Aspectos xeográficos do termo municipal

Xeografía

O Concello de Arteixo está situado no extremo occidental do golfo Ártabro, preto da Coruña. Linda ao norte co Océano Atlántico e ao norleste co Concello da Coruña, ao sur e suroeste co Concello da Laracha e ao leste co Concello de Culleredo.

Mapa das parroquias

Ten unha extensión de 9.350 hectáreas e comprende trece parroquias: San Martiño de Suevos (1), Santa María de Pastoriza (2), San Tirso de Oseiro (3), Santo Estevo de Morás(4), Santa María de Loureda(5), Santiago de Arteixo(6), Santa Mariña de Lañas(7), Santo Estevo de Larín(8), San Pedro de Armentón(9), San Tomé de Monteagudo(10) , Santa Baia de Chamín(11), San Pedro de Sorrizo(12) e San Xian de Barrañán(13), sendo o seu número de habitantes de 29.454 persoas, que se agrupan fundamentalmente nos núcleos de Arteixo, Vilarrodís, Galán,Pastoriza e Meicende.

O relevo destaca polo contraste de zonas áridas con verdes vales abrigados por cortadas ladeiras. A costa presenta unha harmónica conxunción de montaña e mar. De oeste a leste, esténdese desde o regato de Augacai á Punta Lagosteira, conta cos portos de Sorrizo e Suevos e cos grandes areais do Raeiro, Barrañán, Valcovo, O Rañal e Alba.

O clima é marítimo con choiva abundante. O tipo atlántico responde mellor ás súas características que, en xeral, poden resumirse en invernos chuviosos e suaves xunto cuns veráns pouco cálidos nos que poden aparecer períodos de choivas e nubes.

Dúas estradas e unha autovía penetran no municipio proveñentes da Coruña; a vella que vai por Meicende, Pastoriza e Oseiro e a outra por A Grela (C-552) confluíndo as dúas no Seixedo, onde conflúen asemade, a autovía Arteixo-Lugo-Madrid (A-6) e a autoestrada A
Coruña-Carballo (A-55).