Concello de Arteixo
Correo Novas Inicio
 
 Normas 1
 Capítulo 1
 Capítulo 2
 
 Normas 2
 Titulo I
 Titulo II
 Titulo III
 Titulo IV
 Titulo V
 Ordenanzas
 
 Índice

TITULO V (ORDENACION DE SISTEMAS)

TIPOS

  1. Segundo o ámbito do seu servicio, as Normas Subsidiarias califican o solo destinado a sistemas xerais e locais:

    Constitúen os sistemas xerais os seguintes:

    1. Sistema xeral de comunicacións, formado polo sistema xeral viario.
    2. Sistema de Espacios Libres e Zonas Verdes.
    3. Sistema de Equipamentos e Dotacións.
    4. Sistema xeral de Servicios Urbanos e Infraestructuras.
  2. A estructura xeral e orgánica complétase a nivel local cos sistemas locais que en solo urbano o constitúen:
    1. O sistema local viario.
    2. As áreas axardinadas e deportivas.
    3. O solo de interés público e social susceptible de ser edificado para dotacións, equipamentos ou edificios públicos.
  3. As Normas Subsidiarias (N.S.) determinan os sistemas xerais, así como os locais en solo urbano. En solo apto para urbanizar prevé, en determinados supostos, a ordenación viaria e a localización de certos equipamentos.
  4. A ordenación dos sistemas locais que se faga en Plans Especiais ou en Plans Parciais, deberá ser coherente cos sistemas xerais e coas previsións sobor da edificabilidade e usos, a fin de manter a relación entre sistemas e previsións a que estas Normas Subsidiarias respostan.

TITULARIDADE E REXIME URBANISTICO

  1. O solo que as Normas afectan a sistemas queda vencellado a tal destino. A titularidade e afectación pública ó uso xeral ou ó servicio público, e, por esta titularidade e destino, a aplicación do réxime xurídico propio do dominio público, opérase unha vez adquirido o solo pola Administración por calquera dos títulos con eficacia traslativa, incluída a expropiación forzosa ou cesión gratuita nos casos en que proceda pola Lei. En tanto non se efectúe a citada adquisición, continuará en propiedade privada, pero vencellando ó destino sinalado.
  2. Sen prexuicio do que dispón a lexislación específica na materia, as Normas admiten a titularidade privada e o destino a sistemas mentres manteñan idéntica adicación ou uso dos terreos.

    A eventual modificación da adicación ou uso constitúe fundamento dabondo para a incorporación ó dominio público ó traveso dos medios legais oportunos.

  3. Os terreos que as Normas Subsidiarias afectan a sistemas locais en canto sexan adquiridos por cesión obrigatoria e gratuita ou por calquera outro título, son de dominio público.
  4. A titularidade e afectación pública non exclue a posibilidade da concesión do dominio público, respecto daqueles sistemas xerais en que tal modo de xestión ou aproveitamento sexa compatible coa natureza do ben e os obxetivos destas Normas.
  5. E posible a compatibilización entre a condición de sistema e titularidade privada en equipamentos tales como o: educativo, sanitario, cultural e deportivo.

SISTEMA VIARIO

  1. Abrangue ó conxunto das vías de dominio e uso público destinadas a proporcionar os adecuados niveis de movilidade e accesibilidade, facilitando as relacións tanto co interior como co exterior do municipio.

XERARQUIZACION DA REDE VIARIA

  1. A efectos de aplicación das condicións que fan referencia á xerarquía do viario, consideráronse os seguintes rangos, representados nos Planos de Ordenación:
    1. Distribuidores principais, formados pola rede viaria interurbana.
    2. Distribuidores de núcleos.
    3. Camiños rurais.

