Informativo Radio Arteixo

Arteixo 08 de febreiro de 2010
D.S.
Goberno e BNG dan luz verde ó orzamento municipal de 2010. O Concelleiro de facenda ven de confirmar esta mañá a fin das negociacións para sacar adiante un documento que se resiste dende novembro do pasado ano. Segundo o acordo alcanzado p bipartito incluiría na súa proposta partidas que apuntara o BNG. Trátase de accións no ámbito da cultura, promoción económica; transporte interparroquial; mobiliario urbano; inversións en Meicende; ludoteca e parque para bebés. Argimiro Rodríguez da por pechada a posibilidade de acordo co PP.
O documento orzamentario, máis de dous millóns de euros de inversión, chegaría a pleno, con toda probabilidade, o 25 de febreiro próximo.
Pilar Souto critica á Xunta de Galicia da que espera dende hai semanas a emisión dun informe que o Concello debe presentar no xulgado pola causa aberta pola situación do vertedoiro do Monticaño. A primeira edil amosa a súa preocupación por esta cuestión que podería supoñer a quebra económica do Concello.
A situación do vertedoiro de Monticaño e os problemas derivados de sentencias pendentes foron a base principal da longa conversa que a alcaldesa Pilar Souto mantivo co conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández a principios do pasado mes de xaneiro. Naquel encontro, en Compostela, tamén participou o concelleiro de Urbanismo José Luis Rama.
Entre outros asuntos a administración local puxo sobre a mesa as naves de Galán e Suevos, ou o proxecto das rotondas de Meicende,. O voceiro de TEGA cuestionou esta semana as responsabilidades políticas que se poderían derivar do episodio das naves de Suevos e Galán. Márquez descargou calquera movemento neste sentido nos informes técnicos. A alcaldesa Pilar Souto comparte a opinión do seu socio de goberno.
As naves de Suevos e Rañobre deberían de ser demolidas despois da orde dictada neste sentido pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Cortes na AG55. O proxecto de construcción de acceso ó porto exterior redactado pola Dirección General de Carreteras advirte de que as obras obrigarán a ocupar un carril ou unha calzada completa desa vía en función das fases de execución.
O Ministerio de Fomento garante que a ordenación da circulación na AG-55 plantea medidas que conleven como mínimo o mantemento dun carril en cada sentido.
O estudo non especifica canto durarán as restriccións á circulación nin qué tramo será o afectado polos cortes. O informe, que agora estudan os técnicos municipais, fixa unha serie de condicionantes ó trazado que partirá de A Furoca, bordeará o Monticaño e cruzará os viais de Suevos e Meicende. Pilar Souto deixa clara a súa posición contraria a Fomento, se chegara o caso, para contestar ás acusacións de inhibición do bipartito por parte do BNG e o PP locais.
O estudio do Ministerio plantexa a necesidade de proxectar un muro para alonxar o vial de de Borroa ou a afectación ó petroglifo de Monte da Canle, que debería ser trasladado. O BNG xa anunciou que pedirá a paralización do proxecto.
Balance habitual de fin de semana. O 061 asistiu durante a fin de semana a un total de 67 persoas debido a 50 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 64 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 50 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 67 persoas.A proporción de homes atendida foi do 48 por cento e a de mulleres do 52 por cento. Nas idades dos feridos, obsérvase que un 28 por cento dos atendidos ten entre os 20 e os 29 anos. Por provincias foi a de Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 21 sinistros cada unha durante os desprazamentos destas datas.
Semana de Entroido. As actividades deixan protagonismo a “Don Carnal”. O televisivo Rober Bodegas é a gran atracción do programa que propón a concellería de cultura e a de festas. O monologuista carballés, colaborador do exitoso “Sé lo que hicisteis” estará no Centro Cívico o próximo venres 2 de febreiro para poñer en escena “Un condón por si ligo”: Será as oito e media e con entrada a 2’50 euros. O programa de Entroido contempla ademais os tradicionais concursos. Infantil o sábado, con Chrystyan Magic e de adultos o martes. O luns 15 haberá parque de inchables en Arteixo, Meicende e Oseiro e o venres 19 será o enterro do Entroido, coma sempre, en Meicende. A programación complétase coa proxección da X Feira Histórica, o venres 19 ás oito e media e a celebración do 10 aniversario da Banda de Música o sábado ás sete da tarde.
Unha cita coa pensión. O Instituto Nacional da Seguridade Social ofrece unha charla coloquio sobre “A revalorización das pensións en 2010”. Tema moi actual que poderán seguir mañá no Centro de Maiores da Baiuca ás seis e media da tarde.












