20110923 - Informativo Radio Arteixo

Informativo | Radio

Concello de Arteixo

Arteixo 23 de setembro de 2011

D.S.

O orzamento de 2011 sae adiante cos votos favorables do goberno, a abstención de TEGA e PSOE e o voto en contra do BNG. O pleno da corporación desestima así as alegacións presentadas ó presuposto e que incidían nos prazos de exposición pública e na necesidade ou non de incluír unha partida para que o concello faga fronte ás obrigas derivadas do convenio asinado en 2001 para a posta en marcha do polígono de Morás.

A sesión serve para certificar a nova etapa de diálogo na que parecen ter entrado goberno e oposición. O alcalde Carlos Calvelo aproveita a súa última intervención para tender unha man que axude a solucionar os grandes temas municipais.

Antes, o debate. O goberno descúlpase publicamente por non ter cumprido os prazos de exposición do documento. Faino a petición do PSOE e puntualiza que en ningún dos últimos dez anos se cumpriron eses prazos. Tratábase de habilitar un espazo para que se puideran presentar alegacións tamén os sábados. Sucedeu este ano. Sobre Morás o goberno asegura que consultará cos técnicos para determinar si é necesaria ou non a inclusión dunha partida no orzamento de 2012. Carlos Calvelo.

Xosé Márquez, na oposición, lanza unha suxestión como posible solución. O voceiro de TEGA avoga por valora-lo custe que suporía financia-lo 10% da urbanización do polígono e obter a cambio o 10% das parcelas.Os cálculos de Márquez din que os beneficios "superan el 50% del gasto".

No PP, explicacións técnicas. María José Riveiro é a voceira dos populares.

Martín Seco, no PSOE, reprocha a explicación e pide un debate político.

Silvia Seixas fai un repaso ó convenio asinado e ás obrigas contraídas. A nacionalista expón que a alegación que se debate non se houbera presentado se non existise o convenio de 2001. Seixas refírese a un documento,asinado pola xerente de Xestur e expresa as súas dúbidas respecto da súa validez.

A próxima cita no salón de plenos será o xoves próximo xa no horario habitual das sesións ordinarias: ás oito da tarde.

A Deputación da Coruña abre o prazo para os pagos de tributos e as taxas municipais correspondentes a 84 concellos con xestión a cargo do organismo provincial. En Arteixo trátase do Imposto sobre bens inmóbeis; o Imposto sobre actividades económicas; a Taxa por entrada de vehículos e a segunda cota da taxa por instalación de postos e barracas.

O pago de valores como os impostos sobre bens inmóbeis e sobre actividades económicas, así como as taxas e os prezos públicos municipais, poderán realizarse antes do 21 de novembro sen recarga de ningún tipo. Os que realicen esta xestión entre esa data e o 31 de decembro do presente ano, terán que facer fronte a unha recarga asociada correspondente ao 5% da factura total.

O pago pode realizarse no Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, Banco Popular Español, Banesto, Banco Etcheverría, Banco Gallego, Banco Pastor, Banco Santander, Caja de ahorros de Barcelona e NCG Banco.

A cita desta semana, dentro do programa “Cultura para nenos” é para Artestudio Teatro. Esta tarde poñen en escea, para maiores de 6 anos, o espectáculo “Valados”. O programa “cultura para nenos” rematará o próximo venres, 30 de setembro, con “Bajo mi cama una estrella” a cargo de La tirirta de teatro