Pasar al contenido principal

Información

 

Aire Augas Enerxía Espazos naturais e espazos verdes Flora e fauna Residuos Ruido Queima

Aire

A atmósfera é capaz de asimilar e procesar moitos dos contaminantes que se emiten debido a que o seu equilibrio é bastante flexible. Pero arestora, estanse a superar os límites de asimilación que a atmosfera ten, producíndose graves trastornos ambientais como o cambio climático, destrución da capa de ozono, choiva ácida, ozono troposférico, contaminación por metais pesados e partículas en suspensión entre outros. Moitos destes problemas que poden afectar gravemente á saúde humana e aos ecosistemas son problemas globais debido a que os contaminantes se difunden ao longo do globo terráqueo por mor da dinámica atmosférica.

Localmente esta contaminación pode ser especialmente grave cando se xuntan aspectos como o tráfico rodado e a industria. Arteixo, neste senso está afectado por industrias pesadas con grande emisións de contaminantes e tamén polo tráfico diario, cunha alta mobilidade que soporta a rede viaria arteixá, minguando a calidade do aire. Para salvagardar a saúde da poboación e protexer os ecosistemas estase a controlar a concentración destes contaminantes no aire -inmisión- cunha Rede de Calidade do Aire que conta coas seguintes estacións:

  • As Bordeiras. (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre Thorina / fume negro - fume normalizado).
  • Armentón (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre Thorina / fume negro - fume normalizado).
  • Suevos (Dispón de sensores de partículas en suspensión gravimetría).
  • Sabón (Dispón de sensores de partículas en suspensión gravimetría).
  • Arteixo (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre - fluorescencia ultravioleta / Sulfuro de Hidróxeno - fluorescencia ultravioleta / Partículas en suspensión absorción Beta).
  • Lañas (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre - fluorescencia ultravioleta / partículas en suspensión - absorción Beta / Dióxido de Nitróxeno - quimioluminiscencia).
  • Pastoriza (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre - fluorescencia ultravioleta / Sulfuro de Hidróxeno - fluorescencia ultravioleta / Óxidos de Nitróxeno totais quimioluminiscencia / Dióxido de Nitróxeno - quimioluminiscencia / Fluoruros - potenciometría).
  • Sorrizo (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre - fluorescencia ultravioleta, partículas en suspensión - absorción Beta).
  • Paiosaco (Dispón de sensores de Dióxido de Xofre - fluorescencia ultravioleta / partículas en suspensión microbalanza / Dióxido de Nitróxeno - quimioluminiscencia).

Os controis dos sensores existentes nos puntos de seguimento da Rede de calidade do aire e os parámetros resultantes das medicións son verificados no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, dependente da Xunta.

A maior parte destas emisións son efectos secundarios á produción de enerxía. Minimizar na medida do posible o uso do automóbil e facer un uso racional e eficiente da enerxía no fogar son aspectos que poden contribuír a reducir as emisións atmosféricas. Por outro lado, a busca de formas de enerxías alternativas, renovables e limpas é labor primordial nos vindeiros anos para tratar de reconducir o equilibrio atmosférico.

Volver arriba

 

Augas

Cando escoitamos polos medios de comunicación que se están a enviar satélites espaciais a Marte para investigar a existencia de auga, podémonos dar conta da transcendencia que este composto ten para o desenvolvemento da vida.

Por outro lado, a escaseza e a potabilización da auga son dous dos factores que marcan o desequilibrio entre o primeiro e o terceiro mundo. Incluso nos países desenvolvidos, a xestión da auga estase a converter nun tema de confrontación social e política.

Emporiso, a sensibilización en prol dun consumo e uso racional da auga é esencial. Tamén, se debe minimizar a contaminación das augas para facilitar a súa depuración. Así os residuos líquidos - como aceites, produtos de limpeza, etc.- non os debemos botar polos sumidoiros de augas residuais, senón que cómpre achegalos ao Punto Limpo situado no Polígono de Sabón.

