Pasar al contenido principal

Educación ambiental

O progreso técnico está a avanzar espectacularmente nos nosos días mellorando a calidade de vida dos cidadáns. Asociado a este progreso técnico xorden continuamente novas formas de deterioro do noso entorno. Para que este avance técnico non sexa contraproducente nun futuro para a saúde das persoas e resto de seres vivos é necesario atallar estes problemas compaxinando -dentro do desenvolvemento adoptado- o avance económico e o respecto ao ambiente.

A busca deste desenvolvemento sustentábel fai que principios como a educación, información e participación cidadá sexan claves, estando presentes estes non só nos grandes Tratados Internacionais de Medio Ambiente, senón que tamén nos Programas de Acción Comunitaria, Directivas Europeas e no noso ordenamento xurídico -como por exemplo na Lei 1/1995 de Protección Ambiental de Galicia-.

Por outro lado, a administración local é a máis achegada a cidadanía e compre que elementos como a educación ambiental e a sustentabilidade estean presentes nas políticas locais de maneira directa e tamén de forma transversal.

Segundo a Estratexia Galega de Educación Ambiental (Resolución do 3 de outubro de 2000 publicada no DOG de 23 de outubro de 2000) a finalidade da educación ambiental é o de promover unha toma de conciencia crítica sensíbel sobre os aspectos ambientas mediante a adquisición de actitudes, aptitudes e valores ambientais correctos. Para a consecución destes obxectivos o Departamento de Medio Ambiente desenvolve unha serie de actividades propias e que están incluídas dentro das modalidades non formal e informal que a devandita Estratexia establece:

 

  • II Xornadas de Micoloxía
  • Día da árbore. Unha vida, unha árbore.
  • Publicacións:
    • Guía Ambiental dos mamíferos mariños da costa arteixana
    • Guía Ambiental das árbores dos Concellos de Arteixo
    • Catalogo do IV Certame de Fotografía Ambiental
  • III Xornadas de Prevención dos Incendios Forestais
  • V Certame de Fotografía Ambiental
  • Actividade de presentación dos resultados da diagnose ambiental

 

Dentro da modalidade formal enuméranse as seguintes actividades ofertadas polo Departamento de Educación aos Centros de Ensino e que son desenvolvidas polo Departamento de Medio Ambiente:

 

  • Visita a Fraga e Muíños de Sisalde
  • Día da árbore cos escolares
  • Auga, fonte de vida e saúde
  • Roteiro ambiental polo litoral arteixán
  • Visita ao Encoro de Meicende
  • Exposicións e mostras de temáticas ambientais

 

 

Actividades da Educación ambiental

  • Certame de fotografía ambiental
  • Día da Árbore
  • Xornadas de micoloxía
  • Xornadas de prevención de incendios forestais
  • Xornadas cos escolares
  • Cursos

Certame de fotografía ambiental

Lugar: A mostra das fotografías terá lugar no Centro Cívico Cultural de Arteixo
Datas: abril - xuño
Destinatarios: Cidadanía en xeral

A fotografía pode ser unha ferramenta moi útil para rexistrar o patrimonio natural do concello -baixo a óptica da singularidade ou peculiaridade que exaltan os autores de cada obra, así como tamén para convidarnos a corrixir algunhas malas prácticas ambientais que aínda persisten. Este rexistro gráfico, debe promover en todos nós unha concienciación crítica do deber de preservar os elementos físicos e químicos do medio -auga, atmosfera, solo, clima e paisaxe- para que continúen mantendo en harmonía os ecosistemas que posibilitan o desenvolvemento de todas as formas de vida, porque, en definitiva, o ambiente é un condicionante da saúde da poboación e do resto dos seres vivos, e a prerrogativa de conservalo e transferilo está nas nosas mans.

Día da Árbore. Unha vida, unha árbore

Lugar: A determinar polo departamento de Medio Ambiente
Datas: Marzo de 2007
Destinatarios: Aos familiares dos nenos nados no ano anterior e cidadanía en xeral

Quizais as árbores son a representación máis xenuína da paisaxe dun lugar, tendo unha altísima importancia para o desenvolvemento da vida -debido a función que desempeñan- salvagardando o equilibrio ecolóxico e ambiental.

Esta actividade consiste na plantación de árbores autóctonas galegas co obxectivo de que os novos cidadáns queden vinculados ao medio natural, contribuíndo ao seu desenvolvemento persoal, rico en valores fundamentais que fagan que a sociedade sexa máis solidaria, máis tolerante e máis xusta nun futuro próximo.

