20110927 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 27 de setembro de 2011

D.S.

A nova ordenanza poderá “reactiva-lo mercado laboral en Arteixo”. O alcalde Carlos Calvelo defende a medida que pretende aprobar en pleno e que servirá, entre outras cousas, para outorgar licencias de obra menor en 24 horas. O executivo local traballa neste asunto dende o mes de agosto pasado.

A oposición cuestiona a medida. Xosé Márquez cre que se trata dunha decisión perigosa. O voceiro de TEGA amosa as súas dúbidas sobre a ordenanza.

Silvia Seixas alude á posibilidade de utilizar, xunto con PSOE e TEGA, un tercio da corporación para esixir ó goberno un informe xurídico completo sobre o que se pretende aprobar. A voceira do BNG critica a falla de información que, indica, hai sobre a ordenanza e cuestiona que se trate dunha medida que beneficie ós veciños.

No PSOE din que se trata dun “plaxio” da ordenanza que xa se aprobara en Oleiros. Martín Seco insinúa que a ordenanza excederá o contemplado na lei do solo e, como o BNG, avoga por solicitar un informe xurídico completo sobre o asunto.

O pleno, ás oito da tarde, non debaterá unha moción presentada polo PSOE na que se instaba ó goberno a reactiva-los espazos de intervención política na radio municipal. O goberno asegura que se trata dun asunto que non é competencia do pleno e que debe de chegar ó Consello de administración da emisora. O alcalde anunciou que se convocará en outubro próximo.

A plataforma de afectados pola construcción do porto exterior anuncia a convocatoria dunha asemblea para tratar asuntos que, indican, interesan a tódolos veciños do municipio. O encontro, sobre futuras infraestructuras, se celebrará no salón de plenos do concello o próximo venres ás 20:30 h.

4.200 viciños participarán nas actividades lúdicas e deportivas que ofertan as distintas concellerías. Só na de Servizos Sociais se recibiron 1.300 inscricións para as actividades que se desenvolverán entre 2011 2012. Entre outras atopamos cursos de pintura, manualidades, bolillos, coiro, restauración, patchwork, bailes de salón ou estimulación articular. Se desenvolverán en diferentes parroquias e se esixe que interesados estén empadroados en Arteixo.

As Escolas Deportivas Municipais acollerán na próxima tempada a 1300 persoas en setenta grupos distintos. O deporte escolar, en colaboración cos centros escolares e as ANPAs comezou xa a se impartir e se prolongará ata finais de xuño. Participan 600 nenos. Outro dos éxitos das actividades deportivas de Arteixo é a Liga Municipal de Fútbol Sala, na que están inscritos este ano 76 equipos con un total cercano ós 1.000 xogadores.

O Programa de Natación Escolar conta este ano con 200 nenos inscritos.

Boa parte dos establecementos de moda de Arteixo únense para ofrecer unha nova edición da pasarela de moda Arteixo. Sexa o próximo sábado a partir das oito da tarde no Pazo dos Deportes. O evento, algo máis de unha hora, conta con modelos profesionais que compartirán pasarela con afeccionados do municipio. As motivacións as expón a presidenta do Centro comercial aberto Ana García.

O desfile amosará coleccións de moda para home, muller, lencería.

Lembramos que a Deputación da Coruña mantén aberto o prazo para os pagos de tributos e as taxas municipais correspondentes a 84 concellos con xestión a cargo do organismo provincial. En Arteixo trátase do Imposto sobre bens inmóbeis; o Imposto sobre actividades económicas; a Taxa por entrada de vehículos e a segunda cota da taxa por instalación de postos e barracas.

O pago de valores como os impostos sobre bens inmóbeis e sobre actividades económicas, así como as taxas e os prezos públicos municipais, poderán realizarse antes do 21 de novembro sen recarga de ningún tipo. Os que realicen esta xestión entre esa data e o 31 de decembro do presente ano, terán que facer fronte a unha recarga asociada correspondente ao 5% da factura total.

O pago pode realizarse no Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, Banco Popular Español, Banesto, Banco Etcheverría, Banco Gallego, Banco Pastor, Banco Santander, Caja de ahorros de Barcelona e NCG Banco.

Punto e final ó programa “cultura para nenos”. Remata o próximo venres, 30 de setembro, con “Bajo mi cama una estrella” a cargo de La tirirta de teatro