Punto limpo
Horario
De luns a venres: 9:30 a 13:00 e de 15:30 a 19:00
Sábados: 9:00 a 14:00
Teléfono
607 265 919

Volver arriba

 

Enerxía

A enerxía defínese como a capacidade dun sistema para realizar un traballo. Enerxía provén do nome grego energeia: en- en, 'dentro' ; -ergon 'traballo'. Un dos principios fundamentais da Física é que a enerxía se conserva, é dicir, non se pode crear nin destruír, só a podemos transformar.

A produción e o consumo de enerxía é un marcador do desenvolvemento económico dun país ou territorio. Pero, a esencia da enerxía, aínda sendo un pilar da política económica, debémola mirar desde a óptica do Medio Ambiente polos seguintes motivos:

  • A enerxía que consumimos obtémola dos recursos naturais que hai na Terra en simbiose co Sol e a Lúa
  • Actualmente, un efecto secundario á produción de enerxía é a contaminación do medio. Concretamente o uso indiscriminado dos combustibles fósiles fai que se rompan ciclos vitais como son o ciclo do carbono, o ciclo da auga, o ciclo do osíxeno, o ciclo do nitróxeno e o ciclo do xofre, entre outros, producindo graves trastornos na saúde dos seres vivos.

Reducir estes aspectos, buscando formas de enerxía alternativas, que eviten a sobrexplotación dos recursos naturais, é dicir, facendo un uso racional deles, converténdoos en renovables- e por outro lado a busca de enerxías limpas non contaminantes- é tarefa primordial nos vindeiros anos.

En Arteixo contamos con dúas grandes industrias produtoras do sector enerxético baseadas en combustibles fósiles: a Central Térmica do Polígono de Sabón e a refinería situada parte no Concello da Coruña e parte no Concello de Arteixo-.

Programas de aforro enerxético

A única enerxía que non se debería producir evitando así a contaminación e sobrexplotación dos recursos naturais- e a que se malgasta, que non é pouca. Podemos evitar este aspecto realizando programas de aforro enerxético no fogar e nas empresas. Estes programas deben incidir nos seguintes aspectos:

  • Maximizar o aproveitamento da luz natural e substituír as lámpadas incandescentes polas de baixo consumo.
  • Non deixar os electrodomésticos na posición "en espera"(stand by) para evitar o consumo oculto.
  • O Frigorífico e o conxelador deben estar situados en lugares ventilados e lonxe dos focos de calor.
  • Os electrodomésticos de produción de calor como o ferro, o lavalouzas, a lavadora, a cociña, así como a calefacción debémolos utilizar eficaz e eficientemente xa que son os que máis enerxía consomen.
  • Debemos minimizar na medida do posible o uso do automóbil en prol do transporte público, bicicleta, ou andar a pé.
  • Se utilizamos o coche debemos
    • evitar as aceleracións e freadas bruscas.
    • conducir con tranquilidade.
    • evitar conducir coas ventás baixadas.
    • realizar as revisións periódicas establecidas.
    • controlar o consumo para poder detectar algunha avaría.
    • usar o aire acondicionado só o imprescindible.

Volver arriba

 

Espazos naturais

Praias

As praias son xeralmente lugares de esparexemento e de ocio para a cidadanía, pero tamén son espazos naturais de gran riqueza xeomorfolóxica que conforman parte da paisaxe particular do Concello de Arteixo. Desde o departamento de Medio Ambiente queremos promover un turismo ambiental sostible que é aquel que fai un uso racional dos recursos naturais, evitando a súa sobrexplotación, e que permitirá non só a protección e conservación destas paraxes singulares e peculiares, senón que tamén promoverá un desenvolvemento económico do sector turístico arteixán, non só a curto prazo senón que tamén a medio e longo prazo.

Áreas recreativas e de lecer

Arteixo é unha vila que está a sufrir nos últimos anos un aumento de poboación considerable o que fai medrar a extensión superficial dos seus núcleos urbanos. O novo urbanismo tende á humanización e á naturalización dos núcleos con zonas verdes e espazos libres para acercar a natureza á cidadanía e tamén para minimizar o impacto ambiental que causa o asfalto e o formigón.

As zonas verdes cumpren con dúas funcións: unha social e outra ambiental.