DEFINICION DAS VIAS

  1. As redes de estradas defínense, clasifícanse e ordenan segundo o disposto na Lei de Estradas 25/1988 de 29 de Xullo, das Cortes Xerais, o Real Decreto 1812/94, de 2 de setembro polo que se aproba o Regulamento Xeral de Estradas do MOPTMA, e a lei 4/1944, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia (DOG núm. 210 do 31 de outubro).
    1. Vías tipo I
      • Autoestrada A-55: de Coruña a carballo (de titularidade autonómica).
      • Autovía de A Coruña a Lugo (de titularidade estatal).
    2. Vías Tipo II: clasificadas de rede Primaria Básica no Plan de Estradas de Galicia (de titularidade autonómica):
      • C-552 de A Coruña a Carballo: no tramo comprendido dende a intersección de Sabón ata Fisterra.
      • AC-410 de A Coruña a Baños de Arteixo.
    3. 1. Vías tipo III.- Clasificados de Rede Primaria Complementaria no Plan de Estradas de Galicia:

      De titularidade autonómica:

      • C-552 no tramo comprendido entre a intersección de Sabón e o límite do Concello de A Coruña.

      Estradas dependentes da Diputación Provincial:

      • CP.0503 Bordeiras ao Porto de Suevos.
      • CP.0509 Rede viaria Polígono de Sabón.
      • CP.0511 Ledoño a Arteixo.
      • CP.0512 campo ao Birloque por Uxes.
      • CP.0514 Arteixo a Caión.
    4. 2. resto das estradas (correspóndese coa Rede Secundaria definida no "Avance Plan Provincial de Estradas anos 1.900-2000").

      De titularidade autonómica:

      • AC-411 travesía de Arteixo.

      Estradas dependentes da Diputación Provincial:

      • CP.0501 Acceso a Igrexa de pastoriza.
      • CP.0502 Pastoriza a Maceira.
      • CP.0504 Raña a Praia de Sabón.
      • CP.0505 Chamín do Medio a Santalla.
      • CP.0506 Pertegaza na Estrada de lañas a Anide de campo.
      • CP.0507 Lañas a Anide, CP.0508 Barreira a Igrexa de Loureda.
      • CP.0510 Confurco a Uxes e ramal a Orro.
      • CP.0513 Ponte dos Muiños a Caión por Paiosaco.
    5. Vías tipo IV.- Camiños rurais.

CONDICIONS DA REDE DE ESTRADAS

  1. Vías tipos I e II e III.
  2. 1. Serán de dominio público os terreos ocupados polas estradas e os seus elementos funcionais, e unha franxa de terreo a ámbolos dous lados da vía que será: de 8 m. de ancho na autovía (art. 21.1 Lei 25/1988 e art. 74.1 R.C.), de 15 m. na autoestrada A-55, e de 8 m. m. no resto das estradas (art. 30.1 Lei 4/1994), distancias medidas en horizontal e perpendicularmente ó eixo da vía, desde a arista exterior da explanación.

    Nesta zona de dominio público só poderán realizarse obras ou instalacións, logo de autorización do MOPU, para a prestación dun servicio público de interese xeral.

  3. 2. A zona de serventía consistirá en dúas franxas de terreo a ámbolos lados da estrada, de 25 m. de ancho na autovía (art. 22.1 Lei 25/1988, e art. 77.1 R.C.), de 17 metros na autoestrada A-55 e de 2 m. no resto das estradas (art. 32.1 da lei 4/1944), delimitadas interiormente pola zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas ás aristas exteriores da explanación.

    Nesta zona de serventía non poderán realizarse obras, nin se permitirán máis usos que os que sexan compatibles coa seguridade vial, logo de autorización do MOPU.

  4. 3. A zona de afección consistirá en dúas franxas de terreo a ámbolos dous lados da estrada, de 100 m. de ancho na autovía (art. 23.1 da lei 25/1988, e art. 82 de R.C.) e na autoestrada A-55, e de 30 m. no resto das estradas (art. 33.1 da lei 4/1994), delimitadas interiormente pola zona de serventía, e exteriormente por dúas liñas paralelas ás aristas exteriores da explanación.

    Nesta zona requirirase a previa autorización do MOPU, para calquera tipo de obras ou instalacións fixas ou provisionais, así como para cambiar o uso ou destino delas, plantar ou cortar árbores.

