Aprobada polo Pleno da Corporación de data vinte e sete de decembro do ano 1997.

Publicada no BOP núm. 76 de data tres de abril do ano 1998.


ORDENANZA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO DE ARTEIXO

CAPÍTULO I

Artigo 1

Artigo 2

O Concello de Arteixo empregará normalmente o galego nas súas actuacións administrativas internas, nas relacións coa cidadanía e coas entidades públicas situadas en Galiza.

Estabelecerase un convenio coas entidades locais que reciban subvención do Concello para que utilicen a lingua galega nos actos, documentación e publicidade dos mesmos.

Nas relacións coas persoas ou entidades radicadas fóra do territorio da nosa Comunidade Autónoma, o Concello empregará normalmente o castelán ou outra lingua oficial do lugar onde residan aquelas.

CAPÍTULO II

Resolucións e documentación administrativa

Artigo 3

Serán redactadas en galego:

Artigo 4

A documentación dos expedientes administrativos que dea lugar á adopción dos acordos e resolucións referidos no artigo anterior tamén será redactada e tramitada en galego, idioma no que se elaborarán os modelos de documentación e impresos.

Artigo 5

Os documentos contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego.

Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio debera producir efecto fóra da Comunidade Autónoma, tamén será redactado en castelán.

Artigo 6

Redactaranse en galego os documentos académicos, de xestión de persoal, informes, documentos contábeis e de xestión xeral, así como os oficios, citacións, convites, etc.

Artigo 7

Nos rexistros administrativos do Concello de Arteixo os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos, sen prexuízo do que para os rexistros públicos estabelece o artigo 9 da Lei 3/1983.

CAPÍTULO III

Atención ao público

Artigo 8

Os servizos da oficina de información e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa, promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.

O disposto no presente artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.

CAPÍTULO IV

Relación coas empresas privadas

Artigo 9

Os estudos, proxectos e traballos semellantes que o Concello encargue a terceiros dentro do ámbito territorial galego terán que ser redactados en galego, aínda que a súa finalidade sexa a redacción noutra lingua.

CAPÍTULO V

Anuncios e publicacións

Artigo 10

Redactaranse en galego os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da provincia, Diario Oficial de Galiza ou calquera medio de comunicación radicado na nosa Comunidade Autónoma.

A publicidade farase en versión bilingüe cando vaia dirixida a fóra do ámbito lingüístico galego.

Artigo 11

As publicacións editadas polo Concello teñan ou non carácter periódico, e as campañas de divulgación e publicidade realizaranse en lingua galega.

Artigo 11

Os cargos do Concello expresaranse en galego nos actos públicos celebrados en Galiza, sempre que a intervención sexa por razón do seu propio cargo.

CAPÍTULO VI

Topónimos, sinalización e rótulos

Artigo 12

Consonte co que dispón o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do territorio municipal do Concello de Arteixo é a galega, ao igual que a dos demais topónimos de Galiza.

Artigo 14

Os rótulos e sinalización da Casa do Concello, dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal redactaranse en lingua galega.

Tamén se poderán redactar en castelán ou noutros idiomas, cando o interese xeral o requira.

CAPÍTULO VII

Persoal ao servizo da Corporación

Artigo 15

A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da Corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e na escrita, en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu posto de traballo.

O persoal do Concello que atenda ao público dirixirase á cidadanía en galego, agás nos casos que se solicite a atención en castelán.

CAPÍTULO VIII

Relación con outras Administracións

Artigo 16

As actuacións realizadas polo Concello perante os órganos de xustiza faranse en lingua galega, consignándose sempre por escrito o cumprimento do artigo 7.2 da Lei 3/1983, de normalización lingüística, referente á utilización da lingua galega por parte da Administración de Xustiza.

CAPÍTULO IX

Servizo Municipal de Normalización Lingüística

Artigo 17

Artigo 18

No que atinxe á área de formación, o Servizo ten como obxectivo que a comunidade arteixá poida resolver as eivas lingüísticas que impiden a normalización lingüística do concello.

Para iso planificará os cursos de lingua galega e mesmo elaborará material de apoio á galeguización.

Arteixo, 16 de marzo de 1998.

O alcalde-presidente,

Asdo.: Manuel Pose Miñones.