Volver arriba

 

Flora e fauna

Arteixo é un vila que soporta unha grande presión humana e industrial facendo que boa parte do territorio estea artificializado. Mais, aínda podemos atopar lugares que están pouco transf ormados ou modulados pola acción do home -como as praias, os bosques, os tramos altos e medios dos ríos Sisalde, Bolaños e Seixedo, etc- e que é onde podemos atopar unha boa parte da biodiversidade típica de Galicia. Asemade, cómpre salientar que o Encoro de Rexidoiro - no polígono industrial de Sabón -, a pesares de ser un lugar totalmente ántropico, sufriu desde a súa construcción un proceso de "naturalización" co asentamento de numerosas especies silvestres que o converteron, hoxe en día, nun lugar de gran importancia ornitolóxica.

Volver arriba

 

Residuos

Actualmente nas urbes estase a dar unha diverxencia importante debido a que se xuntan dous aspectos nada consoantes: por un lado o gran consumo de recursos naturais como a auga, a enerxía, etc.- e por outro lado a gran produción de residuos. Isto agrávase coa pouca sensibilización a hora de separar os residuos no fogar e tamén coa tendencia sociocultural -pouco prometedora- de relacionar consumismo con alta calidade de vida.

A separación en orixe é fundamental para lle dar un tratamento específico aos residuos atendendo ás características fisicoquímicas de cada un deles. Así é esencial separar os residuos orgánicos (restos de comida), os residuos inorgánicos (inertes), o vidro e o papel. O resto de residuos domiciliarios -voluminosos, teléfonos móbiles, pilas, aceites usados, roupa, medicamentos, etc.- débense achegar ao Punto Limpo de Sabón.

Horario do punto limpo
De luns a venres: 9:30 a 13:00 e de 15:30 a 19:00
Sábados: 9:00 a 14:00

O Consorcio das Mariñas é o encargado da recollida, transporte e xestión dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Arteixo, así como do resto dos concellos da área metropolitana da Coruña. O tratamento destes residuos faise na Planta de RSU de Nostián.

Teléfonos de contacto:
Punto Limpo de Sabón (Arteixo): 
607 265 919
Consorcio das Mariñas: 
981 784 704
Planta de RSU de Nostián: 
981 145 525

Volver arriba

 

Ruído, vibracións e radiacións

Ruído e vibracións

O ruído pódese definir como un conxunto de sons de natureza aleatoria que non gardan consonancia e harmonía entre eles. Pero esta definición non é de todo correcta, debido a que unha melodía a todo volume pode ser agradable nunha discoteca, pero para a veciñanza lindeira soe ser molesta. Emporiso, unha definición máis xenérica de ruído pode ser a de son non desexable.

A propagación do son efectúase a través de ondas mecánicas lonxitudinais que necesitan dun medio físico elástico que pode ser gasoso (xeralmente atmosfera), líquido ou sólido. O ruído como forma de contaminación ambiental está a causar graves trastornos físicos e psíquicos sobre a poboación.

Efectos sobre o organismo:

Trastornos físicos:

  • Aumenta a presión arterial e o ritmo cardíaco
  • Acelera o metabolismo
  • Aumenta a tensión muscular
  • Produce inhibición de órganos do aparato dixestivo
  • Modifica o ritmo respiratorio

Trastornos psíquicos:

O ruído causa en xeral malestar, desagrado, perda de capacidade mental e trastornos do sistema nervioso central.

O desagrado increméntase cando:

  • Son ruídos intensos e de alta frecuencia
  • Son discontinuos ou inesperados

As vibracións son un movemento oscilatorio de partículas ou corpos en torno a unha posición de referencia. Con frecuencia asócianse ao ruído intenso, quizais porque tanto ruído como vibracións orixínanse na mesma operación.

