O Centro Cívico acolle a cerimonia de entrega do premio Manuel Murguía

Cultura | Cultural | Información

Jesús Amboage, Noelia Cendán e Teresa Moure son os finalistas do Certame

A cerimonia de entrega de premios, a partir das oito da tarde, contará coa actuación musical do grupo EJazz, as intervencións artísticas do colectivo XIPA e rematará cun viño de honra entre outras actividades.

"Reversible", de Jesús Amboage García; "Corazón de Aquiles", de Noelia Cendán Teijeiro; e "A semântica oculta de Mrs. Hockett", de Teresa Moure Pereiro, son as tres obras que optan ó premio Manuel Murguía de Narracións Breves que alcanza este ano a súa XXVI Edición.

O xurado, composto por Anxos Sumai, escritora e representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Beatriz Rodríguez
Rodríguez, profesora da Universidade de Vigo e representante da Asociación Galega da Crítica; Diego Giráldez, gañador da 25ª edición; e Alfredo Ferreiro Salgueiro, coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto, decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás obras finalistas.

A esta edición presentáronse 58 relatos dos que 52 foron admitidos a concurso porque cumprían estritamente as bases. Os premios, que se coñecerán o próximo día 19, son de 4.000 € para o gañador; 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.

O acto de entrega do premio contará coa actuación musical do grupo EJazz, as intervencións artísticas do colectivo XIPA e rematará cun viño de honra. Tamén incluirá unha lembranza da figura de Carlos Casares, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, coa proxección de “A luz de Carlos” en que se fai referencia á relación do autor ourensán con Arteixo.

A Concellaría de Cultura e Festas completa a súa oferta para este mes das letras cunha exposición do premiado fotógrafo Marcos Rodríguez, un encontro literario con autores locais onde se fará unha lembranza ao poeta, recentemente falecido, Paco Souto, a tradicional ofrenda floral ao monolito de Oseiro na honra a Manuel Murguía e un concerto en Meicende do artista Manolo Couto.