20120131 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 31 de xaneiro de 2012

D.S.

O goberno local estudará as alegacións presentadas ó Plan de Litoral polo anterior executivo para determina-la posibilidade, ou non, de legalizar construccións en zonas como Barrañán ou Sorrizo. O alcalde Carlos Calvelo lembra que o plan permite legalizar zonas como o Portiño de Suevos e reprocha ó anterior goberno o non ter analizado esa mesma posibilidade en outros puntos do Concello.

En obras pendentes o goberno busca solucións ás inacabables beirarrúas de A Cachada, entre Arteixo e Laracha. O primeiro edil indica que será a Deputación Provincial a que se ocupe de expropia-los terreos necesarios para executa-los traballos. O Concello asumirá os custes administrativos do proceso. A resposta chega despois da interpelación plenaria que sobre este asunto fixo o voceiro de TEGA, Xosé Márquez.

As beirarrúas de A Cachada chegaron a pleno en dúas ocasións durante a pasada lexislatura. Na primeira se aprobou a obra a expensas da expropiación, pendente; e na segunda se modificou parte da letra do acordo entre Concello e deputación para clarificar, precisamente, a qué administración correspondía ese trámite. Márquez, daquela concelleiro de obras, sempre sostivo que a expropiación correspondía ó ente provincial.

O Concello aproba, de forma definitiva o plan parcial para as Medoñas. O fai despois de atender ás solicitudes da Xunta de Galicia que esixiu á promotora a corrección dunha serie de erros para dar luz verde a esta urbanización, en A Zapateira, e que ocupa 462.500 metros cadrados. A Xunta advertía, en setembro pasado, acerca do número de vivendas e sobre a necesidade de dar cumprimento á lei de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. O concelleiro de obras explica que o proxecto debía de incorporar unha modificación para non quedar “no limbo”. José Ramón Amado indica que o executivo actual “aproveita” todo o que quedou pendente de épocas anteriores.

Martín Seco, no PSOE, recoñece a legalidade do proxecto aínda que prefire quedar coas dúbidas que tamén expón a Xunta de Galicia sobre a idoneidade do proxecto.

A Xunta de Galicia advertiu no seu informe da necesidade de que o plan debía prever as reservas de solo necesarias para vivendas suxeitas a algún tipo de protección pública, non inferiores ó 40%.

Novos éxitos do judo local. 6 deportistas do judo club Arteixo lograron subir ó podio no campionato galego sub-20 que se celebrou o pasado fin de semana en Narón. Medalla de bronce para Aroa Rodríguez e Sandra López, en categoría feminina. Nos chicos destacaron Brais López e Daniel Castrillón que se proclamaron subcampións. Ismael Rodríguez e Ignacio Díaz alzáronse con sendas medallas de bronce. Todos eles poderían ser seleccionados para representar a Galicia no sector do campeonato de España.

Na cultura quedamos hoxe coa compañía de Quique Peón que leva ó auditorio do centro cívico o seu espectáculo Alén da Croa que xa se estrenou recentemente no teatro Rosalía de Castro. Trátase dunha historia baseada en diferentes relatos referidos ás lendas das Mouras, unha interpretación dunha parcela do noso imaxinario popular, da nosa cultura no eido da tradición oral e levada ao escenario, por primeira vez, a través da danza. Haberá sete bailaríns-personaxes en escena que mesturan distintas linguaxes de danza: a tradicional galega, a oriental-tribal e a contemporánea. Romina Trigo, que traballou nesta Radio Municipal, é parte do elenco artístico da obra. O prezo, para adultos, é de 5 euros.

Lembramos ademais que ata o vindeiro 13 de febreiro poden visitar a mostra itinerante do V Premio Banda Deseñada Castelao,que promove a Deputación de A Coruña. A exposición consta dun total de vinte obras nas que se pode observar o traballo de Daniel Montero Coira titulado ‘Sen mirar atrás’, premiado polo ente provincial no ano 2009.

Poden visitar a mostra de luns a venres de 10.30 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas e os sábados de 10.30 a 14 horas.

Novas visitas do centro de transfusión de sangue de Galicia. Será os próximos dous e tres de febreiro. O día dous a unidade móbil estará en Vilarrodís, diante da farmacia, entre as catro e as seis da tarde. Ese mesmo día, en Pastoriza, tamén diante da farmacia, entre as seis e media da tarde e as nove da noite. O día tres a unidade móbil achegarase a Arteixo. Estará no lugar habitual, na entra da Rúa Peonil, pola mañá de dez a dúas e pola tarde entre as catro e as nove da noite.