20111003 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 03 de outubro de 2011

D.S.

O Goberno local cambia de proxecto para a reforma do pavillón de Meicende. O executivo planea a reestructuración das gradas do pavillón para permitir a súa legalización. Esta estructura está, en parte, fóra de ordenación ó que fai perigar a súa reforma, tal e como estaba prevista, ademais da subvención de 400.000 euros que para a obra se solicitara á Deputación Provincial de A Coruña. Carlos Calvelo.

O alcalde sinala que as obras tratarán de prexudicar, o menos posible, ó normal desenvolvemento das clases. Os traballos, explica, se levarán a cabo, sempre que se poida, fóra do horario lectivo.

A Deputación Provincial cambia as bases que rexerán o novo Plan de Obras e Servizos no que se investirán en 2012 de 24.200.000 euros, o mesmo presuposto que no exercicio actual. A novidade reside nunha cláusula que permitiría ós concellos destinar ata o 60% do que reciban para alivia-lo seu gasto corrente e deixando só o 40% para inversións. Diego Calvo é o presidente do organismo provincial.

Noutra orde de cousas a entidade provincial anuncia unha inversión de 720.000 euros ós Grupos Municipais de Intervención Rápida de 16 concellos, entre eles o de Arteixo que recibirá 45.000 euros. O importe debe de se adicar ó pago do persoal e material funxible correspondente ó funcionamento do grupo.

Os técnicos de deportes da Deputación de A Coruña visitan hoxe o concello de Arteixo. Trátase de coñecer as nosas necesidades en canto a instalacións e equipamentos deportivos. O obxectivo principal da visita, que comezou en outros municipios coruñeses hai dúas semanas, é coñecer de primeira man a situación dos concellos en materia deportiva, así como informarse dos programas de actividades que se levan a cabo. Os técnicos evaluarán tamén o estado no que están as instalacións actuais e exporán a nova liña de actuación que se pon en marcha dende a Deputación na área de deportes.

De cara ás eleccións de Novembro próximo xa se poden consultar os datos do censo electoral. Cando menos aqueles que sexan españois nacidos antes do 21 de novembro de 1993. O período de consulta ábrese hoxe e se prolonga ata o día 10 de outubro próximo. Nas Oficinas Municipais de Padrón, de luns a venres, de 8:00 horas a 15:00 horas. É imprescindible, para acceder ós datos, presentar o DNI ou Carné de Conducir. Os que dispoñan de certificado dixital poden consultar os seus datos en https://sede.ine.gob.es.

Os cidadáns empadroados en Arteixo antes do 29 de xuño de 2011 terán que consultar o Censo no Concello onde antes residían. No caso de figurar nel, poderán votar no colexio electoral correspondente ó seu anterior enderezo.

Semana de visitas do centro de transfusión de sangue. Comezan o día cinco en Meicende. En horario de tarde entre as catro e as seis e media. O mesmo día estarán en Pastoriza entre as sete e as nove da noite. O xoves 6 e o venres 7 de outubro en Arteixo, en ambos casos entre as catro da tarde e as nove da noite.

Na cultura, un ano máis, falamos do Festival de Títeres do Consorcio de As Mariñas que alcanza este ano a súa séptima edición. Ata o 12 de outubro próximo Arteixo e outros concellos do ente supramunicipal disfrutarán de 13 das mellores compañías do teatro de marionetas.

Di a organización que O festival este ano destaca pola variedade da programación e polas técnicas que se utilizan nos espectáculos e que inclúen obras con bonecos de luva, sombras, marionetas con fíos, de mesa, narracións ou teatro de máscaras. Trátase de achegar ó público unha gran variedade de estilos tanto no diseño das personaxes como na súa manipulación. As funcións de Arteixo serán no Auditorio do Centro Cívico Cultural. Comezan este xoves 6 de outubro ás 17:00 h con Juan Catalina, de Castilla-León, coa obra "Torta y leche". Para poder asistir como espectadores é imprescindible recoller as invitacións dende hoxe de 9:00 a 14:00 h, ou 1 h antes da función.