MIRIAM RODRÍGUEZ DEBASA, PREMIO MANUEL MURGUÍA 2007

Concursos | Cultura

Certame de narracions breves Manuel Murguia

O Alcalde, Manuel Pose, entregoulle o galardón á gañadora desta edición do Certame, promovido polo Concello de Arteixo

O xurado do XVI Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, instituído polo Concello de Arteixo para honrar a figura do Patriarca das Letras Galegas, decidiu por unanimidade conceder o premio Manuel Murguía de Narracións Breves 2007 ao relato "Mentras Espero", de Miriam Rodríguez Debasa.

O xurado deste Certame, dotado con 3.665,00 euros e a edición da obra, reuniuse este mediodía e estivo constituído por Isidro Novo, escritor e representante da AELG; Xesús Manuel Marcos, escritor gañador do XV Certame "Manuel Murguía" Xabier Docampo, profesor e escritor; e Julio Mancebo, mestre xubilado e coordinador do Certame.

O alcalde de Arteixo, Manuel Pose, entregoulle o galardón á gañadora nunha cerimonia literaria celebrada no Centro Cívico Cultural da localidade e que estivo presidida polo Rexedor Local. O acto completouse cun concerto poético-musical a cargo de "A caricia da serpe".

Organizado de fomentado polo Concello de Arteixo, o Certame Manuel Murguía, no que participaron 45 autores e autoras, é un concurso consolidado no panorama cultural e literario galego, entre os da súa categoría. Ata agora, xa foi gañado por Xesús Manuel Marcos; Xosé Gómez; Xabier Alcalá; Chiqui Lozano; Isidro Novo; Antón Riveiro Coello; Marilar Aleixandre; Afonso A. Cáccamo; Xosé Luis Álvarez; Riveiro Loureiro; David Pérez Iglesias; Vázquez Somoza; Carlos Caneiro; Rosa Aneiros; Martínez Pereiro; Emma Pedreira; Daniel Asorey; Paula San Vicente; Bieito Iglesias; Xaime Domínguez Toxo e Inma López Silva.