Trastornos das vibracións (aumenta ca frecuencia da vibración)

  • Producen mareos e vómitos
  • Trastornos no sistema nervioso central
  • Producen lumbalxias e hernias de disco
  • Variación del ritmo cerebral. Perda de equilibrio
  • Trastornos de visión
  • Aumenta o risco de enfermidades estomacais

Arteixo non conta con ordenanza específica sobre ruídos e vibracións acolléndose ao Decreto 320/2002 da Xunta de Galicia polo que se aproba a ordenanza tipo de ruído. Os núcleos urbanos arteixáns (Meicende, Pastoriza, Vilarrodís e Arteixo) é onde se dá con maior frecuencia este tipo de contaminación, debido fundamentalmente á conxunción de varios elementos como o tráfico, talleres, ruído comunitario, ruído industrial e hostalería. Moitos dos ruídos e vibracións que se producen a cotío son perfectamente previdos sempre que se cambien minimamente o modo da feitura das tarefas diarias. Os controis de ruído e vibracións no Concello de Arteixo realízanse polos Axentes da Policía Local.

Radiacións

As novas tecnoloxías melloran considerablemente a calidade de vida e o benestar social. Paralelamente a estas orixínanse novos problemas ambientais que lles afectan á saúde da poboación e deterioran o medio natural. As antenas de telefonía móbil e os propios móbiles emiten e recepcionan radiacións electromagnéticas de baixa frecuencia, é dicir, das chamadas non inonizantes - dise que son non ionízante as que non rompen as substancias que conformas as células dos organismos vivos-. De todos modos a controversia creada e bastante grande debido sobre todo a noticias recentes saídas nos medios de comunicación nas que se asociaba a posición de antenas de telefonía con determinados casos de cancro. Hai que sinalar que o Comité Científico Director da Unión Europea establece que:"Para radiofrecuencias y microondas... no se ha obtenido evidencia de efectos cancerígenos en niños o adultos a partir de los estudios epidemiológicos (algunos de los cuales son muy extensos, si bien los períodos de exposición y/o de latencia pueden no ser suficientes para obtener conclusiones definitivas). Otras observaciones, relativamente amplias, tampoco han proporcionado evidencias de citoxidad extrapolables a la población humana".

Temos que ter en conta que existen outras fontes de radiación -que a miúdo estamos expostos na vida diaria- e que poden repercutir na nosa saúde como son as pantallas de ordenador e tv ou os propios tóner das impresoras, polo que cómpre seguir as pautas e medidas de seguridade que os propios aparatos especifican nas súas instrucións, tanto no seu uso como na súa eliminación.

Volver arriba

 

Queima

Chamar o teléfono:

902 112 000

Condicións xerais

  • Prohíbese as queimas de residuos agrícolas ou forestais na época de alto risco de incendios forestais.

  • Compre a comunicación para realizar queimas de restos agrícolas amoreados en terreos situados a menos de 400 metros do monte.

  • Precísase autorización para queimas de restos forestais, amoreados ou non, en terreos agrícolas ou forestais, para queimas controladas en matogueiras, pastizais, cercados ou similares.

  • As comunicacións e autorizacións son só para queimar residuos agrícolas ou forestais, quedando prohibida a queima de calquera outro tipo de residuo.

Prescricións do lume

Desde tempos moi remotos Galicia sempre tivo un alta tradición cultural no emprego do lume que aínda persiste hoxendía. O abandono paulatino do monte e a gran complexidade a hora de desenvolver unha xestión forestal sostible fai que se acumule nel grandes cantidades de biomasa residual. O uso do lume, en condicións especiais, é unha boa ferramenta para eliminar esta biomasa residual.

O uso do lume mediante queimas prescritas (1) ten o seguintes obxectivos:

  • Usos silvícolas no seu sentido estricto.
  • Prevención e control dos Incendios Forestais.
  • Ordenación de pastos.
  • Ordenación da vida silvestre e recursos cinexéticos.
  • Control de pragas e enfermidades.
  • Mellora da paisaxe.

(1) A Sociedade de Forestais Americanos define queima prescrita como:

"A aplicación experta do lume aos combustibles forestais, no seu estado natural ou modificados, baixo condicións meteorolóxicas precisas, que permitan confinar o lume nunha área predeterminada e ao tempo producir a intensidade de calor e velocidade de propagación requiridas para acadar obxectivos específicos de ordenación".

Volver arriba