    Se xa existisen construccións ou instalacións, só poderán realizarse nelas obras de reparación e mellora, logo de autorización correspondente, e sempre que non supoñan aumento de volume, non tendo en conta para efectos expropiatorios o incremento de valor que supoñerían as melloras realizadas.

    Fora dos tramos urbanos das estradas estatais, prohíbese realizar publicidade en calquera lugar visible desde a zona de dominio público da estrada, exceptuándose os carteis informativos autorizados polo MOPU por non considerarse publicidade.

  5. 4. Liña de edificación.

    Desde esta liña, que se establece a ámbolos dous lados da estrada, situándose a 50 m. no caso da autovía (art. 25.1 da lei 25/1988 de Estradas e art. 84.1 do R.C.); 30 m. na autoestrada A-55 (art. 35.1 da lei 4/1994); 12 m. nas estradas da rede primaria básica (art. 35.1 Lei 4/1994); 9,5 m. nas estradas da rede primaria complemetaria (art. 35.1 da lei 4/1994); 7 m. no resto das estradas (art. 35.1 da Lei 4/1994), medidos horizontalmente desde a arista exterior da explanación correspondente as calzadas previstas e os seus elementos funcionais e perpendicularmente ó eixe da calzada máis próxima.

    Nos lugares onde a liña ímite de edificación das estradas de titularidade autonómica ou da Deputación Provincial, quedase dentro da zona de servidume, a citada liña farase coincidir co bordo exterior de dita zona, a excepción dos casos previstos nos apartados 2, 3 e 4 do art. 35 da lei 4/1994.

  6. 5. cerramentos.

    Dacordo co art. 39 da lei 4/1994, non se autorizarán cerramentos nas zonas de dominio público nin nas de servidume, aínda que por circunstancias especiais de aproveitamento agrícola ou gandeiro poderán ser autorizados cerramentos diáfanos nas zonas de servidume ou afección das estradas pero non nas de dominio público.

  7. Vías tipo IV.- Camiños rurais.

    A malla de camiños públicos identificada nos Planos de Ordenación remata de configurar a trama viaria, clasificándose en vías:

  8. 1. De primeira orde.- Aqueles que se encontren con vías públicas estatais ou provinciais, calquera que sexa a súa anchura, así como aqueles que teñan un ancho de vía de 6 m. ou máis.

    Os cerres situaranse, ó menos, a 6 m. do eixo do camiño, e as edificacións a 8 m.

  9. 2. De segunda orde.- Os restantes camiños veciñais.

    Os cerres situaranse, como mínimo, a 4 m. do eixo do camiño, e as edificacións a 6 m.

CONDICIONS XERAIS (CAMIÑOS)

  1. Para obter a licencia de obra nova, en parcelas que dean frente a camiños públicos, deberá cumprirse o seguinte:
    1. Nos frentes de parcelas que linden con camiños públicos deberá garantirse polos propietarios as operacións de acondicionamento daqueles nos termos que se describen nos apartados seguintes deste artículo.
    2. A franxa comprendida nun ancho de 4 m. a partires do eixo do camiño (para camiños de segunda orde), e de 6 m. a eixo de camiño (para camiños de primeira orde), deberá situarse na mesma rasante que a vía.
    3. O tratamento a rentes da vía que deberá darse á banda comprendida entre aliñación exterior do camiño e a liña da franxa de 4 a 6 metros (segundo a clasificación do camiño), aterase ó que sigue:
      1. Se a diferencia de cota medida na aliñación exterior do camiño e a rasante da vía é menor a 1 m. deberá deixarse á altura da rasante da vía, sendo a aliñación exterior a liña de cerre.
      2. Se a diferencia de cota medida na aliñación exterior do camiño e a rasante da vía é maior ou igual a 1 m. realizarase un vaciado ou un recheo de terras (segundo o caso) nun frente mínimo de 10 metros de lonxitude e ancho a distancia entre a aliñación exterior e a liña da franxa de 4 a 6 metros (segundo o ancho do camiño), ata poñela a rentes da vía, sobor da aliñación exterior colocarase un muro de contención que poderá ser sustituído por un talude natural coas garantías de estabilidade suficiente e coa arista inferior coincidindo coa aliñación exterior.

