O Goberno de Arteixo estudia o Proxecto do Vial de Acceso a Punta Langosteira

Urbanismo

Concello de Arteixo
Máis de cen veciños de Arteixo se achegaban onte mércores ao Salón de Plenos do Concello para escoitar de primeira man as aclaracións que o Goberno Municipal expuña a cerca do proceso de expropiación do Vial de Acceso a Punta Langosteira, un proceso que comezará a vindeira semana.

Este vial, proxectado hai xa uns anos, discorre integramente por territorio arteixán e obrigará a expropiar preto de 450 fincas. Onte, o Goberno Local puxo enriba da mesa as claves do proceso expropiatorio, e explicou aos veciños cales son os seus dereitos fronte ao mesmo, dende as reclamacións económicas –se non consideran xusto o pagamento- até as alegacións con respecto as medidas das fincas, ou ao seu valor catastral.


A Alcaldesa, Pilar Souto, afirmaba onte na xuntanza que o proxecto “ou mellor dito, unha separata do mesmo” chegou ao Concello o pasado luns, “polo que os técnicos competentes aínda o están estudiando. Xa solicitamos novamente a Fomento que nos enviara o proxecto completo para poder comprobar que se axustas ao Informe que estivo a exposición pública hai dous anos, e que non se incumpriu ningún procedemento”.

A este respecto, tanto a rexedora local como o Concelleiro de Urbanismo, José Luis Rama, foro tallantes: “Se existe unha soa irregularidade na aprobación deste proxecto, alegaremos a nulidade de pleno dereito sobre o mesmo. E para iso non existen prazos”.

A xuntanza contou coa presencia do Goberno Local e de varios técnicos municipais, encargados de aclarar as dúbidas específicas dos veciños con respecto aos seus dereitos legais e posibilidades de alegación.