 80.2 n) da tamén antedita Lei 5/1997, do 22 de xullo, baixo o título "instalacións culturais e deportivas".
Xa que logo, apróbase o presente regulamento polo que se establece a utilización do pavillón deportivo municipal e das demais instalacións deportivas municipais, como instalacións de servizo público adscritas á Concellaría competente en materia de deportes, todo iso, no ámbito de aplicación da Lei 11/1997, do 22 de agosto, de Deportes de Galiza (DOGA 4.9.97), co obxectivo de formular un conxunto de normas encamiñadas á planificación das actividades deportivas e culturais dentro do pavillón deportivo municipal e demais instalacións deportivas do Concello, coa fin de acadar os seguintes obxectivos:
- Utilización racional e ordenada das instalacións deportivas municipais, garantindo á cidadanía, en condicións de igualdade, o acceso ás mesmas.
- O aproveitamento integral dos recursos dispoñibles, tanto materiais coma humanos.
- A coordinación dos esforzos e actividades no ámbito deportivo.
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.- Obxecto.
É obxecto do presente regulamento a ordenación da utilización do pavillón deportivo municipal e demais instalacións deportivas municipais destinadas ao servizo público deportivo.
Artigo 2.- Forma de xestión.
As instalacións deportivas municipais serán xestionadas directamente pola Corporación, sen órgano especial de administración.
Artigo 3.- Natureza xurídica do pavillón.
- Os inmobles do pavillón polideportivo e demais instalacións deportivas municipais son bens de dominio público.
- Como norma xeral, as instalacións deportivas destinaranse á práctica de toda clase de actividades deportivas, competición e espectáculo de natureza deportiva ou de ocio que se axusten ás características das instalacións, previa autorización do alcalde ou concelleiro no que delegue.
- Ocasionalmente, poderá utilizarse para a realización doutras manifestacións artísticas, culturais, sociais ou de interese para a comunidade veciñal. Neste suposto precisarase unha autorización específica da Alcaldía ou da Comisión de Goberno por delegación para cada caso.
CAPÍTULO II
COMPETENCIAS E FUNCIÓNS
Artigo 4.- Competencia para a autorización de actos non deportivos.
- A Alcaldía ou a Comisión de Goberno por delegación son os órganos competentes para autorizar ou denegar as autorizacións de utilización do Pavillón Deportivo e demais instalacións deportivas municipais recollidas no apartado 3 do artigo anterior.
- As denegacións de autorización serán debidamente motivadas.
Artigo 5. Competencias do Pleno da Corporación.
Compételle ao Pleno da Corporación o exercicio das seguintes facultades:
- Aprobación, modificación e revogación deste regulamento.
- Aprobación das directrices xerais de utilización do pavillón, a proposta da Comisión Informativa correspondente.
- Aprobación da programación deportiva anual, a proposta da Comisión Informativa correspondente.
- Fixar os prezos públicos pola utilización das instalacións.
Artigo 6.- Competencias do alcalde
Compételle ao alcalde ou concelleiro competente en materia de Deportes, previa delegación:
- Dirixir e organizar os servizos do pavillón e demais instalacións deportivas municipais.
- Coordinar a utilización das instalacións, así coma os programas de actividades deportivas no pavillón deportivo municipal, outorgando as autorizacións para a súa utilización que non se sometan á Comisión de Goberno por delegación.
- Impoñer as sancións que legal e regulamentariamente se impoñan.
- O exercicio das demais facultades que lle sinalen as leis e as que asignadas ao Concello non se atribúan expresamente a outro órgano.
Artigo 7.- Competencias da Concellaría competente en materia de Deportes.
Compételle ao concelleiro competente en materia de deportes:
- A redacción do proxecto de utilización do pavillón deportivo e demais instalacións deportivas municipais.
- A elaboración dos informes que lle solicite a Alcaldía, a Comisión Informativa, a Comisión de Goberno ou o Pleno da Corporación.
- O establecemento de directrices para o horario de utilización de tódalas instalacións deportivas.
- Proposta de convenios coas asociacións e entidades deportivas sobre utilización de ditas instalacións.
