20111116 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 16 de novembro de 2011

D.S.

O Concello plantexará ó ministerio de Fomento a posibilidade de construír unha nova rotonda en Meicende que permita unha conexión que evite o paso de tráfico pesado pola localidade. É unha das conclusións da extensa xuntanza que onte mantiveron representantes da Asociación de Veciños San José Obrero con membros do goberno local. Orlando Bello é o voceiro dos colectivo veciñal.

Catro horas de reunión para abordar case todo o que preocupa ós veciños. Sobre a mesa, como nas últimas semanas, a política de realoxos, a integración e a seguridade. Haberá outra reunión entre o goberno e o secretariado xitano. O executivo anuncia ademais un maior seguimento por parte dos Servizos Sociais do Concello. Os veciños consideran que será insuficiente.

Orlando Bello sae “moderadamente satisfeito” do encontro. Trátase de dar máis tempo para empezar a ver resultados. Entre tres e seis meses.

PSOE e BNG ofrecéronse xa ó goberno local para manter unha xuntanza na que os políticos locais aborden, dende a perspectiva da seguridade e da integración, a cuestión dos realoxos e a súa repercusión.

O Goberno local plantexa a construcción dunha praza fronte á entrada posterior do novo colexio. É a proposta do executivo para reforza-la seguridade na entrada e saída dos estudantes e que o alcalde analizou en diversas reunións con pais e nais de alumnos nas últimas semanas. Queixábanse do elevado tráfico que rexistra a zona, pola que transitan preto de 400 alumnos cada día de clase.
A obra consistirá na pavimentación da entrada e se complementará coa creación dun espacio axardinado que podería se utilizar como horta polos estudantes.

Representantes municipais e autonómicos xa visitaron as instalacións para consensua-las medidas que se tomarán. A Consellería de Educación executa actualmente as obras para despraza-la porta pola que este curso deben acceder ó centro todos os alumnos que carecen de servizo de transporte escolar. O obxectivo é alonxala do tráfico para garanti-la seguridade dos alumnos.
O Concello prolongará a beirarrúa que circunda a explanada das festas e que conectará coa nova praza, á que tamén se poderá chegar dende o paseo fluvial a través dunha nova conexión.

O goberno local, nun comunicado, da conta tamén da súa intención de acometer o arranxo do pavimento no acceso ó colexio, ademais de sinaliza-las prazas de aparcamento e reorganiza-lo tráfico na zona da explanada. O executivo quere aprobar “en breve” os expedientes administrativos para executa-los traballos.

O Concello elabora un plan de seguimento das obras nos centros escolares do municipio. Trátase de evita-la acumulación de traballos e de dispoñer da posibilidade de resolver, de forma “inmediata” as deficiencias que aparezan. O Concello pretende así “optimiza-los recursos municipais e impedir que se acumulen obras pendentes”. O Goberno local asegura que nos últimos meses investiu preto de medio millón de euros nunhas setenta actuacións que se levaron a cabo en ata 10 centros educativos.

Chegan as primeiras peticións e análises que os mozos de Arteixo fan ó Departamento de Mocidade. O cuestionario, colgado na web municipal www.arteixo.org, recibiu xa preto de 20 respostas que deberían de axudar á concellería de xuventude a elabora-lo seu orzamento para o próximo exercicio. Ramón Castro é o técnico de mocidade.

O proxecto Xuventude Participativa contempla a posta en marcha desta enquisa para coñecer a opinión da mocidade e as súas propostas para crear o presuposto do Departamento, e establecer as accións prioritarias para o novo ano. A concellería non descarta a posibilidade de utilizar novamente este sistema de enquisas para coñecer a opinión dos mozos sobre outras cuestións.

O Departamento de Xuventude organiza a partires do 19 de novembro a cuarta edición do curso oficial de Monitor de Tempo Libre. Para participar, entre os requisitos, hai que ser maior de 18 anos e ser graduado en ESO ou equivalente. O curso, de 200 h teóricas e 150 prácticas, desenvolveranse no Centro Social de Froxel de 9.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h os sábados, e os domingos de 9.00 a 14.00 h. O custe do curso é de 85 €.

A Rede de Bibliotecas Municipais continúa coas sesións de Contacontos. A cita hoxe é na Biblioteca Antón Castro de Meicende con Marisa Irimia. Mañá xoves 17 na Biblioteca Miguel Sande de Pastoriza con Bululú e tamén o xoves na Biblioteca Central Henrique Rabuñal con Crearte S. Culturais