CESION DE VIARIO

No solo non urbanizable sempre que polos propietarios se efectúe de forma voluntaria a cesión dos viais que figuran no planeamento, ésta superficie cedida computará os efectos de alcanza-la superficie mínima da parcela.

Este criterio mantense asimesmo para outro tipo de cesións para espacios públicos (zonas verdes, espacios libres e equipamentos en xeral).

Nos solos urbanos deberá cumplirse o disposto no art. 20.1.a da Lei sobre Réximen do Solo e Ordenación Urbana no relativo a cesión de terreos destinados a viais, en concordancia co disposto no art. 36 da lei 11/1985 de adaptación da lei do Solo a Galicia.

CARACTERISTICAS DA REDE VIARIA

  1. Nos planos correspondentes sinalase o trazado e as características da rede viaria urbana, e as seccións e rasantes adoptadas.
  2. No solo apto para urbanizar, os Plans Parciais completarán e precisarán no ámbito do territorio a ordenación da rede viaria local establecida polas N.S.

SISTEMA FERROVIARIO

  1. O sistema xeral ferroviario está composto polos terreos e infraestructura que sirven de soporte para o movemento dos ferrocarriles como modo de transporte de persoas e mercadorías, comprendendo:
    1. A zona de viais, constituía polos terreos ocupados polas vías e as súas instalacións complementarias, incluíndo a zona de protección do ferrocarril.
    2. A zona ferroviaria, constituída polos talleres, peiraos, almacéns e, en xeral, calquera instalación directamente relacionada co movemento do ferrocarril.
    3. A zona de servicio ferroviario, constituída polos arcéns e estacións que permiten a utilización do servicio polos usuarios.

CONDICIONS XERAIS DE DESEÑO

  1. Os elementos e espacios ferroviarios están suxeitos á Lei 16/1987 de 30 de Xullo, de Ordenación dos Transportes Terrestres e Regulamento (D.R. 1211/90 de 28 de Setembro), e demais disposicións vixentes, aparte das regulacións contidas nestas Normas.
  2. As aperturas e modificacións de tendido, a construcción de pasos a nivel, a construcción de instalacións anexas, o establecemento de serventías e, en xeral, cantas accións urbanísticas se executen nos terreos comprendidos no sistema ferroviario, rexiranse pola normativa específica sobor da materia e pola que estableza estas Normas Subsidiarias e os elementos do seu desenrolo.
  3. Nas áreas urbanas impedirase o libre acceso ás liñas ferroviarias mediante a disposición de barreiras ou valos de separación de altura suficiente para o cumprimento do seu destino e, dacordo coa normativa establecida polo Ministerio de Transportes, non se creará ningún paso a nivel, é dicir, o cruce da rede viaria ou peatonal, prevista nos planos, coa vía férrea realizarase a diferente nivel.
  4. Os particulares que pretendan construir ou reedificar na zona de serventía ou afectación, así como realizar obras ou outras actividades que teñan que atravesar a vía, ou que impliquen algunha serventía ou limitación sobre o ferrocarril, os seus terreos, instalacións ou dependencias, deberán obter previamente a conformidade da empresa titular da liña.
  5. Non se poderá edificar na zona de viais outras instalacións que as directamente vencelladas a garantir o movemento dos vehículos do sistema, tales como casetas de protección, sinalización, etc.
  6. Na zona ferroviaria poderanse construir edificios con uso industrial, ou de servicio terciario directamente vencellados ó servicio de funcionamento do sistema ferroviario, vivendas familiares para gardar as instalacións, residencias comunitarias para os axentes do ferrocarril e equipamentos para o uso do personal de servicio.

    A súa edificabilidade non superará o coeficiente de 7 m² por cada 10 m².