- A resolución das incidencias ordinarias que xurdan na xestión do pavillón e demais instalacións.
- A resolución de solicitudes de autorización para os usos por delegación da Alcaldía.
Artigo 8.- Cos encargados do pavillón e demais instalacións deportivas.
Correspóndenlle aos mesmos as seguintes funcións:
- Custodia dos inmobles, das súas instalacións e elementos auxiliares.
- Velar pola boa orde, limpeza e axeitado uso das instalacións.
- Abrir e pechar o pavillón e demais instalacións e manter a orde dentro dos mesmos durante a celebración das actuacións.
- Manter actualizado o inventario de mobles, materiais e equipamento do pavillón e demais instalacións deportivas.
- Elaborar o horario de utilización do pavillón e demais instalacións consonte ás instruccións do concelleiro competente en materia de deportes.
- Resolver as incidencias que se produzan na preparación e desenvolvemento das actividades do pavillón e demais instalacións deportivas.
- Manter continuamente informado ao concelleiro competente en materia de deportes de todo aquilo que ocorra no pavillón e demais instalacións deportivas, sempre que teña algunha relevancia.
- Cantas funcións resulten do presente regulamento ou lle fosen encomendadas pola Alcaldía ou concelleiro correspondente.
CAPÍTULO III
DEREITOS E DEBERES DOS/AS USUARIOS/AS
Artigo 9.- Dereito de uso.
- Toda a cidadanía ten dereito a acceder e a usar as instalacións deportivas municipais en condicións de igualdade, con suxeición aos principios democráticos de convivencia, ás normas que contén o presente regulamento e ás instruccións que na súa execución dicten as autoridades municipais e os funcionarios encargados da xestión do servizo.
- O dereito de uso tamén se axustará ás condicións da autorización municipal e aos horarios aprobados regulamentariamente.
- A entrada aos actos deportivos e culturais que se organicen no pavillón e demais instalacións será gratuíta. Sen embargo, calquera actuación que esixa o pagamento dunha entrada necesitará a previa autorización expresa e escrita da Alcaldía.
- Calquera usuario/a ten dereito a formular as reclamacións e suxestións que estime pertinentes perante os encargados do pavillón e demais instalacións deportivas ou por escrito perante a Alcaldía.
Artigo 10.- Deberes e responsabilidades dos/as usuarios/as
- Os/as usuarios/as teñen a obriga de colaborar no mantemento das debidas condicións de limpeza e hixiene das instalacións e deben respectar as normas sobre o uso axeitado do equipamento e mobles do pavillón e demais instalacións deportivas.
- As avarías, danos ou perdas que se xeren no material ou nas instalacións coma consecuencia da desaxeitada ou neglixente utilización darán lugar á responsabilidade por parte do seu autor ou autores, que lles será esixida polo Concello de conformidade co procedemento legal e regulamentariamente establecido. Todo iso sen prexuízo da sanción administrativa que proceda.
Artigo 11.- Prohibicións.
Artigo 12.- Vestiario deportivo.
É obrigatoria a utilización da vestimenta deportiva para o adestramento ou práctica da actividade desta natureza no pavillón e demais instalacións deportivas. En especial, non se permitirá o acceso ás pistas sen o calzado axeitado.
Artigo 13.- Uso das instalacións.
Transcorrido o tempo de utilización previsto e autorizado para unha actividade concreta, os protagonistas deberán abandonar a pista puntualmente, máxime se hai outras actuacións sucesivas.
As chaves dos vestiarios serán facilitadas polos encargados e devolveránselles a eles unha vez rematada a actuación.
CAPÍTULO IV.
AUTORIZACIÓNS E HORARIOS
Artigo 14.- Elaboración do horario do pavillón.
Artigo 15.- Normas de elaboración do horario.
- Dentro do horario escolar, terán acceso preferente ao pavillón os colexios públicos "Ponte dos Brozos", IES "Manuel Murguía", IES "Sabón" da parroquia de Arteixo; o colexio público de "Galán" da parroquia de Oseiro e o colexio público "San Xosé Obreiro" da localidade de Meicende.