Xornadas de Micoloxía

Lugar: Aula ambiental de Monticaño e saída ao monte
Datas: outubro - novembro
Destinatarios: Cidadanía en xeral

Os cogomelos, asociados case sempre aos ecosistemas forestais son un recurso pouco coñecido do monte galego, aos que só asociamos cos aproveitamentos madeireiros, de biomasa forestal ou, en raras ocasións como elemento complementario da paisaxe.

Nembargantes, Galicia presenta unha gran diversidade micolóxica susceptible de ser aproveitada e incluso explotada economicamente sempre que se respecte un principio ambiental fundamental: o de renovación.

O aproveitamento racional dun producto natural de calidade pode contribuír a incrementar o valor, o aprecio e o respecto polo monte, en contraposición co abandono xeral a que se está sometendo nos últimos tempos.

Xornadas de prevención dos Incendios Forestais

Lugar: Aula ambiental do Parque Forestal de Monticaño
Datas: abril - maio
Destinatarios: Cidadanía en xeral

Quizais un dos problemas ambientais máis característicos de Galicia é o dos incendios forestais. Mais, nos últimos anos, debido á desorde urbanística que Galicia padece e á falta dunha política forestal sustentábel, non só se queda nun problema ambiental con consecuencias sociais e económicas -ás veces irreversíbeis- senón que vai máis alá, poñendo en perigo un dos dereitos básicos como é o do dereito á vida e á integridade física. Emporiso, cómpre que toda a poboación -titulares de monte ou non- participe conxuntamente cos poderes públicos na busca de solucións, para que dunha vez por todas se resolva este problema que ano tras ano deixa un espectro de tristura, dor e penuria.

 

 

Senda de Sisalde

Nos últimos tempos, os roteiros veñen suscitando gran interese por parte da poboación por mor de seren unha actividade deportiva apta para a maioría da cidadanía. Mais, sen desprezar os beneficios para a saúde, que por suposto non son menos importantes, un roteiro non é tan só un paseo senón que ademais é unha excelente experiencia lúdica e educativa que achega o coñecemento do patrimonio, da etnografía, da cultura e do ambiente.

Particularizando no aspecto ambiental, as actividades de sendeirismo fomentan o contacto co ambiente natural, espertando condutas de respecto e sensibilidade cara aos elementos físicos que sustentan a nosa vida -auga, solo e atmosfera- e os demais seres vivos que conviven con nós. Asemade, esta actividade é unha oportunidade para promover cambios de procedemento na nosa vida diaria, porque dos roteiros pódense extrapolar os desprazamentos a pé ou en bicicleta, e reproducilos nos traxectos curtos que se fan a cotío, minguando así, a nosa dependencia polo vehículo privado.

 

Lugares de interese

  1. 1. Areal de Barrañán
  2. 2. Os Boedos
  3. 3. Fraga de Sisalde
  4. 4. Monte de Cartas
  5. 5. Camiño da Area
  6. 6. Muíño da Margarida
  7. 7. A Telleira
  8. 8. Os Batáns
  9. 9. Igrexario de Monteagudo
  10. 10. área Recreativa dos Barreiros
  11. 11. Muíño da Ibia
  12. 12. A Groba
  13. 13. Autoestrada AG-55
  14. 14. O Castro de Armentón
  15. 15. Muíño dos Zapata
  16. 16. Igrexario de Barrañán

A senda, que aquí se presenta, discorre polas parroquias arteixás de Barrañán, Chamín, Armentón, Monteagudo e Larín. O roteiro toma coma centro de referencia o río de Sisalde, circulando pola mesma ribeira en numerosas ocasións. O ambiente que rodea a senda é estritamente rural, existindo zonas naturais ou pouco moduladas por causas antrópicas. Partindo do Areal de Barrañán, e tomando o senso antihorario, a senda pasa polos Boedos de Sisalde, Monte de Cartas, Margarida, A Telleira, Os Batáns, Igrexario de Monteagudo, Os Barreiros, A Ibia e por último A Groba, extremo oposto e punto máis alto do roteiro. Na volta, hai que engadir como lugares de interese o Castro de Armentón, a Fraga de Sisalde e o Igrexario de Barrañán.

Como elementos representativos e singulares, cómpre destacar o propio Rego de Sisalde e os seus afluentes, as dunas de Barrañán, a Fraga de Sisalde, os numerosos muíños -Sisalde, Margarida e A Ibia- e o Igrexario de Monteagudo -s.XII-. Asemade, hai que engadir que a senda recolle un espectro bastante amplo da biodiversidade do termo municipal de Arteixo. A lonxintude total da senda é de 18,8 quilómetros existindo a posibilidade de facer itinerarios máis curtos tal e como se pode contemplar no plano do reverso.