Arteixo ultima o seu segundo Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes

O Concello de Arteixo atópase finalizando a redacción do diagnóstico do II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes(PIOM), unha actuación que implicará un salto cualitativo na xestión política municipal, xa que intentará impulsar a igualdade a través dunha
visión estratéxica e transversal nos distintos departamentos municipais.
Con este mesmo obxectivo, un equipo formado polo persoal do Centro de Información ás Mulleres (CIM), e o persoal técnico da empresa especialista en políticas de xénero, OBZ Consulting, responsables da elaboración do PIOM, téñense reunido nas últimas semanas con membros das
distintas concellerías, representantes dos partidos políticos na oposición e un amplo número de colectivos e entidades locais. No que vai de ano, mantiveron contacto con 16 centros educativos públicos e privados, 4 asociacións de nais e pais, 15 asociacións deportivas, 13
veciñais e 16 entidades sociais e culturais, ademais de 5 empresas concesionarias de servizos municipais, 4 forzas sindicais e as 2 asociacións empresariais existentes no municipio.
A próxima semana levaranse a cabo as derradeiras entrevistas do diagnostico, nas que participará o persoal técnico municipal das distintas áreas do consistorio, co fin de integrar as políticas de
igualdade nos distintos departamentos municipais, tales como as educativas ou as culturais.
Asemade, as persoas interesadas en aportar calquera tipo de suxestión ou recomendación á hora de elaborar este proxecto contan cun número de teléfono de contacto no que poden facer as súas achegas. É o 981 601415 , operativo de 9.00 a 15.00 horas.












