Aprobado polo Pleno da Corporación de data vintecinco de xaneiro de 2001.

Publicado no BOP núm. 91 de data vinte e un de abril de 2001.


REGULAMENTO PARA A CREACIÓN, ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO REXISTRO MUNICIPAL DE UNIÓNS NON MATRIMONIAIS NO CONCELLO DE ARTEIXO.

Artigo 1

Créase o rexistro municipal de unións non matrimoniais do Concello de Arteixo, de carácter administrativo, no cal poderán inscribirse as unións non matrimoniais, con independencia da súa orientación sexual, así como aquelas non definibles polo trato sexual e constituídas para a convivencia e apoio mutuo, na forma e cos requisitos establecidos no presente regulamento.

Artigo 2

Poderán inscribirse no devandito rexistro todas aquelas unións de dúas ou máis persoas, inclusive se son do mesmo sexo, que polo seu libre consentimento teñan constituída unha unión de convivencia non matrimonial.

Os requisitos para levar a cabo a súa inscrición son:

Artigo 3

A solicitude de inscrición deberá ir asinada por tódolos membros da unión, e a inscrición levarase a cabo mediante comparecencia persoal e conxunta do funcionario encargado do rexistro, efectuando declaración formal respecto da existencia da unión de convivencia non matrimonial.

Artigo 4

Poderán inscribirse, mediante transcrición literal os convenios reguladores das relacións persoais e patrimoniais entre os membros da unión. Asemade poderán inscribirse outros feitos ou circunstancias que lle afecten á unión non matrimonial.

Artigo 5

Calquera modificación posterior dos datos inscritos, relativos ao convenio, feitos ou circunstancias, farase mediante comparecencia persoal e conxunta dos membros da unión de convivencia non matrimonial.

Respecto do remate da unión, poderase efectuar por instancia dun só dos membros da mesma.

Artigo 6

O rexistro municipal de unións non matrimoniais, estará a cargo da Secretaría Xeral do Concello.

Artigo 7

O rexistro materializarase nun libro-rexistro municipal de unións non matrimoniais, que estará formado por follas móbiles foliadas e seladas, legalizadas coa sinatura do Secretario da Corporación, e expresará na súa primeira páxina, mediante dilixencia de apertura asinada polo Secretario, o número de folios e data da apertura.

Artigo 8

O libro-rexistro municipal de unións non matrimoniais, non terá carácter público, agás as certificacións que expida o funcionario encargado do rexistro a instancia exclusivamente de calquera dos membros da unión ou de xuíces ou tribunais de xustiza.

Artigo 9

En canto á competencia do Concello, as unións non matrimoniais de convivencia inscritas no rexistro municipal, cando se trate de parellas, terán a mesma consideración xurídica e administrativa cás unións matrimoniais, sen obstáculo doutras formas de proba.

DISPOSICIÓN FINAL

Este regulamento entrará en vigor a partir do día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo de quince días hábiles contados a partir da recepción do acordo de aprobación na Administración do Estado e da Comunidade Autónoma.