- Fóra do horario escolar, a preferencia establécese en beneficio das entidades deportivas e culturais do municipio.
- O Concello pode introducir modificación dos horarios aprobados cando razóns urxentes de interese público o esixan. Tal continxencia será notificada aos afectados e, sempre que sexa posible, trasladarase a autorización de uso a outro día ou a outra banda horaria.
Artigo 16.- Prezo público.
A utilización do pavillón e demais instalacións deportivas pódense suxeitar ao previo pagamento do prezo público.
Obtida a autorización, o feito de non utilizar o pavillón deportivo e demais instalacións deportivas non exime do aboamento do prezo público, sen prexuízo de que se reiteradamente non se utilizase nas horas reservadas se poida proceder á anulación da autorización.
CAPÍTULO V
NORMAS ESPECIAIS PARA OS CLUBS
Artigo 17.- Responsabilidades.
Os clubs, entidades ou asociacións deportivas aos que pertenzan os autores dos danos ou perdas que se causen nas instalacións do pavillón e demais instalacións deportivas municipais, son solidariamente responsables dos mesmos.
Artigo 18.- Inexistencia de dereitos adquiridos.
O uso das instalacións durante unha ou máis tempadas non comporta ningún dereito adquirido para as seguintes.
Artigo 19.- Vestiario.
Cada equipo usará os vestiarios que se lle asignen.
Artigo 20.- Mestres e adestradores dos equipos escolares.
Os equipos escolares deberán ir acompañados polos mestres ou adestradores que lles correspondan.
Artigo 21.- Publicidade.
- A publicidade estática no pavillón e demais instalacións deportivas, calquera que sexa o soporte publicitario no cal se desexe materializar a mensaxe, queda suxeita á previa autorización e ao aboamento do prezo público que corresponda.
- Non se autorizará a publicidade estática nos parámetros exteriores do pavillón e demais instalacións deportivas, nin a colocación no interior de calquera soporte publicitario que pola súa forma, cor, debuxo ou inscrición poida ser confundido con sinalizacións existentes, impidan a visibilidade ou afecten á seguridade dos/as usuarios/as.
CAPÍTULO VI
MANTEMENTO E CONSERVACIÓN
Artigo 22
As instalacións deportivas municipais conservaranse en condicións axeitadas de seguridade, salubridade e ornato público.
Calquera anomalía ou desperfecto que se observe ou se produza coma consecuencia da práctica anormal das actividades, comunicarase aos encargados das instalacións.
Os organizadores de cada actividade ou competición serán os responsables das accións ou omisións dos participantes que causen dano ás instalacións, durante o exercicio das actividades e faranse cargo dos gastos que xere o desperfecto.
O Concello non se fai responsable, en ningún caso, dos obxectos depositados no interior dos vestiarios e armarios.
Os encargados das instalacións poderanas pechar por razóns de seguridade ou climatolóxicas e cando se produzan circunstancias que poidan ocasionar danos ás persoas ou instalacións.
CAPÍTULO VII
INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 23.- Infraccións e sancións.
- A Alcaldía, ou por delegación desta, a Comisión de Goberno, sancionará -oídos os interesados-, a aqueles/as usuarios/as que infrinxan as normas contidas neste regulamento, que perturben ou alteren a orde pública, que causen danos nas instalacións ou que, de palabra e obra, lles falten ao respecto aos outros usuarios ou usuarias.
As sancións consistirán en amoestación pública e/ou multa de 500 a 5.000 ptas., e cando se trate de infraccións de carácter grave poderase prohibir o acceso ás instalacións por un período que irá de un mes a un ano. Todo iso sen prexuízo da esixencia das responsabilidades civís ou doutra natureza que procedan.
- A potestade sancionadora exercerase mediante o procedemento establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
- Para graduar a contía da sanción atenderase á gravidade da infracción, á culpabilidade do autor, á entidade dos prexuízos causados ao Concello ou a terceiras persoas e á reiteración por parte do responsable.
DISPOSICIÓN FINAL
Este regulamento entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente polo Concello e publicado o texto íntegro e o acordo no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo previsto no artigo 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, regulamentadora das bases de réxime local".