  7. Na zona de servicio ferroviario poderán construirse edificios para a atención do usuario e naves de estación, a súa edificabilidade non superará a cuantía de 1 m2/m2. A ocupación máxima en planta da parte edificada será de 50% da parcela.
  8. Disporase dunha plaza de aparcamento nas zonas de instalacións ferroviarias e de servicio ferroviario, polo menos, por cada 100 m2 construídos.

ZONAS DE PROTECCION

  1. Son de dominio público os terreos ocupados polo ferrocarril e unha franxa de terreo de oito (8) metros de ancho a cada lado da vía, medidas en horizontal e perpendicularmente ó seu eixo desde a arista de explanación.
  2. A zona de serventía do ferrocarril, consistirá en dúas franxas de terreo a ámbolos dous lados del, delimitados interiormente pola zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas ás aristas exteriores da explanación a unha distancia de 25 metros, medidos desde as citadas aristas.
  3. A zona de afección do ferrocarril, consistirá en dúas franxas de terreo a ámbolos dous lados del, delimitadas interiormente pola zona de servidume e exteriormente por dúas liñas paralelas ás aristas exteriores da explanación a unha distancia de 100 metros, medidas desde as citadas aristas.

ESPACIOS LIBRES E ZONAS VERDES

  1. Comprende os terreos destinados a garantir o esparcimento da poboación, a mellorar as condicións ambientais, protexer os sistemas de comunicacións, infraestructuras e servicios urbanos, así como as áreas naturais que o precisen, debendo preservarse da edificación e sometelos, por esixencias da ordenación ó réxime de espacios libres.
  2. CLASIFICACION

    Distínguense as seguintes clases:

    1. AREAS LIBRES, VA.
    2. XARDINS, VJ.
    3. PASEOS FLUVIAIS, VF.
    4. PARQUES URBANOS, VP.

Para o desenrolo e execución destes espacios será necesario e suficiente, proxecto arquitectónico-urbanístico que garante espacios gratos e comparables coas actividades de esparcimento, descanso, paseo, etc., un deseño de calidade ambiental, visual, e monumental, axeitado para tales fins.

CONDICIONS XERAIS

  1. AREAS LIBRES

    Comprende espacios destinados a unha urbanización de superficie rexa predominantemente, e de uso público peatonal, con pequenas áreas axardinadas ou moles que en ningún caso deberán superar o 15% da superficie total.

    Deberanse urbanizar cos amoblamentos usuais destes espacios e que se definan con anterioridade en proxecto arquitectónico - urbanístico que asegure a correcta consonancia ambiental.

    As superficies moles non deberán distorsionar a visual do conxunto (fachadas de importancia arquitectónica, monumentos ou vistas de consideración), e non deberán superar alturas superiores ós 1,50 m.

    Admítense instalacións descubertas para a práctica deportiva e edificios culturais coas seguintes restriccións:

    1. Non se admiten instalacións deportivas ó aire libre en espacios de certa calidade ambiental, arquitectónica e monumental.
    2. A ocupación do solo para todos eles non superará ó 15% da extensión total.
    3. A altura máxima das instalacións non poderá superar os 3 m. en ámbitos de interés monumental ou visual, e o seu emplazamento deberá ser elexido con coidado para non perxudicar os fins perseguidos neste tipo de ordenacións.
    4. Os edificios existentes, integrados nestes sistemas como elementos tradicionais, poderán manterse podendo adicarse ós usos actuaís, ou ós permitidos por estas normas.
    5. No caso das Zonas Verdes grafiadas nos patios de mazá éstas serán accesibles, de uso público sobre rasante e dominio privado. Con independencia dos xa fixados nos planos, deberán preverse accesos peatonais dun ancho mínimo de 3 mts., en toda construcción sobre parcela dun ancho maior a 24 mets. Somentes quedarán exentos desta obriga as parcelas dun ancho menor de 24 mts. e que non procedan dunha segregación efectuada con posterioridade á aprobación destas Normas. Estos accesos peatonais poden toma-la forma de galerías comerciais as que se abran locais de negocios.

