20111124 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 24 de novembro de 2011

D.S.

O BNG denuncia a situación de desamparo na cobertura sanitaria de, cando menos, dous veciños de Arteixo. Silvia Seixas faise eco dun episodio, no centro de saúde, no que dúas persoas tiñan bloqueada a súa tarxeta sanitaria e, segundo a voceira nacionalista, lles fixeron cubrir sendos impresos nos que, entre outras cousas, debían de aporta-lo seu número de conta. A nacionalista pedirá hoxe, en pleno, a mediación da corporación municipal.

Esta situación xa foi denunciada e tamén debatida no parlamento galego. A Xunta de Galicia garante a cobertura sanitaria de tódolos cidadáns. O presidente Feijoo asegurou que “ningunha persoa sen recursos quedará sen asistencia universal e gratuíta”.

O pleno da corporación, hoxe ás oito da tarde, tamén abordará unha moción de urxencia, que presenta o BNG, sobre o Porto Exterior. Os nacionalistas queren que o goberno inste a Autoridade Portuaria a ter en conta, nas novas licitacións de obra previstas, a situación dos desempregados de Arteixo, máis de 3000 no pasado mes de outubro.

Sobre a dársena de Langosteira. O Goberno local aposta polo desbloqueo, a curto prazo, dalgúns proxectos supramunicipais que considera de capital importancia para o futuro do municipio. Carlos Calvelo apela ó novo goberno estatal para atopar “un interlocutor válido” co que abordar asuntos como os accesos ferroviarios ó porto exterior ou a conexión viaria en Meicende.

TEGA pon en dúbida a solución aportada polo concello para tratar de desconxestiona-lo tráfico de entrada e saída do polígono de Sabón. Xosé Márquez asegura que o proxecto anunciado polo goberno local nace da época de Manuel Pose na alcaldía.

O proxecto que anunciou o executivo de Carlos Calvelo contempla a ampliación da avenida de Ponte, ata o de agora un vial cego, e a construcción dunha nova rotonda na estrada AC552. Será a terceira vía de entrada ó Polígono industrial ademais das xa coñecidas de O Seixedo e a zona escolar de Arteixo. O presuposto é de 580.000 euros e o prazo de execución é de dous meses. Os traballos xa están en marcha.

Os xulgados da provincia de A Coruña tramitaron, durante o pasado ano, ata 3545 causas relacionadas coa violencia de xénero. Se incoaron 2328 delitos por maltrato ocasional e 399 por maltrato habitual. Os procedementos rexistran ademais 74 delitos de quebrantamento de medidas cautelares. Por maltrato ocasional se dictaron 176 sentencias condenatorias, 88 absolutorias e 130 conformidades. No caso de maltrato habitual foron 19 sentencias condenatorias, nove absolutorias e 22 conformidades. Son algúns dos datos felicitados pola fiscalía e que mañá analizaremos co fiscal coordenador de violencia contra a muller, Fernando Martínez Quiroga.

Martínez Quiroga é un dos invitados na programación especial que esta emisora, como cada ano, pon en marcha con motivo do día internacional contra a violencia de xénero que se conmemora mañá. Tamén participará a psicóloga Pilar González que hoxe mesmo imparte un taller, para nais e pais, sobre os mitos e crenzas sexistas que se transmiten nos contos tradicionais. De exemplo servirá “La Bella y la Bestia”.

O CIM ocúpase de impartir formación sobre igualdade e prevención de violencia de xénero entre os escolares do municipio. Nestes días participan na actividade 140 alumnos do IES Manuel Murguía. O obxectivo e educar e formar criticamente ó alumnado para medrar, desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos e estereotipos sexistas.

Próximas visitas do centro de transfusión de sangue de Galicia. Será os días 30 de novembro e 1 de decembro. No lugar habitual da avenida de Balneario en ambos casos entre as catro da tarde e as nove da noite.

Nas citas apuntamos o concerto da banda de Música Santiago de Arteixo que terá lugar esta tarde no auditorio do centro cívico ás oito e media da tarde. O repertorio repasará algunhas das obras que se presentan ó V Certame galego de Bandas. Trátase de “Carballeira” de Gustavo Freire; “Monte Medulio” de Andrés Álvarez e “Pórtico” de Antón Alcalde Rodríguez.