20110926 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 26 de setembro de 2011

D.S.

O Centro Comercial Aberto de Arteixo da a benvida ó proxecto de peonalización do centro urbano. O goberno anuncia o comezo das obras para finais deste ano. Son 225.000 euros para ampliar un centro libre de coches dende a Avenida do Balneario a rúas como Médico Amenedo Casabella, Canónigo Cándido Varela, Alcalde Francisco Fernández, Alcalde Generoso González Mes e o tramo inicial da Ría de Ferrol. Ana García é a presidenta do centro comercial aberto.

O alcalde Carlos Calvelo indica que o proxecto servirá para potenciar o comercio e para humaniza-lo centro urbano de Arteixo.

A obra executarase con materiais similares ós empregados na peonalización da Avenida do Balneario.

O goberno defende a posibilidade de comezar a execución do centro cívico de Meicende en 2012. O exectuvo traballa na desconxestión da parcela onde se ubicará un edificio que se atraganta dende que o presentara o daquela alcalde Manuel Pose. Houbo problemas con propietarios dunha das parcelas afectadas.

O alcalde Carlos Calvelo cre que, a pesares dos problemas plantexados, a ubicación escollida é a idónea para os viciños de Meicende.

O goberno incluirá no orzamento de 2012 unha partida para a urbanización da parcela, Incluirá a apertura dun vial e a habilitación dunha praza pública. O executivo baralla a posibilidade de ubicar no edificio unhas oficinas da policía local, algo que xa barallara a anterior alcaldesa Pilar Souto. O proxecto do edificio, segundo se presentara en 2003, incluía un salón de actos e varias salas multiuso.

O pleno ordinario debatirá este xoves a ordenanza que servirá para a concesión de licencias de obra menor nun só día. Trátase dunha vella demanda veciñal e unha das promesas electorais de cada un dos partidos que concorriron ás últimas eleccións. O goberno recibiu a semana pasada os informes xurídicos necesarios para incluir na sesión esta ordenanza. O pleno, xa ás oito da tarde, servirá tamén para que o PSOE poña sobre a mesa a súa preocupación polo estado do paseo de Barrañán. Martín Seco agardará ó turno de rogos para pedir ó executivo unha actuación na zona que, asegura o socialista, está en estado de “abandono”. Os socialistas tamén pedirán unha actuación para establecer unha velocidade máxima de 30km/h no casco urbán de Arteixo. Martín Seco argumenta que a estructura das rúas do casco urbán fan “moi perigosa” a circulación de vehículos. O psoe indica que esta medida xa se contemplaba nalgún informe feito pola Policia Local.

Boa parte dos establecementos de moda de Arteixo únense para ofrecer unha nova edición da pasarela de moda Arteixo. Seá o próximo sábado a partir das oito da tarde no Pazo dos Deportes. O evento, algo máis de unha hora, conta con modelos profesionais que compartirán pasarela con afeccionados do municipio. As motivacións as expón a presidenta do Centro comercial aberto Ana García.

O desfile amosará coleccións de moda para home, muller, lenceiría.

Radio Arteixo comeza hoxe unha nova edición do concurso que, en colaboración coa compañía REPSOL, levará a dous oíntes desta emisora, con un acompañante cada un, ó circuito de Cheste, en Valencia, para presencia-la proba do campionato do mundo de motociclismo. Con todos os gastos pagados. Será ata o día sete de outubro. Todos os días á unha e media do mediodía formularemos unha pregunta. Os que a acerten entrarán no sorteo que realizarán dous responsables de REPSOL, en directo, nesta emisora. A compañía radicada en Meicende invita a varias emisoras comercias e só á municipal de Arteixo a participar neste evento que en 2011 se pon en marcha por segunda vez.

A Deputación provincial comeza hoxe a celebración do ‘Día Europeo das Linguas’. Faino coa posta en marcha dun curso exprés de portugués que se desenvolve no pazo provincial esta tarde entre as seis e as oito. Xa hai cen inscritos.
Durante a semana impartiranse cursos de polaco, mañá martes 27, holandés o mércores; e de escocés o xoves. Todos son gratuitos e os imparten profesores nativos.
Durante estas sesions, de dúas horas de duración, os participantes terán a oportunidade de aprende-las nocións básicas de cada lingua e cultura. Ademáis, os asistentes recibirán un dossier no que se recollen as palabras e expresions máis habituais en cada idioma.
Para se inscribir poden ir á sede da deputación ou chamar ó teléfono 981.080.334. Tamén no correo electrónico europedirect@dicoruna.es.