    No caso de parcelas incluidas en U.E. deberán preverse no Estudio de Detalle que se faga o efecto accesos nas condicións establecidas nestas Normas.

    Os patios de mazá serán propiedade mancomunada das comunidades de propietarios das parcelas que o formen. O acondicionamento e conservación dos mesmos deberá realizarse polos propietarios en proporción a superficie aportada. Os propietarios poderán ceder voluntariamente a súa parte o Concello, quedando éste obrigado a recibila e participar proporcionalmente no seu mantenemento e conservación. No caso que a totalidade do patio de mazá sexa cedido o Concello, pasará a ser dominio público, correndo éste coa totalidade dos gastos de conservación, limpeza, alumado, xardinería, etc.

    1. Admítese os aparcamentos subterráneos sen rebasar a cota de rasante establecida no art. 2.40 das N.U.1.
  2. XARDINS

    Comprende os espacios destinados á plantación de vexetación de porte baixo, e amoblamento urbano de esparcimento usual para este tipo de actuacións: bancos, eidos, cerres, ornatos, iluminación, etc.

    Admítense construccións ornamentais propias de xardíns, non permitíndose por cuestións de aproveitamento espacial instalacións descubertas para a práctica deportiva, atendéndose tamén as seguintes restriccións:

    1. A ocupación do solo para todos eles non debe ser superior ó 20% e só en casos excepcionais e debidamente xustificados poderá contravirse esta regra.
    2. A altura máxima das edificacións non poderá sobrepasar os 7 metros.
    3. Non se contempla a conservación de edificacións existentes, integradas nos sistemas como elementos tradicionais por non existir ningunha.
  3. PASEO FLUVIAL

    Comprende as zonas liñais das marxes das canles do río Arteixo e afluentes, onde se organizan espacios aptos para o paseo, o descanso e as actividades lúdicas ó aire libre aproveitando as ribeiras dos canles dos ríos anteriormente citados.

    O carácter de aliñación destas actuacións condiciona a ordenación dos seus ámbitos. A proporción de áreas moles (vexetación), áreas rexas é aproximadamente parella, organizando dúas franxas paralelas que discurren ó longo das canles de ámbolos dous ríos.

    A urbanización desenrolarase mediante arboredo, xardinería, rueiros peatonais, elementos ornamentais, amoblamento ususal de xardíns, etc.

    Só se admitirán instalacións recreativas infantís, respetando en todo momento os criterios ambientais descritos nos últimos apartados.

    A ocupación do solo destas instalacións non será superior ó 15% do total da extensión total.

    A altura máxima dos elementos destinados a amoblamento non superará os 5 m. de altura.

  4. PARQUES PUBLICOS

    Comprende os espacios destinados a plantacións de árbores e xardinería de carácter público con superficies superiores ós 5.000 m², tal e como figura nos planos de ordenación a escala 1:2.000.

    Estes solos deberanse urbanizar como arboredo, xardinería, rueiros, elementos ornamentais e amoblamento usual de parques e xardíns.

    Estes espacios poderanse organizar como unha composición dos 3 apartados anteriores (VA, VX, VF) ou ben como áreas con baixo grado de urbanización de vexetación alta, incluso poderían contemplarse ambas situacións simultáneamente.

    Admítense polo tanto, instalacións deportivas descubertas ou edificios culturais coas seguintes restriccións:

    1. A ocupación do solo para todos eles non debe superar o 10% da extensión total. Cando éstes estean situados en subsistemas (VA, VX, VF) dentro do parque público atenderase ó disposto nos apartados anteriores.

CONDICIONS DAS AREAS FORESTAIS.PROTECCION DE COMUNICACIONS, INFRAESTRUCTURAS E RIBEIRAS DE RIOS

  1. Os terreos vencellados a estes usos son obxeto de protección ademais de ser incluídos dentro das ordenanzas do solo non urbanizable.

As condicións para a súa protección, usos permitidos, etc., conteñense na ordenanza correspondente. Os terreos afectados por servidumbres derivadas do carácter e uso das implantacións existentes (vertedeiros de lixo, cemiterios, etc) estarán sometidos as afeccións derivadas das normas sectoriais que as regulen.

SISTEMAS DE EQUIPAMIENTOS E DOTACIONS

  1. O sistema de equipamentos e dotacións comprende o conxunto dos edificios e das instalacións que permiten asegurar á poboación os servicios colectivos dos que teñen necesidade.
  2. USOS

    Os efectos da súa pormenorización no espacio e, no seu caso, do establecemento de condicións particulares, distínguense os seguintes tipos:

    1. Equipamento docente: Centros docentes públicos ou privados, e anexos deportivos.
    2. Equipamentos deportivos e recreativos: Edificacións e instalacións deportivas, campamentos, centros de recreo e expansión, establecementos turísticos non residenciais de interés público, social ou comunitario, e anexos de servicio.
    3. Equipamientos sanitario-asistenciais: Centros asistenciais e sanitarios adicados a garderías, dispensarios, ambulatorios, residencias de anciáns, clínicas, hospitais xerais e centros hospitalarios.
    4. Equipamento relixioso: Templos e casas parroquiais.
    5. Equipamento socio-cultural: Bibliotecas, centros sociais e culturais, museos, salas de cultura, de reunións, de exposición, etc.
    6. Equipamento técnico-administrativo e de servicios. (Centros ou edificios para servicios da Administración pública): Seguridade, bombeiros, concesionarios de servicios públicos, cemiterios, verquedeiros, etc.
    7. Equipamento de abastecemento e suministros: Mercados, matadeiros, e outros centros de abastecemento.
  3. CONDICIONS DE USO
    1. No caso de determinarse na Ordenación Gráfica, un uso para un equipamento específico, éste será o uso principal, sendo os demais complementarios.
    2. Os terreos incluídos en Unidades de Execución que sexan de cesión obrigatoria e gratuita ó Concello, éste poderá establecer calquera dos usos sinalados no artigo anterior ó servicio da Unidade de Execución, dacordo co art. 36 da L.S.G.
  4. CONDICIONS DE EDIFICACION
    1. En solo urbano, para toda clase de equipamentos rexirá o tipo de ordenación da zona onde se sitúa o equipamento, e manterán condicións de composición urbanística acorde coa mesma, percurando respetar e manter as aliñacións da súa mazá e colindantes. Sen embargo, adaptaranse ás condicións de edificación, estándares e programas correspondentes á súa lexislación específica.

      Cando pola forma da edificación resulten espacios libres interiores de amplitude suficiente, terán que axardinarse e dotarse de arboredo.

    2. As parcelas calificadas para uso de equipamentos públicos polos Plans Parciais terán con carácter xeral as seguintes condicións de edificación:
      1. Tipo de edificación: illada.
      2. Altura máxima: 12 metros.
      3. Ocupación máxima na pranta baixa: 60%.
      4. Edificabilidade neta: 1 m²/m².
    3. Dentro da zona de influencia dos núcleos rurais poderanse destinar a equipamentos públicos comunitarios ó servicio daqueles, parcelas calificadas como solo non urbanizable, o que nos obriga a declarar de utilidade pública e interés social tales equipamentos, a efectos da súa tramitación dacordo co art. 42 da L.S.G.

    As condicións de edificación serán as establecidas na ordenanza de solo non urbanizable de réxime normal.

SISTEMA XERAL DE SERVICIOS URBANOS E INFRAESTRUCTURAS

  1. Comprende as redes de electricidade, abastecemento de augas e saneamento, así como as instalacións e edificacións vencelladas ó servicio de que se trate, e a este fin as Normas establecen as precisas reservas de solo ou as de protección.
  2. Os espacios libres de edificación que constitúen o entorno destes servicios, considéranse como espacios libres verdes.
  3. A protección a establecer sobre as redes ou elementos puntuais, respetará os regulamentos e disposicións promulgadas polos organismos competentes.

  |   Inicio   |